Na súa obra Fidelidade a Grecia, o filósofo Emilio Lledó lembra unha reflexión que aparece no libro VIII da Política de Aristóteles que hoxe resulta tan certeira como sorprendente: «Posto que toda a cidade ten un só fin, é claro que a educación ten que ser unha e a mesma para todos os cidadáns e que o coidado dela deber ser cousa da comunidade e non privada». Esta idea, que debería formar parte da confianza básica nunha sociedade democrática, nunha sociedade de «común decencia», segundo os sabios gregos, o señor Lledó e mais George Orwell, sería considerada no noso tempo unha declaración extremista, propia dunha esquerda «trasnoitada». ¶ Mais ocorre, por irónica desgraza, que vivimos tempos de trasnoite, unha manchea de tebras e incertezas que cuestionan moitas das ideas estabelecidas como «orde natural» polo rampante neoconservadorismo. Por exemplo, o da superior eficacia da xestión privada sobre a pública, tamén nos eidos da sanidade e da educación, dous dos eidos máis cobizados nos procesos de privatización. Até hai ben pouco, esa superioridade era un axioma no discurso político da dereita. Un principio que o neoliberalismo elevou a mandamento propio do pensamento único. Pouco importaba que Immanuel Kant fixera moito fincapé, como imperativo moral, en que as cousas teñen prezo, pero as persoas teñen dignidade. O que fixo o turbocapitalismo foi meter na mesma combustión o prezo e a dignidade. ¶ A pandemia tivo como efecto implicar no mesmo abraio o mundo enteiro e abanear tamén moitas credulidades. O que provocou, polo de agora, é un «gran susto» e non unha revolución. Pero a idea estabelecida de que a xestión privada dáballe mil voltas ao sector publico, polo que cumpría privatizar o Estado e poñer o Goberno en mans de tecnócratas, iso foi ficando como propio de arroutada nunha cháchara de cafetaría. Mais esa ideoloxía, xa moi camuflada, é a subxacente no xeito de gobernar e no orde mental do poder en Galicia. ¶ Aínda fica a pegada da saudade do modelo «tecnócrata» que predicou o Opus Dei no pasado, como se a Ditadura fose un campo de xogo neutral. Esa concepción subalterna da política e da xestión pública está a verse reflectida no xeito de afrontar un sistema escolar no que se garanta a seguridade, a igualdade e a conciliación, cun incremento do persoal e cunha continua participación social. Porque hai algo no que ningún goberno debería ter hoxe dúbida: só se evitará un afundimento reforzando os recursos públicos, a cohesión social e a conciencia comunitaria.