Por favor, deixemos agora o enxordecedor Brexit. É que, triunfen os leavers ou os remainers, o miolo do problema non está aí; está na UE. Ironicamente, os remainers arman barullo e mobilízanse moito, pero xusto o momento no que a UE paga menos a pena. Porque non é un problema de europeísmo fronte a nacionalismos; é a UE, a que lle está fallando a Europa. Non é fiel ao proxecto orixinal e foi excedida e adiantada pola globalización e por China; e iso por propio consentimento.
As economías nacionais ou rexionais deberán ser protexidas cando sexa necesario, porque a libre competencia e o libre comercio internacional son menos importantes que o benestar da xente e o futuro dos seus fillos
Debe advertirse que aquí non se parte de nostalxia ningunha do Estado. O Estado quedou tocado de morte na Primeira Guerra Mundial. Pero se somos interdependentes (ou sexa, nin literalmente independentes nin literalmente dependentes), as nacións, as entidades subestatais, as universidades, as bisbarras ou as cidades, con Estado ou sen el, sempre necesitarán un substancial autogoberno, en proporción ás súas respectivas finalidades. Polo mesmo, se non somos meras dependencias, as abundantes e ricas culturas e identidades que existen en toda Europa, comezando polas máis pequenas e próximas, deben ser protexidas. E polo mesmo, as economías nacionais ou rexionais deberán ser protexidas cando sexa necesario, porque a libre competencia e o libre comercio internacional son menos importantes que o benestar da xente e o futuro dos seus fillos.
A CECA comezou en 1950 para asegurar a paz, promover o desenvolvemento en Europa e ir facendo unha comunidade política nova, e conforme co espírito e a tradición europeos. Non naceu para permitir aos fondos de investimento das antípodas mercar e vender autoestradas ou empresas de aquí sen traba nin condición ningunha
Dicimos que a UE foi superada pola globalización e por China. Pero os pais fundadores de Europa non iniciaron a integración co remoto fin de algún día dar cumprido coas regras da OMC e permitir a libre circulación por Europa dos produtos de calquera parte do planeta, con dano para os produtores de aquí. A xustificación da unidade de Europa non era esa. A CECA comezou en 1950 para asegurar a paz, promover o desenvolvemento en Europa e, co tempo, ir facendo unha comunidade política nova, pero de dimensión europea e conforme co espírito e a tradición europeos. Non naceu para permitir aos fondos de investimento das antípodas mercar e vender autoestradas ou empresas de aquí sen traba nin condición ningunha. Como se podía esperar, a globalización e a integración na UE demostraron ser compatibles só até certo punto; non máis. Dito de outro modo: alén dun certo punto do proceso de globalización, a UE sobra; perseguir indefinidamente ambas cousas ao mesmo tempo non ten sentido. Hai xente nas elites europeas que non o ignora. Hai autores que sosteñen que imos cara un mundo globalizado que viría sendo como unha UE do mundo enteiro. De ser así, viría ser só unha entidade administrativa.
A UE xa non realiza ningunha tarefa única e irreemprazable. Ao revés: máis ben perde relevancia fronte a Asia. En canto a cultura e valores, pouca diferenza hai coas elites liberais de Norteamérica; pola contra, tende a impor a corrección política a todos os membros
Para explicar isto, imaxinemos que no século XVI, inmediatamente despois de crear o Estado español independente e soberano (ou calquera dos que se crearan naqueles séculos), este ingresara nun novo Estado pan-europeo: evidentemente, non tería sentido ningún porque automaticamente deixaría de ser un Estado independente e soberano. Ou imaxinemos unha federación. Se o Goberno central, e as súas leis e políticas, desbordan sistemática e desproporcionadamente aos estados membros e se meten a regular os detalles das galiñas, os Estados membros descenderán de facto a segunda división e carecerán de contido sólido. Até agora, a UE viña facéndolle isto aos seus membros, pero agora é a globalización quen ameaza con facer á UE, co tempo, algo así. Os pais fundadores europeos non crearon esta Unión para mergullar a Europa nunha historia interminable de máis e máis comercio global, dereitos globais, xurisdicións globais, regulación global das migracións e así sucesivamente. Polo mesmo, dubido moito que aprobaran buscar máis independencia dos EUA para volverse máis dependentes de China.
Pasa o tempo, e a UE xa non realiza ningunha tarefa única e irreemprazable. Ao revés: máis ben perde relevancia fronte a Asia. En canto a cultura e valores, pouca diferenza hai coas elites liberais de Norteamérica; pola contra, tende a impor a corrección política a todos os membros. Europa non leva a cabo unha política exterior nin de defensa importante, e Oriente Próximo e o Norte de África (por non falar de Ucraína) sábeno ben. Rusia ofrece orde e estabilidade aos seus veciños de Oriente Medio; China ofrece subvencións, e moitas máis cousas, a moitos países de varios continentes, para os cales Europa está a reducirse a un mercado ao que exportar ou un destino para os emigrantes.
Nótese que é xustamente baixo a actual estrutura político-administrativa da UE, cando o legado histórico e cultural de Europa corre o risco de converterse en arqueoloxía. Os diversos modelos universitarios europeos están en risco ou xa desaparecidos (como en España), e á UE non parece importarlle moito. Algo parecido podería dicirse, aínda que soe paradoxal, doutros importantes compoñentes da cultura europea, desde o gótico á propia Ilustración. Pregúntome eu que pensaría Schuman, humanista e amante de todo o que fose historia europea; un home que lía a Suma Teolóxica de Tomás de Aquino directamente en latín cando estaba na súa casa. Ou Churchill, que entre un período e outro de actividade política, gañaba o Nobel de literatura.
Alimentando dragóns que, tras arruinar as nosas industrias e provocar unha pandemia de desemprego, ameazan converternos nunha península periférica de Asia; a UE, nos feitos reais, traballa contra Europa, ou polo menos contra as súas clases medias e baixas
Todos sabemos que se aveciñan algúns desafíos dramáticos que poderían converter o noso mundo nun lugar inhumano. Nese terreo, as iniciativas non proceden ante todo de Europa. O home e a sociedade poderían ser robotizados. A liberdade persoal, exportada por Europa a todo o mundo, sofre un acoso e derrubamento coa colaboración da intelixencia artificial descarrilada. O mundo «silicolonízase» (Eric Sadin), sen que a UE faga fronte a iso cun enfoque humanista, especificamente europeo, porque non ten vontade de que Europa signifique algo realmente diferente.
Poñamos un exemplo. Cada vez que a UE pecha un acordo comercial con algún produtor remoto de viño ou pementos de Padrón baratos, prexudica os nosos agricultores, que pagan salarios en euros, así como cargas tributarias de seguridade social. E unha vez convertido ese acordo en Dereito europeo, o noso Goberno, nacional ou autonómico, na súa condición de aplicador natural do Dereito europeo aquí, indirectamente vén asumir a tarefa de prexudicar os nosos produtores de viño e pemento. Alimentando dragóns que, tras arruinar as nosas industrias e provocar unha pandemia de desemprego, ameazan converternos nunha península periférica de Asia, a UE, nos feitos reais, traballa contra Europa, ou polo menos contra as súas clases medias e baixas. Rebus sic stantibus, estar dentro ou fóra da UE supón cada vez menos, e en parte porque Bruxelas o asume así.
En xeral, como español, ao ver isto que está a ocorrer na UE, non podo evitar unha certa sensación de déjà vu. Na última década, os gobernos españois (mesmo sendo españolistas), aplicando o Plan Bolonia co celo dun converso, puxeron fin á tradición universitaria española. Nos anos oitenta, para entrar na CEE, os gobernos españois desindustrializáronnos, actuando así, indirectamente, contra os traballadores españois, os autónomos e as pequenas industrias, con resultados visibles até hoxe e cunha taxa de desemprego que xa hai moito que chegou para quedarse. Moitos anos despois, en Grecia, Tsipras asumiría a tarefa de gobernar contra a súa propia xente corrente.
É curioso, e supoño que casual pero, do mesmo xeito que España, a UE está a correr un risco: canto máis controladora no interior, menos relevante no exterior. E iso é decadencia. De seguir por aí, quizá chegue un momento en que non só sexa Inglaterra quen se propoña marchar.
Cabe unha alternativa, ben interesante pero non sei se moi viable a curto prazo: que Alemaña marche da Unión e todos os demais, incluíndo o Reino Unido, quedemos. Sería como resolver o problema territorial español concedendo a independencia a Madrid.