A Xunta garante o sobresoldo que a conselleira de Infraestruturas cobraba nunha empresa desaparecida

CSIF, o sindicato maioritario na función pública autonómica, considera «piratería administrativa» consolidar o salario que Ethel Vázquez cobraba hai once anos na extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos

A Coruña.- A Xunta de Galicia tramita unha nova norma que permitirá aos ex empregados dunha empresa instrumental desaparecida hai nove anos seguir cobrando como persoal laboral da Administración autonómica os mesmos salarios que percibían nela, notablemente superiores aos que reciben os funcionarios de carreira co mesmo nivel e funcións. Entre os beneficiarios desa medida, que a Xunta sacou a exposición pública en pleno mes de agosto, están a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez, e varios altos cargos do seu departamento.

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) denunciou que a diferenza dos salarios deses antigos empregados cos dos seus compañeiros funcionarios pode alcanzar un 30%, ao redor de 2.000 euros mensuais en doce pagas nos casos das nóminas máis altas, como a de Vázquez. É dicir, que poderán percibir ao redor de 28.000 euros ao ano máis que un funcionario de carreira que gañou a súa praza cunha oposición.

«É un agravio e unha aberración administrativa consentir que xente que pasou anos para sacar unha oposición estea a gañar ata 2.000 euros ao mes menos que outros do seu mesma categoría contratados por unha empresa pública», subliña José Francisco Sánchez-Brunete, secretario de organización de CSIF e portavoz na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos. Sánchez Boquete lembra que o salario medio dos funcionarios galegos é de entre 1.400 e 1.500 euros ao mes, o que nin sequera alcanza de lonxe a diferenza en sobresoldo que si poderán recibir a maiores a conselleira e quen traballou con ela.

Ethel Vázquez é unha enxeñeira de camiños que accedeu á presidencia da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) en abril do 2009, moi poucos días despois de que Alberto Núñez Feijóo fose investido tras gañar as eleccions autonómicas. Pero só estivo ano e medio na EPOSH, ata setembro do 2010, cando foi nomeada directora xeral de Infraestruturas.

Desde entón e ata que ascendeu a conselleira no 2014, Vázquez compaxinou ese e outros cargos coa dirección doutras empresas instrumentais da Xunta que, ao estilo dos numerosos chiringuitos da Administración de Feijóo, permiten contratar a dedo ao persoal directivo asignándolles salarios opacos non suxeitos á mesma fiscalización que os dos organismos e institucións centralizadas. Entre elas, dirixiu a Sociedade Pública de Investimentos e a Axencia Galega de Infraestruturas.

O Consello de Contas de Galicia vén de publicar un informe no que alerta da falta de transparencia, control e idoneidade dese tipo de entidades, que xa xestionan preto de 1.600 millóns de euros, é dicir ao redor do 15% do orzamento da Xunta, como recolleu  Luzes-Público.

Feijóo e Ethel Vázquez, na toma de posesión como conselleira / Foto: Ana Varela (Xunta)
foto: ana varela

O pasado venres 6 de agosto, véspera da primeira fin de semana do mes de vacacións por excelencia, a Consellería de Facenda sacou a exposición pública unha orde que modifica outra norma de rango similar do ano 2015, e que establecía as condicións laborais de acollida do persoal da EPOSH como persoal laboral da Xunta. A empresa fora extinguida tres anos antes, no 2012, e o seu persoal foi adscrito ao organismo Augas de Galicia mantendo as condicións do seu convenio de orixe a pesar, segundo CSIF, de que ese convenio xa expirara. «Iso permitiulles seguir cobrando ata o de agora as retribucións que percibían na EPOSH», sostén CSIF.

A Xunta cubre a dedo os postos directivos dun chiringuito que logo suprime; integra a ese persoal na Administración con salarios un 30% máis elevados que os que gañan unha oposición, e logo fainos funcionarios e mantenlles esas retribucións

O certo é que a norma do 2015 decretaba que os salarios do persoal da EPOSH iríanse equiparando ao do resto dos seus compañeiros, pero recoñecía aos primeiros o dereito para percibir «un complemento persoal de integración de carácter transitorio» durante un período de seis anos. Terminado ese prazo, a Xunta decidiu consolidar os seus privilexios salariais, e na orde que sacou o primeiro venres deste mes, garante aos ex empregados da EPOSH un «complemento adicional» permanente para non lles rebaixar o salario.

A conselleira Ethel Vázquez e quen traballou con ela na EPOSH poderán así gozar dese sobresoldo cando cesen nos seus cargos políticos e regresen aos seus postos, nos que serán persoal laboral fixo. Ademais, poderán converterse en funcionarios grazas ao proceso de funcionarización que a Xunta puxo en marcha, precisamente, o pasado mes de xuño.

Resumindo: a Xunta cubre a dedo os postos directivos dun chiringuito que logo suprime; integra a ese persoal na Administración con salarios un 30% máis elevados dos que percibirían se accedesen ao funcionariado tras gañar unha praza por concurso-oposición, e logo fai funcionarios aos elixidos e mantenlles esas retribucións.

Luzes-Público tentou obter unha valoración de Ethel Vázquez sobre os privilexios que lle garante a orde do pasado 6 de agosto para cando deixe o seu cargo, pero o seu departamento de Comunicación alegou que o asunto non é competencia da Consellería de Infraestruturas. Segundo o portal de transparencia da Xunta, a conselleira ten un salario de 81.708 euros ao ano – Feijóo cobra 84.894 euros brutos anuais-. Sobre o que non hai información ningunha é sobre que cobraba e cobrará como funcionaria ex presidenta da EPOSH.

«Levo moitos anos nisto e vin de todo, pero como isto, nada. Non é que perdesen o norte, é que perderon o decoro»

Elixir o mes de agosto ou outros períodos de vacacións para poñer en marcha leis ou medidas polémicas, quizá na esperanza de que pasen máis desapercibidas, é unha práctica habitual do Goberno de Feijóo e o seu aparello de propaganda. De feito, a exposición pública da norma que garante os soldos dos directivos da consellería de Vázquez comezou o 6 de agosto e termina este mesmo venres, co que será difícil que os funcionarios que se tomaron vacacións este mes poidan presentar as alegacións que consideren pertinentes.

Ethel Vázquez atendendo aos medios / Foto: Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

O certo é que a medida si indignou aos que se quedaron en agosto, tal e como alerta o portavoz de CSIF, maioritario na función pública autonómica galega. «Non pedimos que lle baixen o soldo a ninguén, pero si que llo suban a quen están por baixo no seu mesmo nivel e categoría e que gañaron unha praza polos seus propios méritos», defende Sánchez Boquete. «A norma modificouse para beneficiar a unha conselleira, é un acto de piratería administrativa. Levo moitos anos nisto e vin de todo, pero como isto, nada. Non é que perdesen o norte, é que perderon o decoro», conclúe.

CSIF leva varios anos denunciando o uso fraudulento dos chiringuitos que o Goberno de Feijóo di estar a suprimir, para seguir colocando a ex altos cargos e persoas afíns ao PP con xenerosas condicións laborais e salariais. Segundo fontes sindicais, a Xunta está a perseguir a quen se manifesta contra esa maneira de actuar.

Na última reunión da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, e segundo a versión de CSIF, o representante do Goberno autonómico, «visiblemente alterado», ameazou con emprender accións legais contra os traballadores que denunciaron a situación «co único fin de amedrentar ao sindicato e tratar de silencialo nas súas denuncias».

En outubro do ano pasado, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, ordenou abrir expediente informativo e investigación previa por unha información no boletín do CSIF, o Herald Toupeiras -as toupeiras son as galerías subterráneas das toupas, e o boletín toma o seu nome como alegoría polos canos dos chiringuitos da Xunta-. Un dos artigos aseguraba que a Xunta convocara a miles de opositores en Silleda (Pontevedra) en pleno ascenso da segunda onda da epidemia de covid-19, sabendo do risco de contaxio ao que os expuña porque xa decidira reconfinar varias poboacións.

«Durante o devandito procedemento», detalla CSIF, «delegados desta organización sindical foron sometidos a exhaustivos pero ineficaces interrogatorios co obxectivo de que desvelasen as súas fontes de información así como aos autores dos artigos publicados no Herald Toupeiras, todo iso nun estúpido e fracasado intento de amedrentar e silenciar a esta organización sindical».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail