O 25 de xullo e os cen metros que explican Galicia

A Coruña.- Hai apenas un centenar de metros entre a praza do Obradoiro e a da Quintana. Percórrense en pouco máis dun minuto. Suficiente para pasar do incenso ás gaitas, dos uniformes militares ás camisetas reivindicativas, da solemnidade ao bulicio das bandeiras galegas con estrela vermella. Cada 25 de xullo, mentres a Coroa, o Goberno, a Xunta, a cúpula militar e as autoridades eclesiásticas renovan na catedral de Santiago a ofrenda ao apóstolo, a uns pasos de alí miles de persoas celebran o Día da Patria Galega entre proclamas nacionalistas, republicanas e de esquerda. No medio, miles de mozos prolongan a resaca dunha das noites máis multitudinarias do ano, cando Compostela se transforma durante unhas horas nunha mestura de romaría, verbena universitaria e entroido.

A imaxe alimenta o tópico das dúas Galicias, aínda que Galicia sempre conviviu cos contrarios. Na terra onde unha das maiores fortunas do planeta levantou o maior imperio mundial da moda rápida, centos de miles de persoas seguen vivindo á beira da pobreza. Na comunidade onde case todo o mundo coñece a lingua propia, cada vez menos mozos a utilizan. No país onde o centro-esquerda sociolóxico sobrevive dende hai case catro décadas á hexemonía electoral da dereita; onde o golpe militar de 1936 deixou unha das represións máis feroces da retagarda franquista, a extrema dereita organizada apenas atopa hoxe espazo político.

O escritor, poeta e xornalista Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras 2024 e codirector de Luzes, prefire falar de diversidade antes que de antagonismos e contradicións. «As dúas imaxes que se dan en Santiago son unha escenografía non só local, senón representativa das pulsións que vive hoxe o mundo», explica. Incluso dentro da propia manifestación nacionalista, engade, «conviven sensibilidades e colectivos alternativos moi diversos». Para Rivas, a fotografía do 25X transcende a Galicia porque enfronta dous xeitos moi diferentes de entender o espazo público: «A ofrenda ao apóstolo é a necropolítica, unha actualización do vello pacto entre o trono e o altar que hoxe representan as democracias modernas; mentres a biopolítica está nas rúas, onde reside a vida do pobo».

Desequilibrio

A arquitecta Teresa Táboas, secretaria xeral da Unión Internacional de Arquitectos, primeira muller que presidiu o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e exconselleira de Vivenda do Goberno bipartito, introduce un matiz decisivo. «Os paradoxos e contradicións non son exclusivos de Galicia. Culturalmente están en todo o Estado. Pero aquí conviven mundos moi diferentes. Non falaría tanto de contradicións como de desequilibrios», que atravesan, relata, cuestións tan distintas como o envellecemento, o modelo territorial, a lingua ou o sistema político.

O país de Rosalía de Castro, que converteu a migración nun dos seus grandes relatos contemporáneos; o de Castelao, que soñou unha Galicia capaz de gobernarse a si mesma; o de Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, pioneiras do pensamento feminista cando esa palabra apenas existía; ou o de Isaac Díaz Pardo, que quixo reconciliar industria, memoria e cultura, segue escapando unha e outra vez ás categorías simples. Como advirte Rivas e confirma Táboas, dende fóra Galicia continúa aparecendo como territorio remoto, resignado e conservador, cando, dende dentro, é moito máis complexo. Os cen metros que separan as dúas representacións do 25X tamén representan a distancia entre os contrastes que Galicia leva máis dun século intentando conciliar.

Rueda e Feijóo, con outras autoridades na praza do Obradoiro o 25 de xullo de 2025 / Foto: Xunta

Se hai que elixir unha soa imaxe para resumir o capitalismo galego abonda con mirar Arteixo. Alí naceu o maior grupo téxtil do mundo e unha das maiores fortunas do planeta. Inditex mudou o xeito de vestir de varias xeracións de mozos nos cinco continentes, pero esa mesma comunidade onde Amancio Ortega levantou un imperio empresarial mantén unha das rendas medias máis baixas do Estado e preto dunha cuarta parte da súa poboación vive en risco de pobreza ou exclusión social. Galicia exporta riqueza moito mellor do que a distribúe, é o paradoxo do seu modelo económico: capaz de xerar empresas globais pero incapaz de lograr que a prosperidade alcance por igual ao conxunto da súa sociedade.

A contradición adquire unha dimensión case literaria cando se observa a pirámide demográfica. A empresa que viste o futuro naceu nun dos territorios máis envellecidos de Europa, onde só Asturias a supera nese índice. Por cada galego menor de 20 anos hai xa máis de dous maiores de 65. Zara, Bershka e Pull&Bear marcan tendencia entre adolescentes de Tokio, Cidade de México e Nova York, mentres miles de aldeas galegas contemplan como desaparecen os últimos nenos das súas escolas. «O envellecemento é un exemplo dese reequilibrio que necesitamos urxentemente», resume Táboas.

O idioma

Ningún outro paradoxo galego resulta tan doloroso como o que afecta ao seu idioma, que sobreviviu a séculos de prohibicións e que parece ter hoxe máis dificultades para sobrevivir que entón. A comunidade bilingüe de España onde a lingua propia ten un maior grao de coñecemento social é tamén a única na que perde falantes. Case todo o mundo entende o galego, pero cada vez menos mozos o incorporan con naturalidade á súa vida cotiá.

Táboas no cre que sexa un proceso espontáneo. «A perda de peso do galego é unha estratexia de goberno do PP, que Alfonso Rueda continuou dende as maiorías absolutas de Alberto Núñez Feijóo. Converter a lingua en instrumento de disputa política foi primeiro unha ferramenta electoral e logo de goberno». Para o presidente da Xunta, nada máis lonxe da verdade: «Somos un pobo humilde, traballador, unido, aberto, moderno e cheo de futuro, que coida a súa terra e o seu mar e protexe a súa lingua», dixo Rueda o pasado xoves no acto anticipado que organizou o PP con motivo do Día Nacional.

Alfonso Rueda: «Somos un pobo humilde, traballador, unido, aberto, moderno e cheo de futuro, que coida a súa terra e o seu mar e protexe a súa lingua»

Poucas realidades explican mellor esa tensión, tamén entre modernidade e débeda histórica, que a situación das mulleres galegas. Durante décadas sostiveron as economías de centos de miles de familias cuxos varóns adultos emigraron a América ou a Europa –foron máis de millón e medio no século XX–. Son as viúvas de vivos, separadas dos seus maridos durante décadas. Galicia tamén foi a terra de figuras que romperon moldes moito antes de que o feminismo ocupara o centro do debate público, pero o seu legado convive coas pensións femininas máis baixas de España xunto coas de Estremadura. Unha xubilada galega cunha pensión contributiva cobra uns 1.100 euros ao mes, un 30% menos que un home e 472 euros menos que a media nacional de ambos os sexos. Unha pensión non contributiva media para unha muller rolda en Galicia os 400 euros.

As contradicións alcanzan a política, claro. Segundo o CIS previo ás eleccións autonómicas de febreiro de 2024, os galegos sitúanse ideoloxicamente arredor do centro esquerda. Pouco despois de que se publicara a enquisa, Rueda revalidou a maioría absoluta do PP, que gobernou a Xunta durante 37 dos 44 anos de autonomía. Tampouco aí serven as explicacións simplistas, e Manuel Rivas rexeita a idea dunha Galicia eternamente de dereitas: «É difícil resumilo, pero gústame esta frase: Galicia é conservadora, non reaccionaria». Esa diferenza axuda a entender por que mentres a extrema dereita medra en boa parte de Europa e de España, Vox segue sendo irrelevante en Galicia. «A explicación fácil é dicir que xa está dentro do PP, pero iso tampouco serve, porque entón ocorrería igual en Madrid ou en Andalucía, e non é así». Para Teresa Táboas, a hexemonía do PP ten que ver «coa lei electoral e o desequilibrio territorial que xera». Lembra que en 2009 a suma dos votos do PSOE e do BNG superou á do PP, aínda que Alberto Núñez Feijóo obtivo maioría absoluta en escanos.

Memoria

Hai outra contradición que segue percorrendo Galicia 90 anos despois do golpe de 1936. A Guerra Civil apenas existiu como fronte de batalla porque a sublevación triunfou en cuestión de días e deu paso a unha das represións máis sistemáticas e sanguinarias do franquismo. Alcaldes, mestras, sindicalistas, médicos, xornalistas, deputados, campesinas… A violencia non respondeu a unha lóxica militar, senón a unha vontade de exterminio do adversario político antes incluso de que puidese organizar ningunha resistencia. «Foi unha cazaría», resume Rivas. «Cando a comisión que levara a Manuel Azaña [o presidente da República] o Estatuto de Autonomía recén aprobado regresou a Galicia, foise atopando cadáveres nas cunetas. De quen integraban aquela delegación, a maioría dos que volveron acabaron tamén asasinados».

No país onde aquela violencia deixou unha pegada tan profunda, porén, a extrema dereita organizada apenas atopou espazo político. Vox non ten representación no Parlamento galego nin nas Cortes Xerais por circunscricións galegas; tampouco conta cun só alcalde. Só unha concelleira de entre máis de 3.700 edís que se elixiron en 2023.

Manifestación en defensa do galego o pasado 17 de maio en Santiago con motivo do Días das Letras Galegos / Foto: Queremos Galego

A tensión entre tradición e cambio tampouco resulta nova. A miúdo preséntase Galicia como unha esquina remota do mapa, un territorio que chega sempre tarde á historia. Manuel Rivas rebate esa idea. «Sitúasenos como un lugar escuro e afastado que alumou a tipos como Franco, Fraga, Rajoy, Feijóo… Pero Galicia nunca foi un fin do mundo; foi un cruzamento de camiños do mar, que eran os grandes camiños da historia». E lembra que aquí xurdiron as revolucións irmandiñas, consideradas as primeiras grandes rebelións campesiñas da Europa moderna; que o levantamento liberal dos mártires de Carral precedeu ás revolucións europeas de 1848; que a Fronte Popular e o Partido Galeguista arrasaron nas eleccións de febreiro de 1936 apenas uns meses antes do golpe; e que o bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño foi o primeiro ensaio dunha coalición estable entre socialdemocracia e nacionalismo moito antes de que esa fórmula chegara ao Goberno de España. «O mito histórico tamén é falso», conclúe.

A economía ofrece máis contradicións. Galicia albergou a primeira entidade financeira de España, o Banco Etcheverría, e durante boa parte do século XX construíu un dos sistemas financeiros propios máis sólidos do país. Banco Pastor, Banco Gallego, Banco de Galicia, Caixa Galicia, Caixanova… Hoxe non queda ningún baixo control galego. Boa parte das decisións estratéxicas que afectan á economía galega tómase a centenares de quilómetros.

Sentimento de espolio

Algo parecido sucede coa enerxía. Encoros, centrais hidroeléctricas e miles de aeroxeradores converten a Galicia nunha das grandes produtoras de electricidade do Estado. Produce bastante máis da que consome, pero esa abundancia convive cun arraigado sentimento de espolio enerxético. A electricidade viaxa; o impacto ambiental permanece. Das mobilizacións contra a central nuclear proxectada en Xove nos anos 70 ás protestas contra as verteduras radioactivas na fosa Atlántica nos 80, o movemento Nunca Máis nos 2000 ou a contestación social actual ao proxecto de Altri, o ecoloxismo galego atopou case sempre un fío condutor: a sensación de que o país soporta os custos mentres outros obteñen os beneficios.

A mesma lóxica atravesa o mar. Galicia posúe máis quilómetros de costa útil que ningunha outra comunidade española e concentra boa parte do poder pesqueiro europeo. A súa identidade colectiva continúa mirando ao Atlántico. Pero cada ano vive menos xente del. O número de afiliados ao réxime especial do mar reduciuse drasticamente en apenas dúas décadas, de máis de 28.000 a menos de 17.500 traballadoras e traballadores.

Manuel Rivas: «Galicia nunca foi un fin do mundo; foi un cruzamento de camiños do mar, que eran as grandes autoestradas da historia»

Parecería que o paradoxo galego obriga a elixir: entre a Quintana e o Obradoiro; entre Rosalía e Amancio Ortega; entre Castelao e Fraga; entre a aldea e Zara; entre a migración de fóra e a migración cara a fóra; entre os muíños eólicos e a factura da luz; entre o decimonónico do seu himno oficial –composto sobre o poema Os Pinos de Eduardo Pondal–, e o irreverente do seu himno oficioso –Miña terra galega, de Siniestro Total–.

Quizais é que leva demasiado tempo sendo contemplada como un territorio de néboa, silencios e tópicos, cando foi aquí onde se levantaron os irmandiños contra os señores feudais; onde Concepción Arenal defendeu a reforma social cando as mulleres apenas podían acceder á universidade; onde Emilia Pardo Bazán desafiou o canon literario e o patriarcado; onde Alexandre Bóveda pagou coa súa vida o compromiso co autogoberno; onde Isaac Díaz Pardo intentou reconciliar industria, memoria e cultura; onde o cartógrafo Domingo Fontán debuxou por primeira vez ao país sobre un mapa antes incluso de que existise como suxeito político contemporáneo.

No bordo do mapa

Quizais por iso Manuel Rivas rexeita a idea dunha Galicia resignada ou periférica. «Moitas cousas pasaron primeiro aquí». É unha reflexión que vai moito máis alá do orgullo local. Obriga a revisar unha historia escrita como se o Atlántico fose un bordo do mapa, cando durante séculos foi a principal autoestrada do mundo. Tamén Teresa Táboas invita a desconfiar das simplificacións. O que moitos interpretan como contradicións, sostén, son en realidade desequilibrios: entre xeracións; entre o litoral e o interior; entre homes e mulleres; entre quen producen a riqueza e quen a gozan; entre a Galicia que mira ao mundo e a que teme quedar baleira. Non son escenarios incompatibles. Pero neles represéntanse as tensións dun país que segue buscando o seu punto de equilibrio.

Quizais por iso o 25X di moito máis do que aparenta. Mentres na praza do Obradoiro o Estado renova un ritual que afunde as súas raíces na alianza histórica entre a Coroa, o Exército e a Igrexa, na Quintana miles de persoas reivindican outra idea de Galicia. Entre ambas as prazas apenas median uns pasos, pouco máis dun minuto de camiñada. Non hai muros. Nin fronteiras. Só cen metros. Unha distancia mínima na que cabe case toda a historia contemporánea de Galicia. Un xornalista de Vilanova de Arousa resumiuno un día de outono en Bruxelas, cando propuxo reescribir cunha soa frase o preámbulo do Estatuto de Autonomía: «Galicia por un lado pode ser, pero polo outro, que quere que lle diga?».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail