Parar o bulldozer da Internacional do Grande Retroceso

Todos os xeitos de estupidez adoitan estar conectados. Temos un exemplo moi recente na paracampaña política por parte de ultra-parvos e consistente na colocación invasora de grandes vallas publicitarias cos nomes deturpados de lugares como Sanxenxo, Ourense e A Coruña e coa sinatura: «Hablamos español». Ademais de ruín, unha chafallada. Como se alterar a toponimia fose un triunfo para alguén. A consigna que se acae: «Hablemos mal». Un esperpento de mofo colonial, que tivo xa nas redes unha boa réplica cómica, pero que é síntoma dunha estupidez ilimitada, moi actual, de moito maior alcance e gravidade. Quen nega a diversidade lingüística e cultural adoita ser ese tipo de xente que tamén a nega ou a ignora ou a despreza en todos os ordes da vida. O uniformismo é o bulldozer da cobiza e do autoritarismo. O bulldozer que achanta a natureza, que deforesta, que arrasa montes e fontes para as xigantes explotacións mineiras, que «urbaniza» litorais e ribeiras fluviais con campos de golf, que ocupa as terras e seca acuíferos con monocultivos, que espalla as macrogranxas, ese bulldozer da «economía fáustica», que segue multiplicando o disparate do crecemento ilimitado ten o seu equivalente no bulldozer ideolóxico que avanza como Internacional do Gran Retroceso nas democracias e que desertifica aínda máis os países sometidos a ditaduras e réximes opresivos. Si, todas as estupideces están conectadas, e maniféstanse sen disimulo nos negacionismos ou nos postulados que con condescendencia crítica demos en chamar «iliberais», cando non «populistas», ese caixón onde entra todo cando non se queren chamar as cousas polo seu nome: o fascismo que volve. O crecemento ilimitado, a explotación ilimitada, o armamentismo ilimitado, a desigualdade ilimitada, o estado de vixía ilimitada, acabará levando a xeitos de poder ilimitado. A igual que ocorreu en todas as grandes loitas da humanidade, a Internacional do Grande Retroceso, incluído o goldrallo reaccionario hispano, xorde porque hai unha toma de conciencia fronte a dúas guerras que estarrecen o mundo: contra a muller e contra a natureza. E cando falamos de natureza tamén falamos de humanidade tratada como subhumanidade, esa que, como en Madagascar, só ten un cacto de espiñas que levarse á boca. Negar o Holocausto é un delito de odio e está ben que o sexa. Tamén debera estar inhabilitada para exercer un cargo público calquera persoa que negue a violencia de xénero ou a existencia dunha emerxencia ecolóxica. Porque é unha política do dano, que está a causar moita dor e vai causar moita máis. Economía fáustica, política fáustica. O réxime propio do inferno. Son termos utilizados en O fogo da fin do mundo polo sabio ecoloxista Wendell Berry, que se inspira para esa denominación no Doutor Fausto de Christopher Marlowe. Fausto, un home de ciencia, quere posuír «todos os tesouros da natureza». Para isto, ofrece a súa alma a Lucifer, quen lle envía a un demo, Mefistófeles, para servirlle, en teoría, de escravo. Na práctica, el será o amo. Cando Fausto lle pregunta: «E como é, pois, que agora non estás no inferno?», vai Mefistófeles e responde: «Non, non estou fóra del, isto é o inferno».

Para que non veña o inferno, comecemos por defender o que aínda non é inferno. Parar o bulldozer da Internacional do Gran Retroceso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail