O máis importante é o máis oculto

Nos seus Comentarios á sociedade do espectáculo, escribiu Guy Debord: «O espectáculo organiza con destreza a ignorancia do que sucede e, inmediatamente despois, o esquecemento do que, malia todo, chegou a coñecerse. O máis importante é o máis oculto». ¶ De inmediato, nada máis confirmarse os resultados electorais, o lema «Galicia, Galicia, Galicia» ficou esquecido para que enchese o escenario o verdadeiro pleonasmo: «Feijóo, Feijóo, Feijóo». Xa nada tiña que ver coa gobernanza de Galicia, senón coa gobernanza futura do PP e coa orientación da dereita para a reconquista do poder central no Estado español. ¶ Nin Galicia nin Galicia nin Galicia. Ese 3G só foi a ferramenta. Galicia como un GIF. O máis importante mantívose oculto na campaña. Cumprido o obxectivo, o GIF Galicia pasou a ser un simple reclamo. O máis importante, o único importante, era o sacramento da confirmación de Feijóo como futuro patrón do emporio «nacional». E como ladaíña de fondo, como un chirlomirlo de animada coral mediática, podíase oír o ensaio do gran remake: «España, España, España». ¶ O termo «populista» ten hoxe un significado moi negativo na política e no xornalismo. Utilízase como un estigma ou alcume para descualificar posicións consideradas extremas. Nesa visión, Venezuela sería o paradigma de «populismo». Mais, como denominar dende a razón política o que vén de ocorrer en Galicia?  Semellaba que, no período autonómico, Fraga levara ao extremo a política populista e o «culto á personalidade». A diferenza entre o mestre e o discípulo é que Fraga proclamaba con fachenda o seu «populismo», mentres que Feijóo, renegando dos «populistas», levou o «culto á personalidade» ao paroxismo. Toda a súa estratexia  semella inspirada na Santísima Trindade, dispensando. El é presidente, el é Xunta, el é Galicia. Tres persoas distintas e un só deus verdadeiro. ¶ Na crise do Prestige, os asesores de Aznar recorreron a un técnica propagandística denominada «aldea potemkiana». Elixiron Muxía. Tratábase de converter esa «aldea» nun escaparate exemplar. Un escenario idílico de cartón pedra. Até que a fachada se veu abaixo polo vendaval de realidade. ¶ O que fixo Feijóo foi de Galicia enteira unha «aldea potemkiana». Todos os indicadores de benestar dun país empeoraron dende 2009. Houbo desastres de xestión que acabarían co mesmísimo Kim Jong-Un, como o desaparición das caixas de aforros ou o escándalo PEMEX. Esa ficción de «aldea potemkiana» abanéase cando se escoita con lucidez e afouteza alternativa a palabra contraria. Así se veu no único debate que se permitiu na gaiola mediática, cando unha Antígona galega, Ana Pontón, moveu o silencio. Que pasaría se houbese media decena de debates? ¶ E podemos rematar polo comezo, con Guy Debord e outro dos seus comentarios á sociedade do espectáculo: «Xa non está permitido rirse da ineptitude, que en todas partes faise respectar».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail