Non se sabe a verdadeira razón da renuncia de Núñez Feijóo a competir polo poder do Partido Popular, el que era reclamado como unha especie de D. Sebastião hispano por grandes vultos da dereita e por non poucos comentaristas ben mantidos e adestrados na adulación que espallaron por Madrid unha lenda milagreira. Pero ou non saían as contas ou o Dossier das Amizades Perigosas non resultaba ser un conto de lagartiño de verán senón todo un relato escuro con poderoso bicho que puidera espertar como dragón de ira. Ou ambas as dúas cousas. Iso explicaría o fracaso da operación «feijóo-opus-sebastianista», saudade dunha quimérica restauración liberal-conservadora con cerna nacional-católica. O espavento da ambición mudou de súbito nun movemento de retirada pouco heroico, con toda a rolada acocorada no poñedoiro galaico. ¶ Se hai moitas razóns para entender o fracaso da aventura na conquista do poder estatal, resulta inexplicábel nesta altura o confort co que goberna Feijóo en Galicia. Desaparecido todo pouso de galeguismo eficaz, o único trazo ideolóxico desta Xunta que lle dá un chisco de visibilidade no xogo político na Hespaña é o seu anti-catalanismo. Unha visibilidade fusca, cada vez más exotérica. Todo un presidente galego a guindar bravatas dende o Atlántico ao Mediterráneo, amplificadas polos medios especializados na produción de odio. Velaí o discurso da desintelixencia e da grosería: culpar a Catalunya do atraso e a marxinación de Galicia. ¶ Ese é un dos xeitos de distraer as súas responsabilidades. Que son moitas. O Goberno de Núñez Feijóo é o máis ineficaz da historia da autonomía galega, que xa é dicir. Mesmo Fraga intentou poñer unha pátina de ilustración no seu despotismo. O despotismo actual é ruín e nugallán, só larpeiro como facción apetitosa de despoxos. No Estado español están a mudar algunhas cousas esenciais, ou hai esa espreita na atmosfera. Podemos dicir xa, que «a liberdade non vive fóra». En Galicia, si; «A liberdade vive fóra e o desterro aquí» (O rei Lear). E o inexplicábel poder desta dereita vese agravado pola inexplicábel falta de rumbo de quen ten que tecer a alternativa. A un mariñeiro preguntáronlle nun programa de radio se tiña esperanza despois dun naufraxio e el respondeu con retranca: «Esperanza, si, mais unha esperanza negativa». Aquí tamén hai un pobo á espreita. Merece outro Goberno e algo máis: un rumbo estábel e eficaz de democracia avanzada, benestar social e modelo ecolóxico. Unha esperanza positiva. ¶