O refuxio da vida en común

A «decencia común» maniféstase na xente corrente como un rexeitamento a facer o mal. Tamén como noxo ao ver cando outros o fan. ¶

Hoxe vivimos un tempo en que se utiliza moito a palabra «decencia» no discurso político, nun sentido de reconvención moralista, con frecuencia hipócrita, pero desprovista do imprescindíbel sentido comunitario. «A redescuberta da decencia común das vidas ordinarias», escribe BruceBégout, «constitúe a única esperanza de renovación política e social de Occidente». ¶

Da xente corrente dise que dixo Lincoln que Deus fixo moita porque gustaba dela. E foi deste tipo de xente sobre a que escribiu as súas primeiras obras George OrwellSen branca en París e LondresO camiño de Wigan Pier e Homenaxe a Cataluña. Escritos, poderiamos dicir, cosidos na carne do mundo. Cando escribiu da vida das familias mineiras ou do mundo máis pobre e vulnerábel nos sotos e camiños do seu tempo, Orwell fíxoo sen sentimentalismo, mais cun tacto e fondura, o que nos obradoiros de pintura flamencos tería a calidade inconfundíbel de «man sincera e ollada fértil», que foi nesas experiencias onde levedou a súa defensa dunha democracia de base, de urda afectiva, formulada a partir de ese núcleo ou corazón central de common decency. ¶

A decencia común non se refire a un modelo de sociedade, nin a unha construción social estruturada, nin a un programa alternativo ou utopía. Mais a decencia común é o que mantén activados os valores que si poden facer posíbel un mundo máis xusto. A colaboración, a axuda mutua, a honestidade. Esas intuicións da xente traballadora e corrente, que non precisa acudir a ningunha autoridade para respectar a súa liberdade e ao tempo coidarse. A xente que ofrece resistencia a calquera forma de inxustiza, que mantén a raia a pulsión por dominar, que desconfía fronte a calquera xeito de recrutamento totalitario. «Só se sente dono do seu destino no pequeno círculo da vida cotiá». Mais ese círculo non deixa de conter o máis universal. ¶

O pesimismo verbo do estado de cousas no mundo pode ser compatíbel cunha alegría de vivir. Unha relación de curiosidade e afecto co máis real. Coa natureza. En ¿Por qué escribo? defende que manter a paixón da infancia pola vida salvaxe, a curiosidade polos seres miúdos, é tamén o que fai posíbel manter «a posibilidade dun porvir apetecíbel e decente». Orwell albiscou os perigos que empecen esa posibilidade dunha sociedade de decencia común, que para el se achegaría a un xeito de socialismo libertario e antitotalitario. O Tecnopoder, o armamentismo, a depredación do medio ambiente e o control das mentes pola mentira e degradación da linguaxe, fan cada vez máis realista a metáfora dun Titanic, afundido pola aceleración cara ningures. E neste punto vén moi a conto o que el mesmo escribiu: «Cando imos a bordo dun barco que se afunde non podemos evitar pensar nos barcos que se afunden». ¶

Non é que Orwell estea desesperado, senón que o mundo é cada vez máis desesperante. O que el describe no seu tempo de posguerra: «As bombas atómicas acumúlanse nos depósitos, as cidades están baixo vixía policial, os altofalantes vomitan mentiras, mais a Terra segue virando arredor do Sol e nin os ditadores nin os burócratas poden evitalo, por máis que lles amole». Está anguriado, mais pertence á estirpe dos desacougados con serenidade. A decencia común protexe a quen a preserva. E como o escribe o filósofo francés Bégout, seguindo o ronsel do mestre Orwell: a vida en común, o defender a solidariedade fronte a pillaxe, é o último refuxio do universal. En 1984 e no 2026. ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail