Villares acudiu a tres actos onde se reivindicou o feminismo tras ser denunciado por agresión sexual

A Coruña– O exconselleiro do Mar da Xunta Alfonso Villares, quen dimitiu o pasado 4 de xuño despois de saber que o Tribunal Superior de Galicia (TSXG) o investiga por agresión sexual, participou en tres actos institucionais de carácter feminista, publicitados polo departamento que dirixía, desde que foi chamado a declarar en comisaría tras a denuncia da muller que o acusa.

Os feitos terían ocorrido o pasado 27 de febreiro, aínda que Villares sostivo en todo momento que é inocente. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amigo persoal, despediuno entre abrazos e encomios o pasado 4 de xuño na sede oficial da Administración galega, e asegurou ao día seguinte que o exconselleiro o informara da súa situación o pasado mes de febreiro, nunha data que Rueda non quixo concretar. Desde entón e ata a súa dimisión, Rueda compartiu e fotografouse con el en tres actos institucionais.

O pasado 12 de marzo, Villares asegurou que a igualdade é «un obxectivo irrenunciable para o Goberno galego» durante o seu discurso no II Certame Artístico Mulleres do Mar, Inspiradoras de Arte, da Organización de Produtores de Pesca de Marín (Pontevedra). Na nota da prensa que a Consellería do Mar enviou ese día destacábase que seis dos nove membros do equipo directivo de Villares eran mulleres, e que o evento estaba amadriñado por unha artista de traxectoria caracterizada «por un forte compromiso co feminismo e a xustiza social».

O exconselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, na exposición deI II Certame Artístico Mulleres do Mar en Marín (Pontevedra) / Foto: Xunta

Case dous meses despois, o 11 de maio, o conselleiro acudiu á súa vila para presidir as Xornadas do Mar da Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras. Na súa intervención, segundo a nota de prensa da Consellería do Mar, «encomiou o papel da muller no sector pesqueiro e no desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia«, e «puxo en valor a débeda de Galicia coas mulleres».

Ese día, Villares leu no peirao de Cervo algúns versos do Poema á muller galega de Manuel María, que recrea unha oda crúa e sentida ás traballadoras da comunidade. Elas son, dixo Villares, «o principal activo social de Galicia», cuxo labor, «invisibilizado durante moito tempo», resulta «indispensable» para entender o país.

Unha semana despois, o 18 de maio, o aínda conselleiro celebrou o Día Internacional da Muller no Sector do Mar en Ribadeo (Lugo), onde rendeu homenaxe a 15 desas traballadoras. Tal e como recolle o comunicado institucional da Xunta, expresou «un recoñecemento ao protagonismo histórico das mulleres no impulso do liderado de Galicia».

Alfonso Villares, o pasado 18 de maio na celebración do Día Internacional da Muller no Sector do Mar en Ribadeo (Lugo) / Foto: Xunta

A actividade pública de Alfonso Villares comunicada polo departamento de Mar da Xunta a través de notas de prensa tamén revela que o exconselleiro non tivo ningún acto público o sábado 27 de decembro, o día en que ocorreron os feitos polos que foi denunciado. Algúns medios aseguraron que el se atopaba no domicilio da denunciante e que o abandonou antes da chegada dos servizos médicos alegando que tiña compromisos institucionais.

Luzes-Público non puido confirmar esas informacións, pero si que o exconselleiro tivera a véspera, venres, un evento oficial na súa vila, e que o domingo participou na I edición da Xornada Mariñeira de Ortigueira.

O seu último acto institucional antes da súa dimisión o 4 de xuño foi o día 3, o mesmo en que o TSXG lle comunicou a súa imputación, para asinar un convenio coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Luzes-Público dirixiuse en dúas ocasións á Consellería do Mar preguntando se Villares acudiu á firma sabendo xa que estaba formalmente imputado, pero o departamento que agora dirixe Marta Villaverde non respondeu á solicitude.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail