A esquerda extática

A esquerda vive abraiada mentres non para de recibir os golpes de Trump. Á que sae dunha xa está na seguinte. O ritmo é devastador. E acabará coa esquerda tal e como a coñecimos. Mais o caso é se isto non será para mellor; se non liberará a oportunidade de idear un actor moito máis potente perante a oligarquía. En termos antagonistas, un actor que non sabe gañar está condenado a servir. A esquerda leva vivindo da derrota desde 1980. Con Trump, tal e como van as cousas, a esquerda, e sobre todo a «esquerda máis á esquerda», é xa un suxeito en vías de extinción. Por máis que tenta actualizar o seu ideario, o certo é que vai aumentando distancia coa realidade; coa axenda da nova ultradereita.

Xa non hai tanto que isto é así. A pouco que se miren os movementos reais, as prácticas do antagonismo real, o discurso da esquerda quedou obsoleto, non contacta coa rúa. A última vez que quedou en evidencia foi o 15-M. De feito, a distancia que medra entre o que foi o acontecemento 15-M e a «esquerda máis á esquerda» é o que marca as relacións actuais entre ambos. Que queda das anovacións do 15-M na programática de Sumar, Podemos e todos os demais? Que se fixo da nova institucionalidade emerxente? Hoxe parece clara a resposta.

As persoas que un día fomos de esquerda –que o seguimos sendo por aquilo de facernos entender dentro dun espectro ideolóxico– sabemos que «esquerda» e «dereita», eses conceptos nacidos da Revolución de 1789, xa non están dispoñíbeis. Durante os días do 15-M e mesmo nos do primeiro Podemos, mentres a hipótese funcionaba e a participación se decantaba cara a quen foramos de esquerda, isto xa non era o xogo das metáforas espaciais. O populismo de Errejón foi o xeito en que se trasladou á area institucional, mais non o único in nuce durante o 15-M.

O 15-M fora una galería de ideoloxías alleas ás metáforas de esquerda e dereita. Constituíuse, de feito, contra elas. Había populistas contra a «casta», había nacionalistas versus o centralismo, había os libertarios opostos ao Estado, había todas as ideoloxías que historicamente se situaban na esquerda e mesmo outras máis, pois no 15-M ninguén era excluído. Pero así acontecía: de todas as ideoloxías que formaban o 15-M, ningunha se organizaba arredor da esquerda ou dereita, por máis que certamente estas estaban moi presentes nas asembleas.

De feito, así foi como aconteceu o que vivimos despois. Unha vez que Podemos chegou ás institucións, reactivouse o xiro á esquerda. Non por imprevisto, que sempre tiveramos unha clara consciencia de que estaban alí, esperando a súa oportunidade para se facer co anaco de poder concreto que conseguiramos e que era bastante máis do que a esquerda á esquerda nunca imaxinara. Esta chegou por partes: o pacto de Colau con ICV (Iniciativa per Catalunya Verds), o pacto de Iglesias e Garzón, nomear a Yolanda Díaz a dedo, etc. Pero pactar co diaño págase e a facción parlamentaria a setenta escanos conseguida apelando ao suxeito popular acabou por esmorecer.

Non somos conscientes… Ou moito peor: si que o somos. Conscientes dos xiros sucesivos, do abandono da hipótese constituínte, da depuración progresiva de militantes con intereses alleos á esquerda. Como dicía o disidente das filas comunistas xermano orientais, Wolfgang Leonhart: «A Revolución devora os seus fillos». A contrarrevolución tamén. Fáisenos tarde para volver á escisión para reconfigurar o discurso político do futuro, un discurso que comece por identificar a Trump como líder do campo político a derrotar.

O trumpismo, en efecto, non é «un». No seu seo moran todo tipo de diverxencias e, ao igual que a esquerda, ten tamén unha dereita plural. Pois, ao cabo, a ultradereita non é, nin de lonxe, o suxeito que se quere autoidentificar. Trump, de feito, é máis un árbitro corrupto que outra cousa; un árbitro que se aproveita do seu posto para sacar partido. Ao seu redor moran todo tipo de intereses e a síntese é a súa autoridade. O certo é que hai un revival enorme arredor do trumpismo das correntes heréticas da dereita neoliberal. Medran na súa contorna igrexas e gurús de todo tipo, youtubers e podcasters, círculos psiquedélicos, etc., non menos partidarios dalgunha modalidade de práctica extática.

A esquerda permanece leal aos postulados da Ilustración. Isto é, á erradicación de toda unha práctica humana que se viña expresando desde antigo e que, antes da Ilustración, a propia Igrexa xa levaba tempo intentando suprimir. Referímonos ás prácticas extáticas do devir colectivo. A éxtase sempre foi sospeitosa, especialmente en prácticas colectivas. Pero que hai máis extático ca unha auténtica manifestación? E digo auténtica para distinguila das manifestacións ritualizadas, para non confundir o 15-M cunha convocatoria institucionalizada.

Qeé pode haber máis humano que buscar alén de si e facelo con outras persoas? Se quere conectar coa xente, a esquerda debe liberarse do réxime disciplinario fabril que a viu nacer, non reproducilo; deixar atrás a propia idea de «esquerda» xurdida no parlamentarismo; entender, en suma, as condicións actuais que afectan ao 99%.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail