A clase obreira vai a Benidorm

A clase obreira non vai ao paraíso, que dixo Elio Petri. Vai a Benidorm. E, ultimamente, cada vez mais ao Grove, a Combarro e a Santiago de Compostela. Chega o verán e chegan os pau selfies, os sotaques europeos do norte e os freetours comandados por paraugas amarelos facendo súas as rúas das cidades e das nosas vilas. Chega o turismo masivo, e chega, case da man, tamén a turismofobia. E como dos estragos do primeiro xa moitos falaron máis e mellor antes ca min, cómpre facer unha reflexión sobre a segunda. O odio ao que escolle a nosa casa para vir vacacionar é unha tendencia que atopa cada vez máis conversos entre as súas defensas, aínda que só sexa polo fácil que é suscitar o aplauso da bancada cando se arremete contra os divertimentos masivos, como se nós non fósemos parte dese modelo tan destrutivo coa contorna dos outros.

Sen negar as evidentes eivas do modelo turístico de masas que define a realidade estival de cada vez mais cidades e vilas galegas,  penso que é un bo momento para abordar a cuestión dende un argumentario máis serio, máis crítico, máis rigoroso e, en definitiva, que se afaste desas caricaturas baseadas en estereotipos negativos e que hoxe definen o marco desta conversa.

A cidade de Benidorm, modelo turístico desprezado por masivo e asequible.

Estranxeiros, guiris, fodechinchos ou, directamente, invasores. O significante evoluciona, o significado permanece. Eses madrileños fachas e maleducados que aparcan o coche na rampla do peirao, que acosan á camareira da vila mariñeira para que mude o galego polo castelán e que rouban o marisco sementado nas praias. Por maldade e colonialismo, claro, nunca por inocencia e descoñecemento. Para os valedores desa turismofobia ás veces tan pouco meditada convén que o seu desdeñado colectivo cumpra cun determinado perfil. Para sacar o dedo a sinalar, é moito mellor que os que chegan a Galicia polo Camiño de Santiago sexan ultrarrelixiosos e pijas de convento e os que aparcan na rampla sexan empresarios burgueses da capital que veñen botar o mes nas súas segundas, terceiras ou cuartas residencias. Como non. Moito mellor facer norma que os visitantes rexeitan as cartas das restaurantes que poñen «polbo á feira» que decatarnos de que se a maioría repite destino ano a ano, é porque respecta e gosta deste país noso.

É moito mellor para as nosas conviccións pensar que o que merca quincallada nas tendas de souvenirs da rúa do Franco é un magnate da Castellana, e non o currela de Leganés aproveitando a súa única quincena anual de respiro nun destino turístico asequible para o peto. É normal que, dada a tendencia xeral de amplificar todo canto feedback e experiencia negativa nos acontece, omitamos que, as máis das veces, o turismo nacional de freetour, de voo en Ryanair, souvenir de plástico e marisco barato é máis propio das clases traballadoras que botan contas todo o ano para poder permitirse esa semana de descanso que do ricachón déspota que seguramente tire para unha cala recóndita de Punta Cana e non para Camariñas. É moito mellor autoconvencernos de que disparamos contra alguén que representa todos aqueles valores e xeitos de comportarse que desprezamos, e, en definitiva, é moito mellor convencernos de que nós non somos coma eles.

Turistas en Santiago de Compostela || Turismo de Santiago.

Permítanme que discrepe do brinde xeral á grada de animación e diga que este discurso amosa un xeito ultrarreducido de observar a realidade, e una concepción de país cativa que non ten interese en mirar cara as súas propias dinámicas. Observamos ao que vén de fóra como un invasor, como se nós fósemos nativos da última aldea virxe da Patagonia coas súas intactas e milenarias tradicións ameazadas polo foráneo, en lugar dun pobo que reproduce na casa dos outros os mesmos xeitos de proceder que censura. Coma se nós nunca nos hospedásemos nun deses hostels baratos que contribúen a xentrificar os barrios populares das cidades europeas. Coma se non collésemos nunca praza nun deses freetours de paraugas que tanto molestan aos autóctonos ou aluguer nun Airbnb como os que están a estragar os nosos barrios. Como se non fixésemos a nosa parte só con pisar a Rambla en arruinar esa Barcelona na que Carlos Ruiz Zafón xa non recoñecía á súa cidade. Como se o Tourist go home que aparece grafiteado nun muro do Porto non fose para nós. Porque como imos ser nós, xente traballadora, xente que vai xusta, xente de ben, os fodechinchos e os invasores de alguén?

Demonizar aos que participan, precisamente, dese turismo barato e masivo que tanto nos molesta á vista ten un nome. Porque aos ricachóns de verdade, aos que non van a Benidorm ou ao Grove e marchan de volta contentos coa súa miniatura da Torre de Hércules, a eses, a eses non os vemos. Porque eses van beber viño branco ás praias brancas da costa amalfitana, de safari por Australia e a exclusivos bungalows en Tailandia, lonxe da masa, da aglomeración, e, en definitiva, da nosa vista. Arremeter por sistema contra o primeiro aplicándolle todas as  características do segundo ten un nome, pero se leron ata aquí xa deixo que llo poñan vostedes.

Os ricachóns de verdade non van a Benidorm, van beber viño branco ás praias brancas da costa amalfitana e a exclusivos bungalows en Tailandia, lonxe da masa, da aglomeración, e, en definitiva, da nosa vista

Non me malinterpreten. Vexo o que fai este modelo turístico nas cidades e nas vilas da miña contorna e non me gusta. Gustaríame que fose outro. Máis coidado, menos invasivo, máis respectuoso. Con mellores condicións laborais para os seus traballadores, clase obreira que tamén vai a Benidorm, pero en outubro, e, sobre todo, con menos dependencia económica pola nosa parte. Non, non me gusta. Pero menos me gustaría a perspectiva de deixar a esa familia de Vallecas que chega xusta a final de mes sen o único respiro do que poden gozar tras todo o ano apertando os dentes. Concordo máis cunha idea de país na que as familias traballadores poden comer marisco unha vez ao ano nunha terraza de Cambados que co que preferiría velos pasar o verán no seu piso de 50 metros cadrados a 30 graos a sombra en Tetuán con tal de que non fagan feo na rúa da cidade na que vivimos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail