A vicepresidenta acudirá a un acto para oficializar a apertura ao público dos xardíns do pazo ao que tampouco irá Feijóo
As asociacións galegas de defensa da memoria histórica planean non acudir este sábado en Sada (A Coruña) ao acto no que a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Memoria Democrática, Carmen Calvo, dará oficialidade á apertura ao público dos xardíns do Pazo de Meirás. Así o confirmaron fontes do movemento memorialista galego. Está previsto que os xardíns se poidan visitar libremente a partir do próximo martes 29.
As asociacións consideran que o Goberno as «ningunea» desde que o pasado 10 de decembro celebrou alí outro acto institucional no que a xuíza que tramitou a recuperación do pazo para o patrimonio público fixo entrega oficial ao Estado das chaves do inmoble. O Goberno non as convidou ese día, e tamén se lles impediu o acceso aos exteriores da antiga residencia estival de Francisco Franco o pasado 19 de xuño, cando quixeron celebrar neles unha manifestación para reclamar que Meirás se destine a recuperar e honrar a memoria dos represaliados do franquismo.
O secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martín, ten previsto reunirse mañá na Coruña con representantes das asociacións galegas, para explicarlles os plans do seu departamento sobre os usos futuros do pazo e para, previsiblemente, tentar convencerlles de que acudan -os que están convidados- ao acto do sábado.
«A manifestación do 19 de xuño fíxolles dano», aseguran as citadas fontes en referencia á convocatoria da reunión de mañá, xusto antes de que a ministra acuda á reapertura dos xardíns das Torres de Meirás. Subliñan o «malestar» do memorialismo galego polo que consideran uns «malos tratos reiterados» do Goberno, e acusan á Vicepresidencia de tentar demobilizar e dividir ao movemento. «Pero estamos unidos e mañá acudiremos á reunión cunha soa voz», sinalan.
A Secretaría de Estado de Memoria, con todo, asegura que non puido convidar a todas as asociacións polas restricións derivadas da epidemia, sostén que mantén «unha interlocución moi fluída e moi constante» con todas elas, e engade que se non permitiu que accedesen ao Pazo o pasado sábado foi porque estaba obrigada a actuar «de maneira moi rigorosa e estrita» cos tempos administrativos requiridos para reabrir o inmoble. «Poderase acceder a el en canto estea asinado o protocolo» que o Goberno vai asinar o sábado co resto de administracións implicadas, afirman.
De momento, o memorialismo galego segue reclamando sobre Meirás o mesmo que viña facendo desde que a xuíza declarase que pertence ao Estado, e non aos herdeiros do tirano: que se reabra de inmediato; que se impida que a familia Franco expolie os obxectos históricos, arqueolóxicos e artísticos que contén o pazo e que o ditador acumulou como xefe do Estado; que se impida que este indemnice aos Franco polo inmoble e os seus bens interiores; que se asegure que o edificio se destina a crear un centro para a recuperación da memoria histórica, e que se lles dea voz e voto en todo o referido aos seus usos futuros.
Tampouco acudirá ao acto do sábado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen preferiu eludir a foto en Meirás xunto á vicepresidenta de Pedro Sánchez e o seu delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso; a alcaldesa da Coruña, a tamén socialista Inés Rey, e o alcalde de Sada, Benito Portela, de Sadamaioría, agrupación local vinculada a Anova.
Feijóo alegou «motivos de axenda» para delegar no seu conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. «O presidente da Xunta ten un acto en Logroño cunha ministra, catro presidentes autonómicos e coa Asociación de Municipios do Camiño de Santiago» explican fontes da Presidencia do Executivo galego.