Madrigayego

Quedan menos de 24 horas para que nos quitemos a máscara no exterior e un empeza a ter medo da que se vén enriba. O primeiro, a anunciada invasión de madrigayegos (por culpa do meu técnico e dj Tony España xa só podo escoitar este neoloxismo coa música do «Oie gayego» dos Verto, de aí a licencia ortográfica). Quen lanzou o aviso foi o al-calde de Madrid, Martínez-Al-meida, mentres o vicepresidente da Xunta, Al-fonso Rueda escoitaba encantado. Se a un o agasallan co Xacobeo para que non se enfurruñe pola creación doutra vicepresidencia (xogada mestra de pai experimentado), o peor que lle pode pasar é que veña unha pandemia mundial a chafarlle os plans. Por iso, todos os apoios son poucos. Ata os que poidan traer un perigo implícito…

Aínda que, tal e como contaba Ramón Pernas, o palabro inventouno Borobó –«galegos de primeira xeración que vivimos na Comunidade de Madrid»– o que Al-meida chamou madrigayegos soa máis a iso que aquí coñecemos dende tempo inmemorial como fodechinchos. Evaristo Calvo cravou o prototipo naquel Air Galicia que, en tempos do bipartito, nos sabía a pobre premio de consolación fronte ao Polònia ou ao Vaya semanita, pero que hoxe en día sería auténtica vangarda entre tanta verbena en prime time. Porque a verbena, tras a súa exitosa experiencia piloto, tamén volve. Neste país, paradigma dunha variante da sociedade do espectáculo coa que Debord nin tería soñado, un non sabe se esa é unha decisión política ou simplemente mediática. Se se tomou nun comité clínico ou nun departamento de contidos de San Marcos.

Volven as verbenas ao aire libre e o lecer nocturno baixo teito. Faino, ademais, emendando a Sergio Dalma. Trinta anos exactos despois de que acadase o cuarto posto en Eurovisión (iso si que era vella normalidade), rematou iso de Bailar pegados. «Bailar de lejos no es bailar; es como estar bailando soloooos…». Forget about it, Sergio: este verán vai tocar relacionarse así. Polo menos, ata o 15 de xullo. Xa sabes: «Tú bailando en tu volcán y, a dos metros de ti, bailando yo en el poloooo». Quen di dous metros di un e medio; pero sempre con máscara, claro.

Pero volvamos aos madrigayegos e esa ameaza de invasión que soa a Vox falando de inmigración. Ata que chegou a pandemia, os veciños de Compostela xa sufriamos unha certa ocupación (con c) por parte dun tipo de xente que non chamaría para nada a atención na Praza de Colón. O perfil maioritario é o de grupos badueiros berrando himnos cristiáns a todo o que lles daba a voz, portando bandeiras rojigualdas e simboloxía cristiá e mirando con desprezo –ou, directamente, levando por diante– eses figurantes que, só por seren veciños da cidade, crían ter dereito a entremetérense na súa marcha a paso lixeiro cara ao inefable destino que agardaba por eles: no Obradoiro ou mesmo plus ultra.

Cando, hai uns días, morreu o profesor Luis Caramés, non foron poucos os que lembraron aquel Plan Estratéxico que deseñara para a capital galega hai uns cantos anos e no que xa plasmara a importancia de apostar pola biotecnoloxía. Aquel proxecto está aínda en cueiros, pero desta vez semella que o camiño non terá retorno. Fixo falla unha pandemia mundial para ensinarnos que a solución no está en alternar o ladrillo e o turismo como monocultivos económicos. Non aprendemos a lección en 2008 e aínda está por ver que o fagamos en 2021, cando o Xacobeo e todos os camiños de Santiago pasaron a converterse no paradigma dese novo modelo de turismo verde, seguro e de calidade que debe xurdir desta crise. Como tamén iamos ter un novo modelo de capitalismo tras a caída de Lehman Brothers e todo o que veu despois. Un modelo polo que seguimos a agardar.

E mentres todo iso non chegue, a solución pasará por seguir agardando as hordas de madrigayegos que salven o noso verán. Por sorte, para salvar o Nadal xa nos bastamos nós sós…

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail