«No eres tú, no eres tú, no eres tú, soy yo (soy yo)
No te quiero hacer sufrir
Es mejor olvidar y dejarlo así (así)
Échame la culpa».
Luis Fonsi & Demi Lovato. Échame la culpa.
Tiña que pasar antes ou despois. Se, como dicía o tío Carlos, «o capitalismo leva no seu seo o xerme da súa propia destrución», a esquerda rupturista levábao xa no apelido. Que a lea de siglas, partidos, correntes, círculos, asembleas e plataformas englobado baixo a denominación xenérica de mareas ía acabar provocando algún equívoco, iso sabiámolo todas. Co doado que era cando se podía simplificar como «os de Beiras…».
Recapitulemos. Hai agora catro anos, tralo éxito acadado polo rupturismo nas municipais, unha En Marea aínda en cueiros convertíase na segunda forza do Parlamento galego e pasaba a liderar a oposición, empatada en escanos co PSdeG. Porén, o resultado do xuíz Luís Villares –lastrado como candidato pola pobre imaxe do seu debut no debate– estivo lonxe das expectativas creadas. Foi o sinal para que os mesmos que o levaran a encabezar a lista (o seu nome anunciárase só 50 días antes das eleccións) iniciasen de inmediato a operación interna de derribo.
Despois pasou o que pasou: o grupo parlamentario de En Marea dedicouse a facerse oposición a si mesmo, disparou o consumo de pipocas entre os xornalistas políticos e, finalmente, estourou. Luís Villares conservou tres amigos e os catro foron xogar ao grupo mixto. Pero levaron con eles o balón: a marca.
O detonante definitivo da explosión fora a participación nas xerais de 2019 de dúas candidaturas rupturistas: a de En Marea (os villaristas) e a de En Común: Podemos-EU-Mareas en Común-Equo-Lagarto-Spock. O resultado: 236.746 votos para os comúns e 17.726 para En Marea, apenas un milleiro máis que o PACMA. Ante o éxito obtido, EM decidiu non presentarse á reválida de novembro. Isto deixaba despexado todo o flanco esquerdo (rupturista); aínda así, En Común perdeu 50 mil votos en sete meses.
E que pasa con En Marea, agora Marea Galeguista tras sumar os apoios de CxG (de verdade lles foi tan mal co BNG…?) e o Partido Galeguista? Pois mentres todo indica que o seu papel será tan irrelevante como o de Recortes Cero e os colegas de Pachi Vázquez, os medios públicos e boa parte dos concertadiños insisten en darlle trato de líder da oposición a Pancho Casal. Si, a el.
Casal é un tipo descoñecido para os votantes (segundo Sondaxe, só dous de cada 10 o identifican) e pouco querido para os que saben del. Cadros da Marea primixenia aseguraban que a súa mera inclusión na lista, imposta daquela por Podemos, custara «polo menos dous deputados» pola Coruña. Igual que os representantes de C’s e de Vox, moitos galegos descubrirano no debate electoral do luns. De aí ao 12X, oportunidades non lles han faltar.
Marea Galeguista é, tralo PP, a forza política con máis minutos de pantalla no plan de cobertura da tele pública, ese instrumento antixornalístico que chega a medir as entrevistas ata o seu último frame. A de Casal durará 12 minutos e medio. Superará en 15 segundos a Gonzalo Caballero e terá máis do dobre de tempo que Ana Pontón ou Antón Gómez-Reino. Non está mal para alguén que non vai entrar no Parlamento…
Supoño que, se isto non beneficiase a quen beneficia, sería un escándalo maiúsculo por moita legalidade vixente que o avale. Eu, que son bempensante por natureza, coido que, como dicía no comezo, do que falamos é dunha confusión monumental. Se aos xornalistas xa nos custa facelo, que membro da xunta electoral vai poder dilucidar quen é quen no rupturismo? Seguro que antes prefire repetir as oposicións…
O candidato popular poderá lembrar o Bipartito, contrapoñendo a estabilidade que el ofrece fronte a unha única alternativa… cuatripartita; algo que a esquerda lle deixou, outra vez, en bandexa
E iso que, co tempo, eu fun atopando un xeito doado para distinguir os uns dos outros. Feijóo adoita referirse a todo este universo como «as mareas de Podemos». Pois ben, a clave está en que, agora, unhas si que o son pero as outras xa non. Imaxino que, cando os teña diante no debate, el non fará distincións entre Casal e Gómez-Reino, aínda que este apoie o satánico goberno de Sánchez e Iglesias. Iso son minucias para un candidato popular que poderá lembrar o Bipartito, contrapoñendo a estabilidade que el ofrece fronte a unha única alternativa… cuatripartita; algo que a esquerda lle deixou, outra vez, en bandexa.
E con ese discurso mirará a cámara, pechará a súa intervención, recollerá os papeis e marchará do plató.
Tan Pancho.