«Las niñas» de Inditex xa non teñen medo

A Coruña.- Nos 15 minutos que o lector pode tardar en ler este artigo, Amancio Ortega gañará preto de 50.000 euros. O cálculo pode parecer moi bruto, pero en realidade é sinxelo: o fundador de Inditex obtivo o ano pasado 3.234 millóns de euros euros en retribucións das empresas vinculadas ao grupo que fundou en 1985. É dicir, 269,5 millóns de euros ao mes. Son 8,5 millóns ao día, preto de 354.000 euros á hora, case 5.900 euros por minuto, máis de 98 euros por segundo… A súa fortuna, segundo Forbes, ascende a máis de 127.000 millóns de euros.

Hai uns anos, as dependentas de Inditex na provincia da Coruña mantiveron un pulso coa empresa do home máis rico de Galicia, de España e, ás veces, tamén do mundo, segundo como vaian na bolsa as empresas e fondos nos que participa. Protestaban porque traballaban 180 horas ao mes para gañar un soldo basee de 1.050 euros. Para obter o mesmo, ao seu patrón sóbranlle 15 segundos. Así que decidiron botarlle un pulso. E gañárono.

En Inditex traballan en todo do mundo ao redor de 165.000 persoas de 177 nacionalidades diferentes. A inmensa maioría de quen o fan de cara ao público como dependentas, repoñedoras e caixeiras en Zara, Zara Home, Massimo Dutti, Stradivarius, Pull&Bear, Bershka, Oysho e Lefties son mulleres. As que menos cobran, ás veces menos da metade que os seus compañeiros homes de categorías similares á súa, e as que teñen, ademais, as condicións máis precarias. Ata o punto de que é excepcional que poidan traballar a xornada completa e, polo tanto, vivir do seu emprego. Quizais por iso, porque a elas nunca as tomaron en serio como traballadoras, desde que Ortega abriu o primeiro Zara na rúa Juan Flórez da Coruña ás dependentas de Inditex sempre as chamaron «las niñas».

«’Las niñas’! Pero se eu teño 51 anos!», protesta Carmiña Naveiro, dependenta de Zara en Santiago e presidenta do comité de empresa na provincia da Coruña pola Confederación Intersindical Galega (CIG). «É unha expresión denigrante que deixa ben claro o carácter paternalista da dirección desta empresa. Coma se fósemos unhas pobrecitas mortas de fame ás que menos mal que hai un patrón que lles dá traballo», explica.

Carmiña Naveiro, dependenta de Pull&Bear.

Naveira e media ducia de compañeiras, delegadas e afiliadas ao mesmo sindicato, charlan con Luzes nunha cafetería da rúa Picavia, na Coruña. É a rúa coa maior renda por persoa de toda Galicia, segundo o Instituto Nacional de Estatística, e en apenas un rueiro ao redor dela hai seis comercios de Inditex. Nun radio de medio quilómetro son unha ducia.

Xusto ao virar a esquina de Picavia, na rúa Compostela, fronte á Praza de Lugo, as dependentas montaron unha caseta improvisada para celebrar unha xornada de reivindicacións. En plena semana de compras do Nadal, queren explicarlles aos coruñeses que pasean polo adiñeirado centro da cidade as condicións nas que traballan, por que foron á folga no Black Friday e en Noiteboa e por que estaban dispostas a seguir antes de Reis, nas rebaixas de xaneiro ou cando fixese falta. A primeira hora da tarde son unhas corenta, levan alí varias horas e rodéanas varias furgonetas da policía e axentes armados.

«A empresa non nos outorga a consideración de traballadoras», di Lucía Domínguez Rodríguez, licenciada en Ciencias Políticas e dependenta de Stradivarius. Entrou na empresa en 2006, cando tiña 23 anos, e agora ten 40. «A estratexia é que non poidamos vivir do noso traballo, por iso é polo que o habitual sexan os contratos a tempo parcial. Os de 40 horas a xornada completa outórganse coma se fosen un premio, para que ninguén proteste nin reivindique nada porque, se o fas, seguirás a tempo parcial e nunca poderás vivir do teu traballo. É unha estratexia de mobbing a longo prazo», asegura.

A dependenta Lucía Domínguez, de Bershka.

As traballadoras con contratos a tempo parcial non só teñen que conformarse cuns ingresos exiguos, senón que se ven obrigadas a facer horas extra que logo non computan para calcular a data na que poden acceder á xubilación, co que están a hipotecar o seu futuro. Explícao Marina Ferro, de 57 anos, en Oysho desde hai 13, pero con só 9 contabilizados a efectos do cálculo da súa idade de retiro por culpa dos anos nos que tivo contratos de 10, 15 e 20 horas á semana.

A Lucía Domínguez ofrecéronlle en Stradivarius un de 40 horas cando a ascenderon a segunda encargada da súa tenda, xusto despois de ser elixida delegada sindical. Hoxe manteno porque lle gañou un xuízo á empresa. «Quizais pensaron que ascendéndome podían comprarme como delegada. A partir de entón, empezaron a reclamarme informes sobre as miñas compañeiras: que facían, que dicían, con quen falaban, se cría que facían mal o seu traballo… Negueime, así que me degradaron e tentaron rebaixarme de novo a un contrato de 20 horas. Era ilegal e o xuíz deume a razón», conta.

Marina Ferro, traballadora de Oysho.

O do control sobre as dependentas de Inditex non é unha lenda urbana. Todas as entrevistadas por Luzes lembran sufrir avisos e amoestacións por ir ao baño máis do que a súa encargada ou encargado consideraban oportuno, por excederse uns minutos no tempo de descanso, por atrasarse na execución dunha tarefa… Mesmo lles rexistraban como faltas de puntualidade as chegadas á tenda antes do comezo da súa xornada. Non é un erro de redacción: faltas de puntualidade por chegar mesmo antes do comezo da súa xornada.

Tamén se queixan de que as obrigan a vestir roupa «sexista», moitas veces axustada e insinuante, fronte á sobriedade dos elegantes traxes dos seus compañeiros homes, e de que ás dependentas que non luzan o uniforme como a empresa cre que deberían facelo, ou que non cumpran con determinados estándares físicos ou de imaxe, acábanas destinando aos almacéns para que non teñan contacto co público. «Non basta con dar boa imaxe, porque cada zona onde está unha tenda ten a súa propia imaxe», conta Vanessa Castiñeira Blanco, con dous ciclos superiores de Formación Profesional, en Zara Home desde 2014, cun salario base de 1.053 euros ao mes, unha nena de dez anos e dependendo dos seus familiares para poder coidala. «Aquí á beira, na Praza de Lugo, esconderon a unha moza lonxe do punto de venda porque levaba o pelo ao estilo borroka, e a outra porque tiña a pel moi morena», engade. Era a época na que a directora da cadea era Eva Cárdenas, parella do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e quen ameazaba as empregadas que se presentaban ás eleccións sindicais pola CIG para convencelas de que o fixesen por outros sindicatos afíns á compañía.

Vanessa Castiñeira Blanco, dependenta de Zara Home.

Carmiña Naveiro explica que non se trataba dunha estratexia illada en Zara Home, senón implantada en todas as cadeas de Inditex: «Á xente con máis idade tamén tentan apartarnos. Hai pouco despediron a unha compañeira en Lefties porque dicían que, pola súa imaxe, ía encher a tenda de chusma», narra. «Mobilizámonos e conseguimos que non a despedisen». Lucía Domínguez tamén lembra situacións similares cando era segunda encargada en Stradivarius: «Chegaron a dicirme: ‘Por que pos a fulanita na caixa? Non ves que está gorda e que é a última imaxe da marca diante do cliente?’». Outra compañeira lembra que a unha dependenta de Bershka que estaba a ser tratada con quimioterapia por un cancro, e á que lle caía o pelo, tamén lle impediron seguir traballando cara ao público.

Miriam Rego, que leva de dependenta en Zara desde 2004, corrobora o habitual desas escenas de acoso que narran as súas compañeiras: «Houbo anos moi duros, nos que as encargadas e os encargados sentían como un mérito profesional facernos chorar», engade. «Unha delas díxome unha vez: ‘Algo estou a facer mal que a ti aínda non che teño feito chorar’. Parecíalle o máis normal do mundo».

Durante moitos anos, as encargadas das tendas de Inditex tiñan que anotar nun caderno calquera incidencia ou detalle relevante que observaran na actitude das súas subordinadas. Luzes tivo acceso a unha delas, escrita entre 2012 e 2015 por tres encargados e encargadas dun comercio dunha das marcas da compañía. Do seu contido dedúcese que a intención de quen as escribiron ía moito máis alá de calquera exercicio normal de supervisión do persoal ao seu cargo. Tratábase dun control exhaustivo, individualizado e subxectivo de cada unha delas, con nomes e apelidos.

«Ás oito saíu ao baño 10 minutos».

«En cuestión de dúas horas foi dúas veces ao baño mais o descanso».

«Ás 18h tiña que entrar na tenda e ás 17.58 estaba a entrar pola porta. Cambiada estaba en 2 minutos. Pregunteille por que se atrasou e díxome que había moito tráfico. Falei con ela para que tivese coidado».

«A súa especialidade é a de chegar tarde».

«Non levaba o pantalón do uniforme, a súa contestación era que estaba sucio».

«Entrou pola porta ás 10 da mañá, eu xa estaba a coller o teléfono para chamala».

«Non trae a camiseta regulamentaria».

«A súa actitude desde a semana pasada, cando tivo un toque de atención, foi nefasta. Creceuse e ten unha actitude moi negativa cara ás súas compañeiras e encargadas».

«Ás 20h sae ao baño tardando dez minutos».

E un apunte final:

«Enviar fotos anexas».

Os anteriores son só algúns exemplos. No caderno ao que accedeu Luzes relátanse varias escenas de moita tensión, ameazas veladas de despedimento por accións intranscendentes e prácticas de acoso psicolóxico. Luzes preguntou ao departamento de Comunicación de Inditex se a política da empresa foi ou segue a ser esixir aos encargados que fagan esas anotacións sobre as dependentas, e, no seu caso, que uso se fai logo do que conteñen. A compañía alegou que non pode valorar nin investigar o asunto sen «coñecer de maneira directa a información factual do caso», pero asegurou que «cumpre escrupulosamente coa normativa laboral en todos os seus ámbitos de actuación e toma moi en serio calquera indicio de incumprimento».

Un dos cadernos ao que tivo acceso Luzes, no que persoas encargadas de tendas de Inditex anotaron incidencias ou detalles relevantes relacionados coas dependentas e o seu comportamento durante o seu horario laboral.

Carmiña Naveiro, a presidenta do comité de empresa provincial de Zara na Coruña, asegura, con todo, que o acoso laboral e psicolóxico «é algo moi habitual» nas tendas de Inditex. «Eu mesma o sufrín. Estiven seis meses de baixa cun trastorno ansioso-depresivo. E cando lle pedín axuda á empresa, no canto de como a unha vítima, tratáronme como culpable e mandáronme a Vilagarcía. Foi hai 18 anos, na época na que faciamos xornadas de 21 horas», asegura.

A lenda construída ao redor de Amancio Ortega conta que o modelo de negocio de Inditex se estuda nas facultades de Economía e Empresa de todo o mundo porque se trata, supostamente, dunha xenialidade de innovadora xestión empresarial integrada e do manexo da produción, a loxística e a distribución, nunha estratexia centrada nos gustos do cliente que as adapta día a día aos vaivéns dun mercado tan voluble como o da moda. Pero as dependentas da Coruña que traballan para el pensan que o truco é moito máis sinxelo.

«‘Amancio fíxose a si mesmo’, dinnos. É mentira. Fixo a súa fortuna explotando os seus empregados: primeiro a xente da fábrica, logo as costureiras, logo o persoal das tendas…», explica Carmiña Naveiro. «As mulleres somos o 99% do persoal dos comercios, e é incrible que unha empresa tan machista estea presidida por unha muller», sinala.

A toma de conciencia das traballadoras de Inditex coincidiu coa chegada á presidencia do grupo de Marta Ortega, a filla menor de Amancio, en marzo de 2022. Ao contrario que o seu pai, ell non elude a exposición mediática que rodea a súa figura social e empresarial. En apenas dez meses a cargo da compañía, a nova presidenta deixouse ver na Coruña en varias ocasións rodeada de modelos, actores, actrices, deseñadores e deseñadoras de todo o mundo, celebrities que acudían en avión privado ás glamurosas exposicións que ela patrocina e coas que está a asentar unha imaxe pública de mecenas cultural na súa cidade.

Silvia de Juan Sánchez, dependenta de Bershka.

Mentres tanto, rodeadas de policías, as dependentas de Inditex improvisan na rúa Compostela outra exposición, a das súas condicións laborais, que foron enchendo con láminas, fotocopias e cartóns suxeitos con pinzas e perchas da roupa. Recollen viñetas, fotografías e os lemas que foron ideando para acompañar as súas reivindicacións, cos que pretenden aclarar que, lonxe do que se pensa, a compañía dos Ortega non é o paraíso dos salarios elevados e das condicións laborais envexables: «Traballo en Inditex e non chego a fin de mes», «Traballo en Pull, salario de full», «Traballo en Lefties, salarios indecentes», «Traballo en Pull&Bear e non teño para vivir», «Traballo en Oysho, salario de lixo», «Traballo en Zara Home cobrando un mojón»…

Tamén lembran que o seu traballo non só consiste en sorrir, empaquetar e vender, senón en trasladar pesos, descargar caixas, subir e baixar escaleiras desde o almacén cargadas de mercadoría, repoñer expositores… «Co tempo, todas acabamos con fibromialxia, con túnel carpiano ou con trastornos musculoesqueléticos», engade Carmiña Naveiro.

«Desde que chegou Marta Ortega están a volver as formas arcaicas», din as traballadoras. «Hai algunhas tendas onde volveron impoñer que teñamos que pedir permiso para ir ao baño e dixéronlles aos encargados que empreguen man dura con nós. Tamén están a volver a poñer dificultades para que as nais poidan adaptar a súa xornada ao coidado dos seus fillos», advirten.

Inditex acumula varias sentenzas en contra por ese motivo. A última, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en xaneiro de 2022 condenou a compañía por denegar a unha muller que traballa en Stradivarius o seu dereito legal a adaptar a súa xornada ao horario que precisa para criar á súa pequena, e á que tamén tivo que indemnizar por danos e prexuízos.

O persoal de dependentas de Inditex na Coruña está formado por unhas 1.500 persoas, e a abafadora maioría son mulleres con contratos temporais e a tempo parcial, con salarios e condicións moito peores que as dos seus compañeiros na fábrica do polígono industrial de Sabón, en Arteixo, a uns trece quilómetros da cidade, e do resto de departamentos de deseño, administración, servizos, loxística etcétera, que teñen sede no mesmo polígono.

Segundo explica Vanessa Castiñeira, os traballadores de Inditex en Sabón gozan dunha paga de 200 euros se teñen fillos ou fillas cunha discapacidade superior ao 33%, que nas tendas quedan en 150 euros. Alí teñen un plus de 210 euros de axuda para a compra de libros para traballadores con nenos en idade escolar e de 400 euros se van á universidade, que a las niñas lles negan. «Coma se os nosos fillos valesen menos», di Vanessa.

Varias dependentas de Inditex durante a folga, á entrada dun comercio de Zara na Coruña.

Lucía Domínguez conta que en Sabón hai un restaurante para empregados con menús do día a 15 céntimos, mentres elas non só non gozan de nada parecido, senón que en Stradivarius mesmo tiveron que acudir á Inspección de Traballo para lograr que a empresa instalara na tenda unha neveira e os aveños básicos para que puidesen quentar a comida que levan de casa e comer alí.

Durante as semanas que durou a súa protesta, a dirección de Inditex tentou rebentar a folga informando a través da intranet corporativa do diñeiro que ía restar das súas nóminas a cada dependenta por cada xornada que secundase o paro, e advertíndoas sobre a comisión de delitos se participaban en piquetes. E financiou outros gastos extra en Sabón como para darlles a entender a las niñas que a empresa ten diñeiro máis que suficiente, pero non para elas: «Croissants traídos dunha pastelería de París, polbo da pulpeira de non sei onde, chocolate con churros de Bonilla [unha coñecida cadea local de restauración] elaborados in situ por un churreiro que levaron a Sabón, mariscadas con ostras xusto despois das nosas folgas… Todo iso circulou eses días por Instagram, refregáronnolo pola cara», explican.

Pero elas seguiron. Unidas. E gañaron o pulso. Só uns días antes diso, Carmiña, Lucía, Miriam, Marina e Vanessa aceptaban charlar con Luzes e fotografarse, cos seus nomes e apelidos e xunto a outras compañeiras, fronte a varias tendas de Inditex na Coruña, sabéndose conscientes de que xa tiñan logrado algo importante. «Estamos fartas de que se rían de nós». «O mellor de todo isto está a ser o compañeirismo que hai agora nas tendas». «Estamos a espertar». «Estamos fartas, pero xa non temos medo».
O 26 de decembro de 2022, despois de varias xornadas de paros, manifestacións e protestas, e diante da ameaza de que a folga afundise as vendas das súas tendas en plenas rebaixas, Inditex acordou coa CIG unha suba de 322 euros mensuais nas nóminas das súas dependentas na Coruña, cantidade que irá subindo ata chegar a 382 euros en 2024. Para elas pode supoñer empezar a vivir dignamente do seu traballo. Para os Ortega, apenas sete segundos perdidos no incremento anual da súa colosal fortuna.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail