Estimado Sr. Pardo,
Como estamos seguros de que vostede coñece, o director xeral da CRTVG comparece todos os meses na Comisión de Control da CRTVG no Parlamento de Galicia, que é onde lle corresponde falar e onde o fai en cumprimento do marco regulatorio que vostede cita. Todas as intervencións son públicas e están ao dispor de toda a cidadanía, e a elas se remite a CRTVG. Atopará abondosa información sobre os temas referidos.
Así mesmo, lembrámoslle a existencia dunha Comisión de Orzamentos da CRTVG, tamén pública.
Sen outro particular reciba un cordial saúdo,
Departamento de Prensa CRTVG.
Imaxe corporativa CRTVG.
Esa resposta –que un querería pensar que non é unha resposta tipo, aínda que só fose polo de «estimado»– confirmaba unha realidade: que Alfonso Sánchez Izquierdo, xornalista colexiado –algo que, como se verá máis adiante, non é cuestión menor– director xeral da CRTVG nomeado polo Parlamento de Galicia, cun soldo público de 92.333,10 euros –case dez mil máis que o presidente da Xunta– e que neste 2020 vai xestionar un orzamento de 111,2 millóns, non concede entrevistas. Un xeito respectable, pero cando menos curioso, de entender a comunicación por parte do que é o máximo responsable dos medios públicos galegos. Non lle toca ao autor decidir se iso é ou non un síntoma do que #DefendeAGalega vén denunciando dende hai máis de 700 días e 105 Venres Negros (86, cando isto se escribe). A versión de Sánchez Izquierdo que compilamos para esta reportaxe ímola atopar, unicamente, na Mediateca do Parlamento.
Se lle damos ao play, atopámolo citando ao que fora director do Manchester Guardian, Charles P. Scott: «Comentar é libre, pero os feitos son sagrados».
Imos logo cos feitos. O 25 de maio de 2018, unhas semanas despois de que empezasen a facelo os seus compañeiros da RTVE, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaron a vestir de negro os venres para denunciar «a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais».
O acontecido dende entón resumiuno no seu veredicto o xurado do Premio José Couso. «Ao longo destes meses, #DefendeAGalega realizou numerosas mobilizacións que inclúen a manifestación ‘Pola dignidade dos medios públicos’ o 8 de setembro de 2018, paros parciais en varias xornadas de novembro e decembro ou unha folga de 24 horas o 19 de decembro. Nese tempo, a Comisión de Regulamento do Consello de Administración da CRTVG puxo en marcha o debate sobre a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos que dispón a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, pero tamén se produciron expedientes e desprazamentos de traballadores críticos que foron vistos como represalias ao labor reivindicativo de #DefendeAGalega».
Xunto ás denuncias pola manipulación informativa –unha constante dende o mesmo nacemento dos medios públicos e que ningunha dirección, nin antes, nin agora, nin no futuro, vai aceptar–, a creación do Estatuto e do Consello convertéronse nos dous principais cabalos de batalla desta mobilización. Seguindo esa máxima que tanto gusta a Sánchez Izquierdo, a manipulación podería ser opinable (algo que «comentar en liberdade»), pero os feitos –«sagrados»– amosan que oito anos despois da súa promulgación, eses dous instrumentos considerados clave, precisamente para loitar contra calquera tipo de manipulación, seguen sen existir. Algo que impide, de facto, que a Lei de Medios poida ser, como tamén gusta de dicir o director xeral, «unha lei moi cumprida».
«A día de hoxe, pouco pode facer unha xornalista dos medios públicos se recibe a orde de ocultar unha noticia, cando se lle esixe unha entrevista morbosa nun caso de violencia machista ou se lle ditan as preguntas que ten que formularlle a un político contra o seu criterio profesional», aseguran por correo electrónico dende #DefendeAGalega. Cambiaría a cousa con esas dúas figuras? «Dependerá de cal sexa finalmente o texto dese Estatuto e as normas de funcionamento do Consello, pero noutros medios públicos do ámbito español permiten solicitar amparo por motivos profesionais e garanten que non haxa sancións nin prexuízos laborais por negarse a elaborar informacións contrarias aos principios éticos e deontolóxicos».
A última estimación do director xeral é que o Estatuto Profesional quedará listo «en cuestión de meses», un prazo que non é novo para os deputados de Comisión de Control da CRTVG. Atendendo ás declaracións de Sánchez Izquierdo, os traballos de redacción levan xa preto de tres anos, dende a constitución, a primeiros de 2016, da Comisión do Estatuto no Consello de Administración da Corporación. «O dilatado deste proceso revela a dificultade do mesmo, porque facer un corta e pega é ben doado; pero facer cortas e pegas de textos de 2005 ou 2006 non é tarefa que poidamos considerar».
A nova normativa europea do ano 2018 e a transformación do xornalismo provocada pola aparición das redes sociais son os argumentos que xustifican esta tardanza. «O estatuto de RTVE ten máis dunha década, é de 2008. Sabe de cando é o Twitter de RTVE? De 2009».
A Izquierdo encántalle falar da BBC, que ás veces –igual que fai coa eich-bi-ou– pronuncia coas súas siglas en inglés, quizais lembrando os seus tempos como correspondente. «Sabe que se está a debater agora mesmo na BBC sobre o uso do Twitter polos xornalistas, tanto para dar novas como para dar análise das mesmas. E lémbrolle que a BBC vén de despedir a un locutor por facer mofa da Casa Real británica nun chío. Nin moito menos iso sucede na CRTVG cos seus xornalistas a día de hoxe». Certo, a día de hoxe ningún traballador dos medios públicos galegos foi despedido polos seus chíos, pero uns cantos si foron chamados a capítulo polas súas manifestacións en redes sociais… «Sabemos que o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos non resolverán por si sos as eivas informativas actuais da CRTVG, pero cando menos daranlle á redacción voz e participación nas cuestións profesionais, algo imprescindible para que se atenda debidamente o dereito á información da cidadanía», conclúen en #DefendeAGalega.
A LIMPA NOS INFORMATIVOS
«Non (vexo os informativos da TVG). Non porque non me gusten, senón porque as miñas obrigas non me permiten estar diante dunha pantalla cada vez que hai un informativo. A xente que me coñece sabe que nin quito nin poño presentadores de Telexornais».
A conflitividade no seo da CRTVG chegou a amolar o presidente da Xunta moitas máis veces das que lle tería gustado. Non só en entrevistas como a da Cadea SER onde deixou esta afirmación, senón tamén nas roldas de prensa tras o Consello da Xunta (onde se negou a responder a unha pregunta porque lla formulara un cámara de TVE e non un redactor) ou mesmo na Gala da Asociación Española contra el Cáncer en Compostela, que decidiu abandonar antes da sobremesa, visiblemente molesto polo que se dixera dende o escenario.
Seguramente Feijóo non pon nin quita presentadores, pero os feitos –de novo, os sagrados feitos– demostran como a mudanza de rostros nos informativos da TVG levou por diante a todos aqueles que se enfundaban os venres en camisolas negras.
Os primeiros foron, por decisión persoal, Alfonso Hermida e Tati Moyano. Coincidindo co cuarto Venres Negro anunciaron que, no inicio da seguinte tempada, abandonarían a presentación do Telexornal Serán por «discrepancias coa liña informativa». Apenas unhas semanas despois, Moyano copresentaba a Gala contra o cancro que tiña a Feijóo como invitado estrela. Unha brincadeira sobre o feito de que ese venres vestía de negro, non só «porque adelgazase», senón por solidariedade cos seus compañeiros de #DefendeAGalega, fixo que a cea se lle atragoase ao presidente da Xunta, e deu o pistoletazo de saída ao calvario da xornalista. Acusada de maquillarse para a gala na sede da CRTVG, utilizando medios da empresa, enfrontouse a un expediente que recollía unha sanción de entre 16 días de emprego e soldo e o despido. «Unha persecución», «unha represalia irracional», a xuízo do movemento e do comité intercentros. Especialmente, nunha casa acostumada a ver como algúns dos seus presentadores estrela acudían ao vestiario da compañía cando tiñan un acto social no que, ao igual que Moyano, «non representaban a empresa». Algún traxe chegou de volta aínda con grans de arroz nos petos. Finalmente, o expediente arquivouse sen consecuencias para a traballadora.
A seguinte en caer foi Ana Pérez. Procedente do Galicia Noticias, fixérase cargo dende 2017 de copresentar o matinal Bos Días, un movemento motivado pola designación da redactora xefa, Marta Darriba, como rostro do Telexornal Mediodía –o que desprazou a Marga Pazos ao Galicia e enviou ás mañás a Pérez–, quen só puxo unha condición: a súa situación familiar impedíalle asumir o horario do Bos Días, pero o interese da dirección de informativos por contar con ela fixo que estivesen dispostos a manterlle o horario que xa tiña mentres presentaba o Galicia. Ana cumpría a súa xornada estritamente: incorporábase máis tarde que os seus compañeiros de quenda, pero marchaba despois.
En xaneiro do 2019, tres meses despois de empezar a tempada, coñeceu pola súa substituta que a dirección decidira retirala da pantalla tras 23 anos presentando; algo ao que, por certo, ela xa se amosara disposta cando lle ofreceron o Bos Días se iso implicaba un cambio no seu horario, pero daquela non llo aceptaron. Semellaba que as cousas mudaran…
Nunha mensaxe viralizada en Facebook, afirmaba que «despois de 34 semanas vestíndome de negro (…) o fácil sería pensar que esta decisión é unha represalia cara a miña persoa (…). Sería arrogarme unha importancia que non me corresponde, ademais dunha decisión tan evidente e burda que prefiro pensar que ninguén xuizoso tomaría. O tempo dirá».
Os partidos da oposición non o entenderon así e pediron explicacións no Parlamento. Sánchez Izquierdo deixou alí outra intervención para a hemeroteca: «Cando unha persoa di que a apartan da pantalla logo de 23 anos pode parecer unha represalia, pero cando se explica que esa persoa levaba un ano e medio sen chegar a tempo para presentar o seu propio programa –xa que entraba ás 7:30 da mañá e o programa comezaba ás 8–, pois xa se explica a decisión empresarial, que dista moito de ser unha represalia».
Aquel día, para o director xeral os feitos non semellaban ser demasiado sagrados, pero aínda ía buscar anotarse outro tanto. «Só fixemos público o que acabo de contar a raíz dunha pregunta nesta Cámara, porque coñeciamos que o traballador non ía saír ben parado cando se soubese a verdade, como en tantos outros casos». Se realmente Ana Pérez levase ano e medio chegando tarde sen que nada pasase… quedaría mal ela ou a empresa que llo permitía? A mesma, por certo, que consentía aos editores de informativos marchar para casa mentres o programa aínda seguía en emisión…
Sen esquecer o expediente sufrido por Carlos Jiménez, unha das voces máis coñecidas da radio, o póker da tele complétase con Marga Pazos, a quen deixaramos no Galicia Noticias para facerlle oco a Marta Darriba nun Telexornal Mediodía que nunca recuperou aqueles niveis de audiencia.
O rostro estrela dos informativos da TVG, a gañadora e presentadora dos Mestre Mateo, a encargada de ler o manifesto na gran manifestación de setembro, viuse inmersa nunha espiral xurídica e profesional –con tinturas de mobbing– que rematou primeiro nunha baixa e, finalmente, pedindo a suspensión do seu posto na televisión. Polo camiño quedaba a prohibición de redactar nin unha soa liña, aténdose á súa condición de locutora, categoría obsoleta en proceso de extinción. Ela, que sempre se encargara das súas entradiñas, dos titulares ou do que fixese falla na mesa de edición, víase obrigada a permanecer cos brazos cruzados ata o momento de entrar no plató. Hoxe, fichada por unha consultoría de comunicación, é quen de falar da que dende hai máis de dúas décadas sempre considerou a súa casa:
«Se se observa minimamente o que se está facendo arestora nos informativos entre semana, o xeito de traballar, o feito de que me notificasen por escrito que non podía volver escribir nin unha soa palabra das miñas propias intervencións, non deixa máis alternativa ca concluír a evidencia: a que sobra alí, nestes momentos, son eu». A audiencia non semella pensar o mesmo; os seus compañeiros, tampouco.
O SILENCIO MEDIÁTICO
E todo isto sucede entre o silencio atronador dos medios tradicionais. Un exemplo clarificador deste apagamento informativo atopámolo no debate electoral dos candidatos galegos ás eleccións xerais do 10N. Un debate que se emitiu pola TVG e a Radio Galega o derradeiro día de campaña, o 8 de novembro, venres (negro) ás 10 da mañá e no que catro dos cinco participantes (coa única excepción da popular Marta González, á que Pablo Casado xa desposuíra da súa fugaz vicesecretaría de comunicación) iniciaron a súa intervención denunciando o horario elixido e a imposición, sen negociación posible, dos bloques temáticos. «Este debate é unha mostra senlleira do nivel de manipulación obscena dos medios públicos galegos que fai ese vendedor de preferentes da política galega que é Alberto Núñez Feijóo», asegurou o socialista Pablo Arangüena, coa chapa de #DefendeAGalega na lapela. Yolanda Díaz, flamante ministra de Traballo e daquela cabeza de lista de Galicia En Común por Pontevedra, mesmo enarborou un dos carteis cos que os participantes foran recibidos por unha delegación de traballadores: «Ás 10 da mañá non hai compromiso para formar unha opinión pública plural». Ata Beatriz Pino, xornalista e candidata de Ciudadanos, denunciou atoparse «nunha televisión manipulada». «Desgraciadamente esta é a televisión do señor Feijóo», asegurou antes de afirmar que a aposta do seu partido neses comicios pasaba por un pacto de goberno co PP en Madrid. Por último, o nacionalista Néstor Rego agardou ao inicio da súa segunda quenda para sumarse ao clamor. «Isto non é un debate electoral normal. En ningún país democrático se debate a estas horas. Aquí o que se pretende é ocultar as propostas que temos para Galiza».
Se iso era o que se pretendía, a estratexia funcionou. O debate electoral pasou completamente desapercibido. E iso que, segundo Sánchez Izquierdo, o seu obxectivo era xusto o contrario. Aspiraba a «marcar a axenda do día». «O razoamento é o mesmo que se fai na Radio Galega e noutros medios cando calquera dos líderes políticos galegos veñen gravar entrevistas» que se emiten «a primeira hora da mañá». «Por que? É horario de máxima audiencia? Posiblemente non, pero garante que as declaracións estean dende primeira hora en todas as axencias e medios de comunicación, que se espallen e sexan parte do debate dese día». Un argumento que si pode funcionar para a radio. Cando Pedro Sánchez acode á Cadea SER faino ás 9 da mañá, pero se vai sentar con Ferreras deixarao para 12 horas despois.
Todo isto, máis que sabido, non fai abandonar a Sánchez Izquierdo o seu argumentario. «A audiencia non se garante por emitir un espazo nun ou noutro horario. Inflúe, pero non o garante. Se fose tan sinxelo, que doado sería programar…». Este argumento indignou no Parlamento á deputada do BNG Olalla Rodil. «Se lle parece que o horario non importa, emitan o Land Rober ás catro da tarde!».
O único debate galego nas últimas eleccións xerais foi visto só por 13.000 persoas. Difícil de defender para un director xeral que fixo súa a máxima «sen audiencia non hai servizo público». A noite dese 8 de novembro, sen ir máis lonxe, 74.000 espectadores sentaban diante da TVG para ver un Luar con Melody e Davide Salvado…
En Euskadi, 316.000 espectadores seguiron o debate de ETB, unha cadea que ofrece peores cifras de audiencia que a galega. O debate de TV3 fixo un «indiscutible» 24,8% de share e foi visto por 643.000 persoas. «Non teño que explicarlle por que, verdade, señoría Rodil?», inquiriu o director xeral.
O debate catalán tamén superou o galego en eco mediático. Mentres aquí as denuncias de catro candidatos (que acabarían representando un 56% dos votantes na comunidade) non chegaron aos xornais, medios autonómicos como La Voz de Galicia si recollían o acontecido tres días antes en Sant Joan Despí. «Inés Arrimadas y Álvarez de Toledo cargan contra TV3 y su director». Sánchez Izquierdo tivo sorte de que o seu madrugador debate fracasase no obxectivo de marcar axenda…
… ou foi algo máis que sorte?
«Cremos que, a estas alturas, todo o mundo sabe que os medios de comunicación privados son reféns das subvencións do Goberno galego». En #Defende non dubidan das causas. «Non se fan eco das nosas reivindicacións porque se arriscan a perder os cartos, é así de claro. E hai que ser conscientes de que esa é unha decisión das direccións dos medios, non responsabilidade das xornalistas que neles traballan. Moitas téñenos dado o seu apoio a nivel particular (e moitas tiveron que deixar de facelo por presións dos seus xefes)».
Unha mostra clara da diferenza entre a opinión dos medios e a dos seus traballadores foi o último Premio José Couso de Liberdade de Prensa, un galardón que deciden cos seus votos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e do Club de Prensa de Ferrol, as entidades que o coorganizan. «Este ano, votou unha porcentaxe de xente similar á de edicións anteriores e fixérono en sentido claro pola candidatura de #DefendeaAGalega», conta o decano do Colexio, Paco G. Sarria. A mobilización «sen precedentes» do cadro de persoal dos medios públicos impoñíase aos outros finalistas (Diario de Mallorca e as delegacións baleares de EFE e Europa Press, Carole Cadwallder e Juan Moreno) e sumaba o seu nome a unha lista de premiados aberta por Ali Lmrabet e na que xa figuraban Le Monde Diplomatique, Rosa María Calaf, WikiLeaks, o Consejo de Informativos de RTVE (que xa existía nun afastado 2012), Jordi Évole ou Julia Otero. Nin a TVG nin a Radio Galega informaron do gañador do premio.
«O día do anuncio, a radio deu a previa nos boletíns e en canto se coñeceu a concesión do Premio Couso, unha orde verbal silenciou o veredicto, do que xa nunca se falou», lembran dende #Defende. «O habitual, nos anos anteriores, foi dar cobertura a esa información; unha información que se agochou cando o premiado fomos nós. Nos demais medios o eco foi dispar, seguramente menor que en edicións pasadas na inmensa maioría. E, aínda así, algunhas cabeceiras ou emisoras aplicaron ademais un tratamento de branqueo: só se fixeron referencias como ‘informar en liberdade’ ou ao ‘dereito á información dos cidadáns’ e obviaron demandas tan concretas como o cumprimento da Lei de Medios e a denuncia da manipulación política».
Noutra das súas polémicas intervencións, Sánchez Izquierdo defendeu abertamente no Parlamento a censura desa información. «Foi unha decisión corporativa e lóxica para os que sabemos que hai realmente detrás de todo este ruído».
«Á hora de tomar decisións do que se emite ou se deixa de emitir ti tes que balancear o dereito da información con outro tipo de dereitos. E, neste caso, entre a protección do dereito á información, lexítimo, e a protección da marca e da reputación da propia organización da CRTVG, foi o que se tomou en consideración nesta ocasión».
O director xeral non quedou aí e disparou, sen nomealo, contra o Colexio de Xornalistas do que –como sinalabamos ao principio deste texto– el tamén forma parte. «O paradoxo respecto a esa entidade que adxudicou o premio é notable. Alí expídense e repártense os carnés de xornalista, previo pago dunha cota, pero para ser colexiado ou mesmo para ser directivo non é necesario ter formación regrada. Non imaxino outra profesión na que alguén se erixa en faro da ortodoxia sen ter acreditados coñecementos».
«A ignorancia mostrada polo director xeral é froito dun malestar que, dado o seu cargo, eu ata podería entender», responde Paco Sarria, quen lembra os argumentos dados polo colexio na súa resposta. «Os carnés de colexiado expídense tal e como marca a Lei 2/1999 de 24 de febreiro, aprobada polo Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos políticos». O «paradoxo» do que falaba Sánchez Izquierdo só podía ser a disposición transitoria da lei, onde se establecía un período no que «os profesionais que probasen o exercicio do xornalismo como actividade principal, habitual e retribuída, podían solicitar o ingreso». Pero esa vía pechou hai case vinte anos, «e dende aquela só poden colexiarse os xornalistas titulados». «Polo tanto, o Colexio non dá nin quita carnés de xornalista, e Sánchez Izquierdo, que é colexiado, sábeo».
Esa protección da marca, que xustifica ata pasar por riba dun dereito fundamental, tampouco está dando os resultados desexados. Unha das últimas incorporacións á grella, o suposto programa de humor Malicia Noticias –que se nutre das informacións que se emiten o resto do día– provocou unha queixa da redacción. «Xa temos que soportar improperios de abondo de quen descarga en nós o seu enfado coa xestión da TVG, como para que os poucos que se prestan a atendernos e falarnos nos dean as costas ao ser obxecto de burla».
«As que facemos rúa sabemos moi ben o que pensa a cidadanía de nós. Con máis ou menos respecto, recibimos as queixas dos que se senten ignorados pola radio e a televisión públicas deste país, sobre todo canto máis críticos co partido do goberno ou coa acción gobernamental. Ignorados ou retratados sempre en negativo (…). Alén da gravidade de que haxa unha Galicia invisible nos medios públicos, esta ocultación deliberada acaba pasando factura. Non é só que se pechen as fontes, é que mesmo xestionar un permiso de gravación en territorios que a CRTVG marca como hostís acaba converténdose nunha odisea», valoran dende #Defende.
Ao tempo que unha parte de Galicia é invisible para a CRTVG, a CRTVG vaise facendo invisible cada vez para máis galegos. Aínda que a RG celebra uns datos de audiencia «históricos» que a fixeron adiantar no verán á Cope para converterse –fugazmente– na segunda emisora máis escoitada polos galegos; o buque insignia, a TVG, non deixa de perder espectadores. «E máis que perderá», asegura Sánchez Izquierdo que culpa tan só «a fragmentación» das audiencias tras a aparición da TDT e as plataformas de streaming.
A resignación do director xeral choca co autobombo da empresa que, en redes sociais, promociónase como «a canle máis vista de Galicia e de todas as autonómicas». A fonte? O EXM, o Estudio Xeral de Medios, baseado en enquisas telefónicas e non en audímetros, un dato que non utiliza ningunha outra televisión do Estado. De feito, as canles de Mediaset (Tele5 e Cuatro) están fóra do EXM e por iso, no seu propio gráfico, a galega aparece de primeira, por riba só das dúas canles de TVE, laSexta e Antena 3. Nos medidores oficiais de audiencias, Tele5 é a cadea máis vista en Galicia e a TVG tampouco é a segunda; algúns meses, nin sequera a terceira. Tampouco é a autonómica con máis audiencia do Estado, posto indiscutible para TV3 –que pechou 2019 cun 14,6%, un 0,7 máis– e que si é líder na súa comunidade. A galega confórmase coa prata e un 9,3, o que supuxo caer seis décimas nun ano de recuperación para estas cadeas. Ademais da catalá, media decena de canles autonómicas melloraron os seus datos nos últimos doce meses. A TVG, pola contra, chegou a encadear varios meses por debaixo do 9 e tocou fondo en setembro cun 8,1 de share.O 10% de audiencia, as dúas cifras, supoñen tamén unha fronteira psicolóxica. En San Marcos repítese como un mantra que caer por debaixo dese limiar supón volverse irrelevante, e iso implica o risco de desaparecer.
«Sen audiencia, non hai servizo público». Tampouco influencia, pensarán os que ven estes medios só como un instrumento partidista. Dicir que, de continuar por esta senda o futuro é incerto, podía semellar unha opinión. Pero, a estas alturas, xa é un feito.