A Coruña.- Mayte Cabezas é unha das xornalistas máis recoñecidas e recoñecibles da Televisión de Galicia (TVG), onde empezou a traballar fai máis de trinta anos. O 10 de marzo de 1989 o Grapo asasinou a seu pai, garda civil, e o pasado 11 de marzo ela colgou na súa conta de Facebook un post criticando a Alberto Núñez Feijóo, quen ese día, no aniversario dos atentados do 11M, referiuse á necesidade de apoiar ás vítimas do terrorismo. Cabezas lembroulle ao presidente do PP que durante os seus trece anos na Xunta non fixera nada por elas, e que incumprira a súa promesa de sacar adiante unha lei autonómica para protexelas, amparalas e dignificalas. Cando chegou á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) o luns, informáronlle de que a súa carreira na televisión terminara e de que a trasladaban de inmediato á radio.
Mayte Cabezas forma parte da longa lista de xornalistas e traballadores apartados, expedientados, degradados, censurados ou sometidos a traslados forzosos pola CRTVG por opoñerse á manipulación informativa ao servizo do PP. En febreiro pasado, outro compañeiro perdeu o seu posto ao día seguinte de negarse a modificar o texto dunha noticia para ocultar que o IPC medrara máis na comunidade que no resto de España. Só uns meses antes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmara a condena á empresa pública por represaliar a outro xornalista ao que castigou con suspensión de emprego e soldo por apoiar nas súas redes sociais o movemento Defende a Galega, que integran os traballadores dos medios públicos.
A CRTVG, que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo desde que Feijóo o nomeara nada máis chegar ao poder en 2009, acumula máis de 400 sentenzas en contra por manipulación e vulneración de dereitos fundamentais e laborais. O persoal leva máis de 250 venres negros protestando contra eses abusos. Manifestáronse en novembro pasado nunha marcha multitudinaria en Santiago e acaban de emprender unha folga intermitente da que a CRTVG nin sequera informou nos seus telexornais. Este martes levarán a súa protesta a Madrid e concentraranse fronte ao Senado, onde está prevista a intervención de Feijóo. Mayte Cabezas tamén estará alí.
Como se decatou de que a botaban da televisión despois de máis de trinta anos de carreira? Cheguei o luns 13 de marzo a traballar, con normalidade. Tiña que montar unha reportaxe sobre o abandono de aldeas en Galicia, e as miñas xefas dixéronme que tiña que ir a persoal. Pensei que era unha cuestión administrativa por uns días libres que pedira, pero o director de Recursos Humanos entregoume unha carta na que dicía que ese mesmo mércores tiña que empezar a traballar na radio.
Como reaccionou? Nin sequera informaran á directora do meu programa. Eu díxenlles que non, que era imposible, que eu nunca traballara na radio, que non sabía nada de nada de radio. E cando digo nada, é nada, porque nin sequera sabía abrir o computador, xa que o sistema informático é distinto. O tipo de escaletas, os tempos, os ritmos, o control, os procesos, as linguaxes… Non teñen nada que ver. Pero o director de Recursos Humanos díxome que eu pertenzo á Corporación e que teño que irme si ou si. Que hai un plan estratéxico de potenciación do servizo público e que seguindo ese plan, teño que irme.
Puido ver ese plan estratéxico, figura nalgún sitio? Non. De feito, falei con membros do consello de administración e descoñecen que ese plan exista. Ademais, eu xa tiña pechadas entrevistas e localizacións para o programa de televisión para as seguintes semanas. Se de verdade houbese un plan estratéxico e o meu traslado se debese a el, imaxino que mo terían comunicado con máis antelación.
Vostede ten formación en radio? Non, nin a empresa ma proporcionou Só un mes antes si me deron un curso de formación en edición dixital de vídeo para reportaxes e documentais de televisión.
Dous días antes de que lle anunciasen o seu traslado, vostede criticara a Feijóo na súa conta de Facebook. O venres 10 de marzo foi o aniversario do asasinato do meu pai. Entrevistáronme en SER Euskadi, onde expliquei que Feijóo se comprometera coas vítimas do terrorismo pero que non fixera nada por elas. Ese mesmo venres colguei a entrevista en Facebook, e o sábado, 11 de marzo, día europeo das vítimas do terrorismo, subín a miña opinión sobre as mentiras de Feijóo sobre as políticas que había que executar con respecto ás vítimas. El tivo catro maiorías absolutas e nunca quixo recibilas no seu despacho.
«Feijóo tivo catro maiorías absolutas e nunca quixo recibir ás vítimas do terrorismo»
Que dicía vostede no post? Europa Press recollera unhas declaracións súas dicindo que a única política digna e que merece a pena é aquela que fala da memoria e non só do apoio ás vítimas, senón ás súas familias. O que eu dicía é que el nunca aplicara esa política e que se negou a recibirnos. Dixen que non tiña vergoña. Porque ademais as vítimas tiñamos un pacto cos grupos parlamentarios para que ningún político galego falase de nós ata que non houbese unha lei de sensibilización e de amparo similar ás que hai noutras doce comunidades autónomas españolas. Entón eran dez, agora xa son doce as que a teñen. Acordaramos con eses partidos que o día que houbese unha lei galega estabamos dispostas a sacarnos fotos e a dicir publicamente o moito que nos apoiaban, pero que ata entón non tolerabamos que nos utilizasen. Feijóo incumpriu ese pacto.
Di que Feijóo nunca se reuniu coas vítimas, pero… Pedímosllo varias veces e o único que logramos foi que nos recibise o director xeral de Emerxencias da Xunta.
Pero a vostede Feijóo en persoa prometeulle que habería unha lei de amparo ás vítimas galegas do terrorismo. El asistiu ao acto que organizou a Garda Civil o trinta aniversario do asasinato do meu pai e de Constantino Límia, o seu compañeiro. Alí Feijóo colleume dos ombreiros, miroume aos ollos e díxome que se ía a implicar persoalmente para que a lei saíse adiante. «As vítimas de Galicia non podedes seguir discriminadas», díxome. E cremosllo.
O día en que lle anuncian o seu traslado, tomou algunha medida? Informou o comité de empresa, falou cos seus avogados? Ese mesmo día había convocada unha asemblea por todos os problemas que temos: traslados forzosos doutros compañeiros, seguimos sen acceso ao teletraballo, con problemas para a conciliación, con recortes de horas para ir ao médico, polo incumprimento da lei aprobada polo PP en 2011, que obriga a que o director da CRTVG sexa elixido polo Parlamento e a que se cre un consello de informativos profesional… Nesa asemblea comentouse o que acababa de pasar comigo e os compañeiros non daban crédito. Son unha persoa de tele desde que entrei pola porta da empresa para facer as miñas prácticas en informativos no ano 1988.
Cales son as súas funcións agora? Son redactora do magazín de tarde da radio.
E como puido adaptarse sen ter formación nin experiencia nese medio? Grazas aos compañeiros que me apoian e vanme ensinando.
Como a recibiu o director da radio? O que quixeron venderme foi que eles me reclamaron.
Sen consultarlle e sabendo que non sabía nada de radio? Si. Díxenlles que as cousas non se facían así, que calquera empresario, calquera xestor de grupos humanos, fala antes coas persoas, que teñen vidas, vocacións, carreiras polas que pelexaron, formación na que se gastaron o seu diñeiro, o seu tempo, o seu esforzo….
Que supón o traslado para a súa carreira profesional? Non estou en idade de facer moitos experimentos. Debería estar a facer os mellores programas da miña vida. É un corte na miña carreira.
«Eu nunca levei a miña ideoloxía á TVG, déixoa na porta»
Cre que o seu traslado debeuse só ás súas críticas a Feijóo pola lei de vítimas ou á súa posición sobre a liña editorial da empresa? Eu nunca levei a miña ideoloxía á TVG, déixoa na porta. Aínda que en privado sempre lles dixen aos meus xefes as cousas que, como profesional con trinta anos de experiencia, creo que teño que dicirlles. Pero para eles a experiencia é unha ameaza. Créalles problemas. Prefiren a xente dócil e sen criterio. Eu decateime do asasinato do meu pai cando xa estaba a traballar na tele, presentaba o programa Arestora, en 1989. Pero desde entón e ata a homenaxe ao que asistiu Feijóo, pasaron trinta anos e eu nunca falara antes disto. Evitei sempre relacionalo coa miña carreira profesional, a pesar de que me convidaron moitísimas veces para falar do asunto. Nunca o fixen mentres presentaba programas, mantíveno á marxe.
Cre que a súa posición actual, denunciando o que lle pasou por criticar a Feijóo, pode causarlle máis represalias? Si, claro, estou convencida diso.
E como o afronta? É unha cuestión de dignidade. As vítimas do terrorismo non podemos perder a nosa dignidade. Se a sociedade non nos dá aquí o que si achega noutras comunidades, individualmente temos que defendela. Síntome obrigada a amparar a outras vítimas que se cadra non teñen as mesmas posibilidades que teño eu. E iso está por encima de moitas outras cousas. Débollo ao meu pai e á súa memoria.
Séntese arroupada polos seus compañeiros? Si, e é un privilexio. Igual que digo que na CRTVG hai xente que traballa con medo e que perdeu hai moitos anos o valor que tiña como profesional, tamén hai xente dignísima e superprofesional da que aprendo todos os días. Se non fóra por eles, estaría tirada.
A CTRVG acumula máis de 400 sentenzas en contra por manipulación, acoso, represalias políticas, despedimentos nulos ou improcedentes, violación de dereitos fundamentais… Non se sente vostede tamén vítima de terrorismo laboral? Eu creo que quen sofre ese terrorismo son as persoas que nos dirixen. Porque nos dirixen con medo. Deben sentirse moi inseguros, e diante a menor presión que reciben de calquera sitio, pois abanean. E iso tamén vai fluíndo cara abaixo. O medo é moi contaxioso.
Que cre que lle diría o seu pai se puidese vela agora? Creo que estaría moi orgulloso, pero diríame que fose prudente. Os pais son moi protectores. Hoxe mesmo [polo sábado] , a miña nai díxome: «Outra entrevista? Estala xogando!». Respondinlle que teño que contar o que pasa en Galicia, porque a promesa de Feijóo de facer a lei, que era para todas as vítimas, recibina eu persoalmente.
«En Galicia os medios de comunicación privados tamén traballan con medo»
Por que os traballadores decidiron levar a protesta a Madrid? Porque en Galicia os medios de comunicación privados tamén traballan con medo. A prensa galega tamén depende do diñeiro da Xunta e da CRTVG. As empresas de comunicación están absolutamente sometidas a ese medo. E se nos quitan a subvención? E se non nos dan esta serie ou este programa? Esa política de traballar con medo e de ir minando a túa dignidade profesional vai xerando un tecido xornalístico moi empobrecido. E se algo me ensinaron os meus pais é que vivir con medo non é unha opción, que a dignidade está por encima. Lévoo no meu ADN. Eu responsabilízome do que digo pola tele, e agora pola radio. E non podo dicilo con medo.
Que pretenden levando a súa protesta ao Senado? En Galicia non se nos escoita, e ir a Madrid é unha maneira de dicirlle á cidadanía, nun lugar onde si se nos escoita, que non podemos seguir nesta deriva de arbitrariedade, de mediocridade e de improvisación. Que queremos servir aos cidadáns con honestidade, que estamos capacitados para iso e que hai moitísimo talento desaproveitado. Que podemos facer un produto de calidade para que a TVG e a Radio Galega sexan o que foron e o que teñen que ser: un servizo público ao dispor dos cidadáns, non ao servizo dunhas siglas.