Os outros chipriotas

O de Chipre é un dos conflitos larvados en Europa. Independente desde 1960, cunha Constitución que repartía o poder proporcionalmente entre gregos e turcos, non pasaron tres anos sen que se produciran os primeiros enfrontamentos armados entre as dúas faccións. En 1974, a EOKA, a organización armada que iniciara a loita contra a ocupación británica, baixo os auspicios do arcebispo Makarios III, deu un golpe de Estado contra o Goberno do propio Makarios, alentada pola ditadura grega dos coroneis. A EOKA e os militares gregos pretendían a unión con Grecia, a enosis, pero a consecuencia foi a invasión da illa polo exército turco, coa denominada Operación Atila, que ocasionou a división do país en dous. E van xa alá 48 anos

A Operación Atila mobilizou corenta mil soldados, catrocentos tanques e apoio aéreo, e as tropas turcas avanzaron ata o que hoxe segue sendo a fronteira que divide a illa. Pararon cando ocuparon o 37 por cento do territorio. Oito anos despois, en 1983, a zona converteuse oficialmente na República Turca do Norte de Chipre, baixo o liderado de Rauf Denktash, quen gobernou ata 2005. Pero ata hoxe, soamente Turquía o recoñece como Estado, mentres que para o resto da comunidade internacional na illa só existe un país: Chipre.

Porén, norte e sur manteñen diferentes presidentes, bandeiras, himnos, lexislacións e están separados por unha sucesión de barricadas, sacos de area, aramados e postos de control militarizados, que dividen en dous a illa pola capital, Nicosia. É no casco antigo desta cidade onde a división se mostra de maneira máis palpable, cun checkpoint que corta a mítica Ledra Street e que fai de zona de paso entre os dous territorios.

Hoxe, os cidadáns da Unión Europa, coma todos os chipriotas, poden cruzar libremente polos pasos habilitados, abertos as 24 horas. Pero esta liña de 180 km trazada en 1963 permaneceu hermeticamente pechada ata 2003. Nese ano, abríronse varios puntos de entrada e as comunidades, que foran segregadas pola forza durante o conflito armado, (turcochipriotas ao norte, grecochipriotas ao sur) puideron cruzar e ver a illa desde o outro lado da fronteira.

Comeza a caer a noite e no minúsculo bar de Yiannakis Charalambous xa só quedan dous clientes habituais xogando ao Backgammon. Todos son vellos habitantes de Polis, unha pequena cidade no oeste de Chipre que serve de porta á reserva natural da península de Akamas, aínda que ningún deles naceu alí. Charalambous é de Famagusta, unha localidade na costa este da illa que foi bombardeada por avións turcos en 1974. El, como a maioría da poboación grecochipriota, fuxiu da cidade antes de que o exército turco a ocupase. Xa en lugar seguro, decidiu abrir un kebab, un negocio moi frecuente na illa mediterránea, influída polos costumes e culturas dos países que a rodean. «Os soldados gregos adoitaban facer cola para comprar os meus kebabs», conta Charalambous mentres serve os últimos cafés do día, ben cargados e acompañados dun vaso de auga. «Eu poñíalles as últimas noticias na televisión e falabamos do que acontecía, era cando empezaba a fraguarse o conflito», engade.

Na fotografía, Yiannakis Charalambous no seu bar de Polis, unha pequena cidade no oeste de Chipre. Na apertura, un dos postos fronteirizos entre as dúas zonas.

«Eu vin pasar a turcochipriotas obrigados a ir ao norte con bágoas nos ollos», lembra Antonious Katsantonas mentres recarga a súa pipa sentado na terraza do club do equipo de fútbol Anagennisi Dherynia, no leste da illa. Era o dono de varios restaurantes en Famagusta, mais cando os soldados turcos comezaron a avanzar cara á zona, marchou. «Dixéronnos que poderiamos volver ao día seguinte. Aínda estamos a esperar», conta Katsantonas, que confesa a angustia que viviu durante o avance das tropas. «Non sabiamos cando ían parar». E este ancián grecochipriota está seguro de que se pararon foi porque quixeron. «Poderían ter seguido sen case oposición, pero a súa estratexia foi dividir a illa e separar as comunidades que levamos séculos vivindo aquí».

A poucos minutos do club de fútbol de Dherynia atópase, de novo, a fronteira, que pasaría desapercibida se non fose polo sinal de «STOP» que se apoia na estrada, rodeado de arame de espiños. «Prometeron que tamén aquí abrirían un punto de acceso, de novo seguimos esperando». Xusto en fronte, un vistoso cartel na fachada dun edificio convida a subir ao que se anuncia como «o miradoiro máis próximo a Famagusta, a cidade pantasma». O rexente do miradoiro non é outro que Katsantonas, que dende esa azotea di poder ver un dos negocios que rexentaba e onde nunca volveu.

Ahmed á porta do seu taller de mobles.

A cidade de Famagusta era antes do conflito un dos lugares clave para a economía da illa, onde o turismo de praia e monumentos eran a atracción de moitos visitantes, na súa maioría rusos. Hoxe segue atraendo a algúns curiosos que, máis aló das edificacións e das tendas de lembranzas, acoden atraídos pola singularidade de Varosha, «o barrio pantasma». O distrito, agora impenetrable, foi tomado por soldados turcos durante a ocupación e convertido nunha zona militarizada que aínda continúa. Varosha conxelouse no tempo, e agocha casas, grandes almacéns e hoteis baleiros ou esnaquizados aos que é imposible acceder.

A profesora Chara Makriyianni naceu precisamente neste barrio, cando aínda era un lugar cheo de vida. Despois do conflito, a súa familia fuxiu ao sur, onde se converteron en refuxiados. Vivir esta experiencia animou a Makriyianni a fundar a Association for historical Dialogue and Reserach (AHDR), tras doutorarse en educación pola Universidade
de Cambridge.

Ademais de presidir a asociación, Makriyianni pertence ao comité gobernamental que leva a cabo a reforma educativa e traballa como profesora no colexio Phaneromeni de Nicosia, onde ensina a moitos nenos e nenas que, como ela, son refuxiados. «Queremos acabar coa versión adulterada da historia de Chipre que se explica nos colexios, para o que é preciso reformar o sistema. As futuras xeracións non deben aprender o odio nas escolas», argumenta.

Makriyianni insiste en que os sistemas educativos chipriotas dan hoxe unha visión «tendenciosa» do conflito, o que contribúe á creación de prexuízos sobre a «outra» comunidade. No norte enxálzase a actuación dos turcos e cúlpase aos grecochipriotas. No sur, onde a Igrexa ortodoxa exerce un forte control sobre a educación, os malos da película son os turcos.

Ayse, mestra nun dos colexios turcos na cidade dividida de Nicosia.

O avogado Alenxandros Efsthatiou aínda lembra a primeira vez que un profesor lle dixo que «un bo turco é un turco morto». «Por iso hai xente que, aínda que pode, nunca cruzou a fronteira. Chegan a pensar que hai monstros do outro lado», apunta. «Na escola ensínannos a discriminar o diferente, co que a fractura social é cada vez máis profunda. Os pensamentos e condutas intolerantes das xeracións novas son consecuencia directa da educación», sinala o mozo.

O sentimento racista que existe entre as dúas comunidades non se extinguiu trala apertura do muro, e cada vez aumenta máis nalgúns sector da poboación. Así o asegura a presidenta da asociación antirracista KISA, Anthoula Papadopoulou, dende o patio interior da súa sede en Nicosia, a salvo dun sol que cae en picado a primeira hora da tarde. Entre o trafego de beneficiarios e voluntarios que van dun lado para o outro da asociación, a presidenta insiste en que o conflito deixou medo e desconfianza, dous sentimentos que a crise económica agravou. «Mírase ao outro como sospeitoso e os nacionalismos acaban envelenando á xente», declara.

Papadopoulou explica que a oposición entre comunidades remóntase a tempos anteriores ao conflito armado, concretamente á colonización británica, que durou desde 1878 ata 1960. A metrópole aplicou durante esa época a dividing rule, unha estratexia política que consiste en potenciar as diferenzas das comunidades, en lugar de buscar puntos en común porque «é máis fácil controlar a unha sociedade dividida».

A partir da independencia, explica Papadopoulou, esa política continuou da man de Turquía e Grecia, que foron, xunto con Gran Bretaña, as garantes da nova Constitución. A través dun comunicado, a ONG alertaba o pasado marzo do crecemento do apoio social a partidos nacionalistas e de extrema dereita como ELAM (Fronte Popular Nacional) no sur, ou YDP (Partido do Renacemento) no norte. «No medio do continuo estancamento no problema de Chipre e os perigosos xogos sobre os hidrocarburos, a violencia racista, os crimes de odio, o nacionalismo e a extrema dereita, o neo-nazismo e o fascismo intensifícanse», escribían.

Por exemplo, no sur da illa mediterránea, o partido ELAM pasou do 4 % ao 5,6 % nas últimas eleccións presidenciais de xaneiro de 2018. O seu líder, Christos Christou, explicaba o ascenso do seu partido pola crise económica, cun 30% dos mozos parados, o rexeitamento aos inmigrantes especialmente, a causa chipriota. Pero o racismo e a xenofobia non só afecta aos turcochipriotas e grecochipriotas, tamén moitos turcos que viven na illa sofren as consecuencias dos prexuízos e a discriminación, un problema que existe dende épocas anteriores á independencia dos territorios do norte. A pesar de que a Constitución promulgada despois da descolonización en 1960 obrigaba a que o Goberno contase con representación das dúas comunidades, foi Makarios III, presidente grecochipriota, quen en 1963 modificou a Carta Magna. Esta medida foi sentida como unha «diminución de dereitos» pola comunidade turca e tivo como consecuencia a intervención militar de Turquía e do país heleno.

En 1964, aos catro anos da independencia, eran xa 193 turcochipriotas e 133 gregos as vítimas mortais do conflito, aos que se sumaron centos de desaparecidos. A ONU decidiu nese momento despregar os cascos azuis e implantar unha «liña verde» para controlar as milicias de ambas as partes e conseguir o cesamento do fogo. As dúas medidas mantéñense a día de hoxe na illa.

Os ataques de 1963 obrigaron a Andreas, que rexentaba unha tenda no norte de Nicosia, a escapar á parte sur da capital. «Agora na miña casa vive unha familia turca… podemos visitar os nosos antigos fogares, coller algunha laranxa do xardín e marchar», conta xunto a un dos talleres que abundan nesa parte da cidade, a escasos metros da liña de separación. «Tras 44 anos, un afaise a vivir á beira da fronteira con militares roldando constantemente polas rúas».

Tras 44 anos, a demografía nos dous lados da illa cambiou e a República Turca do Norte de Chipre cumpre o que promete o seu nome. Nela construíronse mesquitas, alzáronse estatuas en homenaxe a Atatürk e utilízanse liras turcas en moitos comercios e transportes. Segundo o censo, en 2006 un 44 % da poboación era de orixe turca.

Un deles é Ahmed, que pasa a última hora da tarde vendo a televisión no seu poeirento taller de mobles que está, literalmente, pegado á fronteira. Ahmed, que presume mostrando o catálogo dos mobles que fai, chegou a Nicosia hai 20 anos. Dende entón non volveu ao seu país de orixe. Acúsaselles de ser criminais, pero só son turcos procedentes de Antalya, unha das rexións máis pobres de Turquía. «Non somos moi felices aquí», explica mentres o seu can, un cachorro de pastor alemán, non para de xogar entre os seus pés. Así se sente tamén Ayse, profesora dun dos centros educativos da parte turca da cidade dividida de Nicosia. Ela conta que na illa as condicións de vida son máis fáciles que no seu lugar de orixe, pero bota de menos a paisaxe e sobre todo á súa familia. «Turquía é un país moi bonito e aquí só vemos campo seco, non hai moita vexetación. Boto de menos o meu fogar, pero aquí hai máis oportunidades de traballo», comenta.

Os representantes dos dous gobernos e as institucións internacionais tratan, de cando en vez, de achegar posturas co propósito de alcanzar unha solución que se vai dilatando no tempo. Son os movementos e organizacións sociais quen pelexan a diario por conseguir unha conclusión ao conflito.

É o caso do movemento Unite Cyprus Now, que cre nunha solución federal para a reconciliación da illa. O seu portavoz, Thomas Antoniou, comenta que o verdadeiro problema é que os políticos «non teñen vontade» en que as negociacións triunfen porque diso «dependen os seus intereses políticos». «Aliméntanse dun sistema que basea os seus programas electorais en plans para solucionalo. A xente está cansa de que ano tras ano non se cumpran as promesas e non se avance nin un paso, pero o cambio viría se saísen á rúa para manifestarse», lamenta.

Por iso, Unite Cyprus Now concéntrase periódicamente no checkpoint de Ledra Street en Nicosia, onde baixo a supervisión da policía da ONU, organizan exposicións e actividades para espertar a curiosidade de quen cruza a fronteira nese momento. «Non son un grande optimista e penso que ao final a guerra e a paz son unha industria, mais sinto que teño que estar aquí polo meu país», explica mentres reparte uns adhesivos co lema : «Nós non esquecemos, perdoamos e seguimos adiante».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail