Cando as xornalistas nos organizamos para baleirar as redaccións e os gabinetes de comunicación o 8 de marzo, para saírmos ás rúas a berrar xuntas, con máis mulleres de todos os sectores e estratos sociais, algúns insinuaron, ou afirmaron directamente, que estabamos a facer un postureo. Que a performance das «feministas amargadas» quedaba aí. Sen maior trascendencia. Sen máis acción.
Non pasaron dous meses e seguimos organizadas. Hai debate, hai reunións, hai propostas e hai ilusión por seguirmos adiante. Decatámonos de que a sororidade que se acadou neses días non ten marcha atrás, por moi pouco oco que o traballo e a conciliación nos deixen para nós mesmas.
Por iso é tan difícil de explicar como é posible que Podemos, o partido que en 2015 se enarborou como estandarte da nova política e do activismo de acción feminista, sexa hoxe o que é: unha competición de señores por ocuparen unha cadeira que sempre está a ocupar un señor, cun feminismo recorrente de cando en vez, sobre todo como arma contra o Goberno de Rajoy.
Claro que hai unha Montero, unha Bescansa e unha Sánchez Melero. E escoitándoas falar, non cabe dúbida de que ningunha está de adorno. Pero para elas está reservado o segundo plano da cadeira vacante ao lado do trono violeta. E, por certo, dúas de tres resultan xa incómodas para o partido por non seguiren a liña hexemónica.
A foto de Pablo Iglesias, Iñigo Errejón e Ramón Espinar tras o acordo para as primarias do partido, diante dun cartaz onde se podía ler en letra ben grande «NOSOTRAS», é como esa viñeta de Luís Davila na que un raposo dá un mitin nun galiñeiro declarándose «vexetariano de toda a vida». Un paradoxo que semella que se ri de nós na nosa cara.
Nunca fun partidaria do termo «podemita», por despectivo. Pero dende que vin esa fotografía a palabra «podemito» non deixa de sobrevoar a miña mente. Podemito: señor de esquerdas que enarbora o feminismo no mitin e practica o machismo na poltrona. Algo así.
A ver se vai ser que a nova política, a dos tempos dos selfies e as stories, vai ser cuspidiña á antiga: cobrar soldos públicos por facerse a foto. Ata no logo, Podemos estase a converter no partido do purplewashing.
El término ‘purple washing’ es de @La_Vasallo. Voy a hacerle entrada en Wiki, a ver si no me la tiran. https://t.co/pVg64An6Le
— Barbijaputa (@Barbijaputa) 30 de agosto de 2016