Idi Amin e Cifuentes

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Con todas as distancias que se queiran, empezando polas obvias de que ela é loura e el non, o caso de Cristina Cifuentes é semellante ao de Idi Amin Dadá. É certo que quen fora presidente de Uganda foi un animal. Unha besta que destacou por selo especialmente nun contexto, tanto político como social, que non destacaba precisamente pola súa finura, senón por ver quen a facía máis gorda. E nesa competición, Idi Amín é un firme candidato a besto de ouro. Non é que roubara, que roubou (de feito, chegou á presidencia dando un golpe de estado porque soubo que o daquela presidente, Milton Obote, o ía acusar de desfalco dos fondos do exército). É que arruinou ao país con medidas como expulsar a cidadáns asiáticos e británicos –a clase media e industrial que había- e darlle os seus negocios aos colegas, que os arruinaron deseguida. É que promoveu o mal rollo entre etnias (todos sabemos que o mal rollo neses ambientes non se limita a facer pintadas «Vigo no!» ou «Puta Turkía») e dedicouse a invadir territorios alleos ou a amagar con facelo.

O que fai casos parecidos o de Cifuentes e o de Idi Amin é o da caída dela e o ascenso del

Pola contra, a madrileña filla de galegos que foi delegada do Goberno na súa comunidade e logo presidenta rexional o que se sabe dela é que estaba a favor da república, do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, as tatuaxes e andar en moto. Una de los nuestros, cando no fondo, desde que era adolescente e se presentou na sede de Nuevas Generaciones, levaba décadas na sala de máquinas do PP de Madrid, un dos máis corruptos do panorama español (un contexto no que tamén hai unha dura competencia por destacar). Pero tamén Idi Amin se vestía con plumas alleas. Facíase chamar «A Súa Excelencia o presidente vitalicio, mariscal de campo Alhaji Dr. Idi Amin Dada, VC, DSO, MC, señor de todas as bestas da terra e peixes do mar [o único mar que ten Uganda é o lago Victoria] e conquistador do imperio británico en África en xeral e en Uganda en particular», a maiores de pretendente ao trono de Escocia. E mandou deter a unha das súas exesposas acusándoa de querer sacar de contrabando unha peza de tea. O que non quita que mentres fixera esas trangalladas (segundo algúns para quedar perante a opinión internacional antes como un pallaso que como o ditador sanguinario que era) causou a morte, con ou sen tortura previa, de medio millón de compatriotas, entre eles case todos os que sabían facer un O cun canuto.

Pero o que fai casos parecidos o de Cifuentes e o de Idi Amin é o da caída dela e o ascenso del. Del dixo alguén que non era estraño que chegase a presidente de Uganda, que o verdadeiramente extraordinario era que dese chegado a sarxento do exército británico. De feito un que foi oficial seu nos Fusileiros Africanos do Rei (KAR)  dixo que era «un tipo espléndido e un bo xogador de rugby, pero non é moi intelixente e necesita que lle expliquen as cousas con palabras claras». No caso de Cristina Cifuentes, o estraño non é que caese por un máster que recibiu pola cara, como tamén moitos outros o recibiron, ou nin recibiron pero iso non lles impediu incluílos nos currículos oficiais. O verdadeiramente incrible é que acabe dimitindo por mangar unhas chilindradas nunha superficie comercial, co que se ten roubado nesa casa súa, e diante da súa cara, é dicir, sendo cómplice ou parva.

 

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail