O sector pesqueiro considera «incumpribles» as medidas contra o coronavirus na frota

Aínda sen EPIs, os barcos pesqueiros en Galicia saen a faenar diariamente para garantir a subministración de peixe. Os traballadores continúan con problemas para mobilizarse debido ás restricións nas estradas e sen garantías de volver á casa compensados economicamente ante a caída dos prezos.

O covid-19 arrasou co sector pesqueiro en Galicia. As mariscadoras xa deixaron de saír a faenar e piden aínda o cesamento da súa actividade. Os pescadores, pola contra, seguen con problemas para mobilizarse conxuntamente de camiño ao mar polas restricións nas estradas, embarcan nos portos sen garantías de seguridade pola falta de EPIs, e retornan a terra sen unha garantía de ser compensados economicamente o suficiente como para obter rendibilidade.

O pasado luns, o Ministerio de Agricultura e Pesca compartiu unha nota informativa para os buques pesqueiros con «recomendacións para unha correcta actuación na loita contra o coronavirus» que a Federación Nacional de Cofrarías de Pescadores e a Confederación Española de Pesca (Cepesca) consideran «incumpribles» principalmente polo pequeno tamaño dos barcos de todo o país onde soben varios pescadores.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Unha das actuacións deste protocolo que parte do Goberno estatal radica en que, no caso de que sexa necesario o illamento dalgún tripulante por sufrir síntomas, «confinaráselle nun camarote específico de acceso restrinxido». O presidente da Confederación Nacional de Cofrarías, Basilio Otero, explica que o 50% da frota española é menor de 15 metros, de maneira que pode darse que só exista un camarote. «Somos 4 ou 5 persoas a bordo, que fariamos nese caso?»

O secretario xeral de Cepesca, Javier Garat, engade que a pesar das «boas intencións» do Ministerio de Agricultura e aínda que se consideren unhas «medidas normais» para estes casos, «é imposible gardar a distancia de seguridade» a día de hoxe na frota de calquera lugar do país. A realidade, continúa, levou a que «a maioría dos barcos no Mediterráneo estean a parar, como no golfo de Cádiz, e ten pinta que no Cantábrico e no Noroeste vai ocorrer o mesmo».

Ademais, insiste en que a nota informativa e as medidas de seguridade serían efectivas para os barcos conxeladores, que son máis grandes e que están semanas ou meses pescando en alta mar ou en augas de terceiros países, unha tónica moi distinta na comunidade galega. Os pescadores están diariamente en contacto co porto, co persoal da lonxa e, sobre todo, coa súa familia, onde moitos viven con persoas maiores nas súas casas cun risco de contaxio moi elevado.

Garat prosegue: «Hai que ter en conta que temos que velar pola saúde dos traballadores e que, se esas medidas na frota de baixura non se poden cumprir, imos ter que paralo todo». En Galicia poden saír entre 2.000 e 3.000 embarcacións diarias, e a semana pasada, ao redor do «90%» das que traballan no Mediterráneo, conta Otero, xa pararon o pasado luns. «Esperemos que isto cambie ou acabará en paro xeral» tamén na comunidade.

Entre as peticións dos traballadores do mar ao Goberno central, enmárcanse unha correcta protección cos EPIs, de momento teñen luvas que xa usan de maneira habitual e máscaras que non chegan para «toda a proporcionalidade da poboación», di Otero. Ademais, algunhas mariscadoras discrepan da eficacia no mar das máscaras. O presidente da Federación Nacional de Cofrarías de Pescadores insta tamén o Ministerio a que aclaren se a súa actividade pertence ao sector primario e no caso de non ser así, solicitan un ERTE e un cesamento completo.

O corrente, segundo o secretario xeral de Cepesca, é que a suspensión a decrete o Goberno estatal. «Pedimos o venres pasado que consideren os ERTE motivados por causas de forza maior» e ante a «dificultade» do cumprimento coas normas e recomendacións sanitarias na frota española, espera unha resposta que sexa «común» para todo o país. «Non debe producirse o que en Cataluña e en Valencia, que aceptan os ERTE e que noutras comunidades o estén pensando como Andalucía ou Galicia».

Así mesmo, instan a unha solvencia económica das empresas. «Non hai compradores, baixa o prezo e menos xente vai ao mar, é unha espiral lóxica», conta Otero. As peores consecuencias víronse no marisqueo. En Galicia, «as compañeiras foron parando aos poucos, porque non gañan nin para pagarse a sola da bota que van gastar ese día», engade. Houbo días que as traballadoras tiveron que tirar o produto ao mar, e a Xunta xa publicou os datos: a facturación do marisqueo en Galicia caeu un 77% polo estado de alarma, por encima do 75% que fixa o Goberno central para recibir compensacións económicas.

Con todo, aínda que o marisqueo de ameixa finalizase porque as súas confrarías así o decidiron para protexer a súa saúde, as extractoras de mexillón aínda continúan saíndo ás bateas pola alta demanda das conserveiras. «Nestes meses a produción normalmente sería baixa, pero dada a situación está en auxe porque están continuamente pedindo mexillón enlatado, é o que máis se consome», postula unha traballadora de Arousa.

«Todos os días hai cinco ou sete camións diante das conserveiras e as súas traballadoras están a dobrar quendas». Ademais, nestes momentos nas bateas están en época de «poñer a cría» e se o deixan, supoñería que dentro de seis meses non teñan produción para vender. Ante as medidas de seguridade polo covid-19 declaran que «no mar é un pouco complicado» cumprilas, do mesmo xeito que as conserveiras, «aquí traballamos todas de xeito conxunto».


Este artículo publicouse en orixe en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail