Consciente, libre e voluntario

«Está disposto a permitir que os negros voten?
Que será o seguinte? O sufraxio universal…?».
Lincoln (2012).

Lourdes González-Laganá e Mar Caamaño son dúas desas mulleres case anónimas cuxa loita terá algún día o lugar que merece nesa historia con minúsculas que protagoniza a xente de a pé. Mar ten unha filla con discapacidade, Mara, que foi desposuída do dereito a voto nun proceso de incapacitación xudicial. Pero Mar quería que a súa filla puidese exercer ese dereito e estaba disposta a chegar onde fose para conseguilo. No seu camiño, aliouse con Lourdes, unha avogada á que non lle asustaba pelexar ata o final. E vaia se o fixeron. Por primeira vez, unha causa como esta chegou ao Tribunal Supremo, ao Constitucional e ao Tribunal Internacional de Dereitos Humanos, onde por fin lle deron a razón.

O seu labor foi recoñecido co premio extraordinario da Fundación Down Compostela, entregado na véspera do día mundial da síndrome. Para Lourdes, o galardón «representa un fracaso do noso sistema político e dos nosos xuíces, que dende 2008 deberon ter adaptado a lexislación española á Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade».

O tirón de orellas de Estrasburgo foi determinante para que –cunha década de atraso– se aprobase a reforma da Lei electoral que permitía o voto de máis de cen mil persoas incapacitadas xudicialmente, «a derradeira conquista pendente do sufraxio universal». Unha alegría á que axiña lle seguiu un xerro de auga fría. A Xunta Electoral Central (XEC), formada por oito xuíces dese mesmo Tribunal Supremo que rexeitou a demanda de Mara, decidiu emendar a reforma; quizais por iso tan español de levar mal os correctivos europeos e que tan ben sintetizara no seu día Javier Cárdenas con aquel famoso «los jueces de Estrasburgo son unos hijos de puta».

Fose cal fose o motivo, a XEC decidiu pór en tela de xuízo eses novos votantes e emitiu unha resolución que afirmaba: «no suposto de que algún membro dunha Mesa electoral, ou algúns dos interventores ou apoderados adscritos a esa Mesa considera que o voto dunha persoa con discapacidade non é exercido de xeito consciente, libre e voluntaria, poderá facelo constar na acta da sesión, pero non se impedirá que dito voto sexa introducido na urna.

O cabreo foi tal que a XEC non tardou en rectificar e eliminou a referencia á discapacidade, co que acabou de liala. Agora, este novo texto dá potestade aos interventores e apoderados dos partidos para que anoten o DNI de calquera –calquera!– que sospeiten que non emite o seu voto de xeito consciente, libre e voluntario. Que eu saiba, ser apoderado ou interventor non capacita automaticamente para descubrir algo aparentemente tan complexo; que o faga para dirixir os informativos da TVG non quere dicir que sirva para todo…

Que utilidade terán esas anotacións? Pois tampouco o sabemos. Poderase impugnar un voto cuxo contido se descoñece? Permitirá impugnar toda unha urna? Ou, simplemente, «permite recuperar as listas de malos votantes», como se preguntou o presidente de Down Compostela, Juan Martínez?

O que a min me parece máis curioso de todo isto é que nunca antes os nosos xuíces se preocuparan así pola capacidade dos votantes. Nunca lles interesou demasiado comprobar se de verdade estaban vivos todos aqueles que enviaban as súas papeletas dende a emigración, sabendo que había partidos que contrataban axentes electorais a razón de 8 a 10 dólares por voto conseguido. Xuíces como os da Audiencia de Lugo, que non atoparon delito electoral por parte de cargos do PP na demostrada carretaxe de anciáns que, segundo o Instituto de Medicina Legal de Galicia, «carecían de capacidade de comprender e decidir o sentido do seu voto» e que presentaban «signos de demencia, alteracións cognitivas ou desorientación evidente». Quizais porque pensaban que todos eles, aínda mesmo sen sabelo ou directamente contra a súa vontade, estaban votando de xeito correcto…

Se de verdade só puidesen elixir alcaldes e presidentes aquelas persoas que emiten o seu voto de xeito consciente, libre e voluntario, eu non sei cal sería o resultado. O que si teño claro é que o reconto remataría antes. Moito, moito, moito antes. Moitísimo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail