Farta dos fascistas

Moito se fala das causas do ascenso do fascismo. Uns din que é unha reacción á falta de traballo, ao estado da economía, ao problema da vivenda…, pero eu penso que o ascenso do fascismo no mundo e no noso país en particular ten moitísimo que ver coa perda do norte dos homes. A velocidade á que chegamos a un progreso social onde as mulleres, gais, trans, queer e demais persoas non binarias teñen os mesmos dereitos que un home branco heterosexual descolocoulles a moitos o rol eterno no que nadaban as masculinidades tóxicas. O patriarcado ten un problema de adaptación ao progreso. Din que se non te adaptas, morres. Pero o verdadeiro problema témolo nós, porque  o patriarcado está a demostrar case cada día que antes de morrer xa nos mata.

Fai falta ter ben presente un punto: o fascismo vai sempre contra os dereitos das mulleres e das minorías sociais. A cantidade de votos que recibiu Vox nas últimas eleccións é unha mostra de que nesta sociedade hai moitísima xente que lle daría unha medalla a Luis Rubiales e un azoute no cu a Hermoso. Non teño dúbida de que cantos máis dereitos teñamos as mulleres e a comunidade LGBTQIA+, máis alto van chegar homes ananos como Abascal e a súa panda de incels (involuntary celibates). Responsabilizarnos a nós do ascenso dun grupo de retrógrados malparidos é o mesmo razoamento do xuíz que lle botaba a culpa dunha violación ao tamaño da saia da vítima.

O desaxuste mental do patriarcado daríame pena se non matase tanto.

O fascismo patriarcal e rancio da xente de Vox non só odia o diferente, senón que me parece que o envexa secretamente. Moitos CaraAoSol imberbes e fósiles do antigo réxime que non dan morto teñen que estear fartos da nosa alegría. «Que dereito teñen os gais a ser tan gais e felices?» (a palabra ‘gai’, moito antes de definir unha orientación sexual, referíase a alguén ou algo que está contento, alegre, colorido), «que dereito teñen as parellas de gais e lesbianas a ter máis orgasmos que os membros de familias heterosexuais?», «por que estés raros son máis felices ca nós, que somos homes de peito peludo?»

O desaxuste mental do patriarcado daríame pena se non matase tanto. Cando non podes ter a muller que queres, mellor que non a teña ninguén. Cando non podes entender a lingua e a cultura doutra parte do país, mellor negarlles a cultura. Cando non sabes xestionar a  inseguridade que che causa a vida social da túa muller ou da túa moza, busca unha ponte e brinca ben alto. Proba a romper os teus ósos antes que pararlle o corazón á túa muller ou aos teus fillos. Sé creativo e busca unha forma de acabar con ese sentimento que che está a tolear a testa. Queridos maltratadores fascistas: cando non poidades máis con esta sociedade de «mulleres que corren con lobos e queers de siglas inintelixibles», ide para o monte e rebentade ese ruxerruxe que non vos deixa deixar vivir a xente.


[Na cabeceira, imaxe da sala de Anatomía Veterinaria da Universidade de Humboldt, en Alemaña, onde a autora deste artigo participou nun acto para falar da lingua galega. A cúpula presenta murais de animais, lobos, osos, porcos salvaxes e rostros que, a ollos de Mara Mahía, parecen meigas]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail