A Coruña.- O Concello da Coruña, gobernado por Inés Rey (PSOE) celebrou este luns o acto de declaración de Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye como fillos adoptivos da cidade, seguindo unha proposta do BNG que contou co apoio de todo o pleno en recoñecemento á súa coraxe, ao ser os únicos viandantes que na madrugada do 3 de xullo de 2022 acudiron en auxilio de Samuel Luiz. O rapaz estaba a ser linchado ao berro de «maricón de merda!» nunha concorrida rúa en pleno centro da cidade, por unha manda homófoba que acabou matándoo e á que só eles ousaron enfrontarse.
N’Diaye e Diack, cuxo testemuño resultou tamén fundamental para que os asasinos de Samuel fosen detidos e condenados, son senegaleses, traballaban como pescadores na localidade de Yoff, preto de Dakar, e chegaron a España cruzando o estreito en patera. Na Coruña, onde sobrevivían como vendedores ambulantes, foron acollidos por Ecodesarrollo Gaia, unha ONG local que desenvolve proxectos de cooperación en Senegal e que desde 2003 xestiona en Yoff a Escola Coruña, un centro de desenvolvemento formativo comunitario.
A noite en que Samuel foi asasinado a puñadas polos seus agresores, Ibrahima e Magatte camiñaban polo paseo marítimo de Riazor cando advertiron o feroz ataque. Estaban en situación irregular, sen papeis, e sabían que implicándose nuns feitos tan violentos, enfrontándose a unha horda tan sanguinaria como aquela, non só poñían en perigo a súa integridade física, senón que se arriscaban mesmo a ser eles quen puidese acabar sendo detidos e quizá deportados.
«Non o dubidaron nin un instante»
«Pero non o dubidaron nin un instante», lembra Guillermo Fernández Obanza, Mito, fundador e secretario de Ecodesarrollo Gaia e quen coñece de preto desde hai anos os dous cidadáns. «Como miles de mozos africanos, Ibrahima e Magatte buscaban en España poder desenvolver o seu proxecto vital e familiar, algo que non poden facer en África, lastrada por 600 anos de escravitude, colonialismo e neocolonialismo, e onde a pobreza é unha situación estrutural xeneralizada», engade.

Á marxe de Ibrahima e Magatte e de Lina Fernández, a amiga de Samuel que pasaba a velada con el, ninguén de entre as decenas de persoas que circulaban polo paseo marítimo da Coruña aquela madrugada fixo nada para axudalo. Eles si, arriscando ese proxecto vital propio, pero do que dependían tamén as súas familias e polo que xa xogaron todo cruzando África e o océano en patera.
«A migración desde Senegal ten esa característica familiar, comunitaria: alguén migra para poder pagar as medicinas da nai, a escola dos irmáns, a casa onde viven…», explica Fernández Obanza. Ibrahima e Magatte pertencen aos lebu, un subgrupo da etnia maioritaria no país de ascendencia tamén migrante: proveñen do antigo Exipto, e chegaron a Senegal a mediados do século XV cruzando Mauritania e o Sahel.
«Non somos heroes»
A pesar de que o seu periplo vital e o que fixeron por Samuel ben merece o cualificativo, Ibrahima e Magatte insistiron no acto no Concello da Coruña en que eles non son heroes. «Aseguran que só fixeron o que lles ensinaron os seus pais», subliña Mito. «E iso debe facernos reflexionar sobre os valores que estamos a perder, porque se eles non son heroes, entón, que somos quen ante feitos semellantes quedamos mirando ou gravando co móbil, esperando a ver se nos dan un like en Instagram?», pregúntase.
Para Víctor Sampedro, catedrático de Comunicación Política da Universidade Rey Juan Carlos e con vínculos familiares na Coruña, a actuación dos dous senegaleses, a quen coñece persoalmente, pon de manifesto esa perda de valores humanos que converteu a Occidente «nunha sociedade de espectadores». «Eles son o contrario, persoas que levan no seu ADN esa obrigación de prestar auxilio a quen o necesita, ese deber de axuda mutua, de solidariedade e de cooperación co próximo», engade.
«Ibrahima e Magatte son o exemplo que demostra que os migrantes non son unha ameaza, ao contrario, eles son a esperanza»
Sampedro, quen recoñece que el mesmo non sabe se sería capaz de dicirlles aos seus propios fillos que arriscasen a súa vida enfrontándose a asasinos como os de Samuel, subliña a necesidade de difundir relatos como o de Ibrahima e Magatte para combater o argumentario da dereita e a ultradereita sobre a suposta ameaza que representan os migrantes: «Ao contrario, non son unha ameaza, eles son a esperanza», sentenza.
Mérito
Para Ana G. Fernández, portavoz de Alas A Coruña, a asociación que exerceu a acusación popular contra os acusados da morte de Samuel –catro dos cinco adultos xulgados foron condenados a penas de entre dez e 24 anos de cárcere–, a actuación de Ibrahima e Magatte reviste dun enorme mérito: «Xogáronse todo sabendo que todos os prexuízos que se constrúen sobre os discursos de odio podían caer sobre eles nese mesmo momento, que todo o seu proxecto podía acabarse aí», opina. «Por iso, a empatía que mostraron co sufrimento dun ser humano é tan meritoria. Actuar como un heroe é moi difícil, non se lle pode esixir a ninguén e eu non sei se sería capaz de recomendarlle a ninguén que o fixera. Pero o certo é que eles se comportaron como tal», conclúe.
Pouco despois de que a Samuel o matasen, a Delegación do Goberno na Coruña iniciou a tramitación do expediente para regularizar a situación dos dous senegaleses, botando man dun precepto da lei de dereitos e liberdades dos estranxeiros en España –a lei de estranxeiría– que faculta ao Goberno dar permisos de residencia a cidadáns doutros países por razóns de interese público. Algún dos avogados dos acusados de matar a Samuel mesmo insinuou que a súa declaración no xuízo estivo condicionada por iso. Por contra, para moitos o seu exemplo fai pensar en se non sería de interese público darlles papeis aos máis de 10.000 migrantes en situación irregular que a día de hoxe residen en Galicia.
Ibrahima e Magatte xa están arraigados na cidade, traballan nun municipio próximo á cidade e seguen evitando aparecer nos medios de comunicación ou en calquera acto público. O de onte foi unha excepción. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, subliñou no seu discurso que o feito de que dous migrantes sen papeis foran os únicos en axudar a Samuel deixa «moitas ensinanzas» e un amplo «espazo para a reflexión». Eles insistiron en que fixeron «o correcto». «Axudamos a alguén que o necesitaba. Como nos ensinaron as nosas familias».