O inimigo da democracia

Agachado detrás dos líderes de ultradereita, con ambos polgares tocando a pantalla do móbil e tuiteando, atópase o final boss do capitalismo tardío, un billonario con máis cartos que sentido común. Coñecido ata hai relativamente pouco como o director executivo de Tesla e SpaceX, e máis recentemente como o señor rico que comprou Twitter —cambioulle o nome e estragou a plataforma—, estes días dedícase a sacar fotos de parella con Donald Trump e a despezar o goberno estadounidense departamento por departamento. Refírome, por suposto, a Elon Musk, o executor do infame «saúdo romano» que os demais republicanos parecen tomar como exemplo a seguir.

A pesar de que apoiara tanto a Hillary Clinton en 2016 como a Joe Biden en 2020, a política de Musk empezou a tirar cara á dereita extrema xa dende a tiranía que está levando a cabo en Twitter (que pasaría a chamarse X). Fíxoo a través da censura aos xornalistas que lle desgustan, a venda de verificacións que antes se concedían por recoñecemento público ou a prioridade ás súas publicacións. Pouco despois comezou a dar espazo e fomentar memes de dereita extrema ou pseudoinvestigacións que promoveron desinformación e teorías conspiratorias da ultradereita.

Para cando chegou o 2024, Musk xa era profeta da ideoloxía autoritaria da dereita extrema americana, e asegurouse de apoiar publicamente a Donald Trump, doando cartos á súa campaña e alentando a todos os seus seguidores tech bros a votalo. En canto Trump gañou as eleccións, Musk recibiu o cargo que agora posúe: empezou como voluntario e evolucionou ata chegar a ser o administrador do departamento de eficiencia gobernamental (ou DOGE).

Baixo a premisa de «identificar malos usos dos cartos dos contribuíntes» (que convenientemente vaga é a terminoloxía, non?, case coma se un quixese deixar a porta aberta para coar o que conveña usando esta escusa), o DOGE infiltrouse nos demais departamentos do goberno, esperando que os traballadores demócratas lles dean un motivo para botalos á rúa. Este departamento non ten autoridade parlamentaria de ningún tipo e, porén, Trump outorgoulle o poder de pechar departamentos enteiros, limitar ou eliminar presupostos e acceder á información fiscal de miles de cidadáns americanos. O DOGE xa eliminou o USAID, o programa de axudas do goberno, de forma que miles de persoas perderon os cartos dos que dependen para poder xantar.

Ah!, pero non vos poñades celosos, que o señor Musk ten pensado vir a Europa no futuro próximo. Xa ameazou na súa plataforma (que sigo sen poder chamar X, é que non son capaz) coa seguinte mensaxe:

Un chío de Elon Musk no que xoga coas siglas de MAGA (Make America Great Again) para transformalo en MEGA (Make Europe Great Again). Fonte: X

Ademais, apoiou abertamente a AfD, o partido de dereita extrema alemán que quedou de segunda potencia política nas eleccións deste 23 de febreiro. Quere facerse amigo, así mesmo, de Nigel Farage, o líder de Reform UK, o partido de ultradereita inglés, antes de ter unha pelexa con el. Tamén ten relación con Milei na Arxentina, e leva un tempo en contacto con Putin en relación a Ucraína, segundo The Wall Street Journal.

Como é posible, pregúntome eu, que un só home teña tanto poder sobre os gobernos do mundo, simplemente porque ten cartos? Como é posible que este home pretenda influír tan descaradamente na política de países supostamente democráticos e saia impune?

Elon Musk non ten cargo oficial, nin experiencia política, nin foi elexido democraticamente polo pobo americano. Aínda así, ten o poder de crear e dirixir un departamento que controla as finanzas de todos os demais e pode establecer un estado policial neles, ao estilo de Orwell: o Irmán Maior está observándote e, se non lle gusta o que fas, quedas sen cartos, ou incluso sen departamento. A vida e manutención de miles de americanos dependen directamente das decisións dun home ao que xamais lle faltou nada e a quen eles non escolleron.

É verdadeiramente perigoso permitir que os ricos diten a política e o goberno dun país, e calquera que queira dicir o contrario soamente ten que mirar os Estados Unidos para observar como un só home desmantela décadas de programas sociais. Di o refrán que o diñeiro non trae a ledicia. Pode que isto sexa certo, pero está claro que o que si que trae é o goberno dos Estados Unidos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail