Jácome tomba o intento do PP de premiar ao exchófer de Baltar coa xefatura do parque móbil da Deputación de Ourense

A Coruña.- O pleno da Deputación de Ourense rexeitou este venres a proposta do presidente, Luis Menor, do PP, de modificar a relación de postos de traballo (RPT) do organismo para premiar ao exchófer do seu antecesor, Manuel Baltar, coa xefatura do parque móbil da presidencia.

A moción foi rexeitada polos deputados do PSOE e o BNG e polos de Democracia Ourensana (DO), o partido de Gonzalo Pérez Jácome, que goberna no Concello da capital co apoio do PP a cambio de prestar o seu a Menor para que poida conservar a presidencia de Deputación.

Trátase da primeira vez nesta lexislatura na que DO impide aos seus socios sacar adiante unha proposta nese organismo, no que o PP conta con 12 escanos, por sete do PSOE, tres do BNG e tres de DO.

Un destes últimos era Armando Ojea, que acaba ser elixido deputado no Parlamento de Galicia nas eleccións autonómicas do pasado 18F.

O condutor de Baltar foi unha das persoas ás que a institución se negou a identificar como pilotos dos vehículos oficiais que foron detectados circulando con exceso de velocidade, o que supuxo que a Deputación tivese que pagar o triplo das sancións iniciais impostas pola Dirección Xeral de Tráfico.

Xefe do parque móbil de maneira irregular

Segundo puido saber Luzes-Público, o exchófer de Baltar, que agora o é de Luis Menor, leva anos exercendo as funcións de xefe do parque móbil de maneira irregular, debido a que forma parte do cadro de persoal laboral e a lei prohibe que teña autoridade sobre os condutores que si son funcionarios.

Tamén foi unha das varias persoas do círculo de confianza de Baltar que recibiron gratificacións inxustificadas pouco antes de que o agora senador, pendente de xuízo no Tribunal Supremo por un delito contra a seguridade viaria, deixase a presidencia da Deputación.

A proposta de Menor era modificar a RPT da Deputación para que o persoal laboral puidese acceder á xefatura do servizo de condutores a pesar de que vulneraba a norma e sen argumentar esa necesidade, xa que no departamento existen funcionarios que poderían e deberían, segundo a citada normativa legal, ocupar ese posto.

Durante o pleno, a oposición criticou que Menor pretendese levar a cabo «unha cacicada» destinada a premiar de novo e inxustificadamente a unha persoa de confianza do seu antecesor.

Tras a votación, DO subiu o seguinte post á conta de Facebook do partido: «No pleno da Deputación non se aprobou unha modificación da RPT, porque PSOE, BNG e DO votamos en contra. É o que ocorre cando pemsas que tes maioría absoluta sen tela e sen falar co resto de grupos».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail