Despedidos os dous senegaleses que auxiliaron a Samuel Luiz por non ser «polivalentes»

A Coruña.- Tratáronos como a heroes, fixéronos fillos adoptivos da cidade á que migraran, déronlles permisos de residencia e traballo e unha empresa proporcionoulles emprego como recompensa á súa valentía e humanidade. Pero a Ibrahima Diack e a Magatte Ndiaye, os dous senegaleses que tentaron auxiliar a Samuel Luiz mentres unha manda homófoba o linchaba a patadas e puñadas hai ano e medio na Coruña, acaban de quedar sen traballo.

Eles din que o empresario que os contratou os explotaba. A empresa, en cambio, asegura que rescindiu os seus contratos porque non eran «polivalentes», e que as razóns polas que prescinde deles só ano e medio despois de contratalos están plenamente xustificadas.

Ibrahima e Magatte foron as dúas únicas persoas que trataron de axudar a Samuel Luiz, asasinado no paseo marítimo da Coruña o 3 de xullo de 2021 no que presenta todos os indicios de ser un crime de odio. Sete persoas foron detidas entón, e dúas delas, menores de idade, foron condenadas a tres anos e medio nun centro de internamento tras un acordo coa Fiscalía.

Outras cinco permanecen á espera de xuízo, tres en prisión provisional. Están acusadas tamén do intento de asasinato de Ibrahima, quen se interpuxo entre Samuel e os seus asasinos e quen tamén puido morrer se Magatte non o tivera socorrido.

Ambos chegaron en patera a España buscando unha vida mellor, e acabaron na Coruña amparados pola ONG Ecodesarrollo Gaia, que desde hai anos sostén unha escola na localidade de Yoff, en Senegal, a 8 quilómetros de Dakar. Semanas despois do asasinato de Samuel, o Goberno español deulles permiso de traballo e de residencia porque considerou un acto de xustiza regularizar a súa situación polo seu «comportamento cívico».

En marzo do ano pasado, o Concello da Coruña, a petición do BNG, nomeounos fillos adoptivos da cidade para premiar «as súas accións de xenerosidade para os seus semellantes». Pouco despois, a firma Puertas Betanzos, dedicada á fabricación de produtos para o mercado da construción e o deseño, contratounos. A empresa ten a súa fábrica no municipio de Oza-Cesuras, a uns 50 quilómetros da Coruña, pero o seu propietario, o empresario Javier Paz, vivía a só dúas rúas do lugar onde mataron a Samuel.

O pasado 21 de decembro, o día antes de coller un avión a Senegal para pasar as súas vacacións de Nadal coas súas familias, Ibrahima e Magatte recibiron unha carta na que Puertas Betanzos lles anunciaba o seu despedimento «motivado por razóns económicas».

Fotomontaxe coa imaxe de Samuel e co memorial improvisado no lugar da súa morte / J.O.

A parte da reforma laboral do PP que non foi derrogada permite a unha empresa executar un despedimento procedente, é dicir, coa indemnización mínima, alegando causas económicas se se xustifican perdas consecutivas durante tres trimestres. Con todo, na carta que mandou aos traballadores e á que tivo acceso Luzes-Público, o empresario recoñece expresamente «a improcedencia do despedimento» e anúncialles unha indemnización de 33 días de salario por ano traballado.

Luzes-Público tentou sen éxito contactar con Ibahima e Magatte, que, segundo fontes próximas a eles, prefiren evitar a súa exposición pública porque necesitan buscar outro emprego. Segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG), o sindicato ao que acudiron, a súa situación na empresa xa era moi complicada desde hai meses. «Nada facía sospeitar que detrás daquel aparente xesto de bondade do empresario se agochaba un contrato abusivo con xornadas de ata 10 e 11 horas diarias polo soldo máis baixo do convenio», asegura Mario Maceiras, secretario xeral da Federación de Construción e Madeira da CIG na Coruña.

Segundo a versión do sindicato, o día antes de tomar os seus voos para pasar o Nadal na casa, a empresa tentou convencer a Ibrahima e Magatte de que renunciasen ás súas vacacións, ao que eles se negaron. «En represalia, ese mesmo día foron despedidos e substituídos de inmediato nos seus postos por novos operarios. Nin sequera lles abonaron a indemnización nin a liquidación salarial». Segundo a CIG, adebédanlles máis de 5.000 euros a cada un.

A empresa nega a versión dos traballadores

En conversación telefónica con Luzes-Público, un portavoz de Puertas Betanzos negou ese extremo, asegurou que a empresa abonou as cantidades que corresponden a cada traballador e explicou que o despedimento se debe a que Ibrahima e Magatte eran operarios «sen moita formación», que só podían realizar traballos físicos e manuais e que non tiñan o grao de polivalencia necesario para realizar outras tarefas, como manexar maquinaria de certa complexidade.

«O desexable sería non ter que tomala [a decisión de despedilos], pero as circunstancias actuais levaron a isto», afirma o portavoz nun correo electrónico, subliñando que, ademais das razóns económicas que alegou a empresa na súa carta para xustificar o despedimento, este respondeu tamén «a decisións organizativas» e «produtivas». Tamén anuncia accións xudiciais contra a CIG por difundir o que considera «falsidades» contra a compañía.

Segundo Mario Maceiras, responsable do sindicato, trátase só dunha «cortina de fume». «A empresa foi moi activa á hora de promocionar a noticia de que contratara aos mozos que axudaron a Samuel Luiz, e agora deben entender que a circunstancias do seu despedimento tamén teñen repercusión», engade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail