«España é nestes momentos o maior laboratorio mundial do negocio das residencias de maiores»

Entrevista a Paulino Campos, presidente da Federación Galega de Familiares e Usarias de Residencias e da Dependencia (REDE).

A Coruña.- Paulino Campos é presidente de REDE, a federación galega de familiares e usuarias de residencias e da dependencia, e portavoz da Plataforma, que reúne a vinte organizacións de doce comunidades autónomas. A súa asociación é a máis combativa na denuncia da situación dos centros para maiores e do que cualifica de «trama corrupta» entre administracións e operadoras privadas para facer negocio con eles.

Como valoran a situación actual nas residencias? Desde o punto de vista estatístico en canto a persoas infectadas estamos nas mesmas cifras que hai un ano, tanto en Galicia como en España. Non hai a mesma cifra de falecidos polas vacinas, que foi unha das dúas boas noticias da pandemia. A outra é a lección histórica que nos deron as persoas maiores a toda a sociedade, persoas que foron humilladas polo sistema, que sufriron coma cans e que seguen sufrindo aínda. Enviámolos ao campo de batalla a morrer, enganados e maltratados.

A semana pasada denunciaron que a Xunta ocultaba contaxios en varias residencias, como A Raiola, en Santigo, e a de DomusVi de Bembrive, en Vigo. As residencias que me cita teñen a mellorar en canto a número de infectados, pero non en canto ás causas estruturales que constitúen os cimentos dos contaxios. As residencias en Galicia mantéñense no top estatal en porcentaxe de infectados. Se A Raiola chegou a semana pasada ao 87% de contaxios entre os residentes, hoxe superárona a de San Cosme de Rubiá, en Ourense, con nada menos que o 95% de infectados, 63 de 66. De ambas tiñamos noticias da mala praxe na xestión, nos coidados, na hixiene, na seguridade e na vulneración de normativas, aínda que isto pódese trasladar ao Estado.

A Raiola é unha residencia privada, e a de Bembrive, aínda que de titularidade pública, tamén a xestiona unha empresa privada. Na Raiola os inversores son empresarios do sector da cerámica e da minería, e en San Cosme son empresarios da lousa. É dicir, que o espírito do ladrillo, da especulación, segue aniñando no negocio usereiro dos coidados dos maiores dous anos despois do inicio da pandemia. Xa o deixou claro a exconselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, naquela frase demoledora que pronunciou no Parlamento galego en novembro do 2020, nun venres 13: «Síntome orgullosa de gañar diñeiro co coidado das persoas máis desfavorecidas». Un usuario nunha residencia privada ten trece veces máis posibilidades de contaxio que unha residencia pública. E os datos pódense extrapolar ao resto do Estado. En Galicia non se constrúe unha residencia pública desde o 2009, desde que Feijóo chegou ao Goberno. As administracións non teñen a conciencia tranquila, están ao bordo de certo sentimento mesmo criminal. En Galicia o 87% das prazas están xestionadas por empresas privadas, en España é de arredor do 89%. Espíronse por completo os servizos sociais, o público quedou nas súas mans. Estamos indefensos.

Cre vostede que cambiou algo despois da traxedia que se viviu nas residencias durante as primeira ondas da pandemia? A radiografía actual non difire moito do que vivimos no principio da pandemia. En Galicia seguen sendo maioritarias esta multinacional, a francobritánica DomusVi, e a filocatólica galega Fundación San Rosendo, con vinculacións claras coa Igrexa católica e co Partido Popular, que son tamén líderes en España. E seguen encabezando en Galicia o ranking de contaxios nesta onda de Ómicron, cinco puntos por encima do que lles correspondería proporcionalmente por número de residencias. A terceira parte dos casos de Covid de Galicia está nos centros destas dúas operadoras. A Fundación San Rosendo ten catro residencias entre as oito que presentan un número máis alto de contaxios en Galicia.

Paulino Campos, presidente de REDE / M.N.

Entón, non aprendemos nada? Nada cambiou na radiografía, mellor dito, non é que non cambiase nada, senón que estamos peor que en marzo do 2020. Os protagonistas da hecatombe, da desprezable xestión da pandemia, seguen sendo os mesmos. Á fronte das operadoras, das diversas administracións, dos servizos de inspección, dos despachos dos xulgados… Só que con máis de 30.000 maiores aos que matamos. Dígoo sen circunloquios. A sociedade española no seu conxunto é responsable do que ocorreu, de permitir que o edadismo, o abandono e a marxinación das persoas maiores teña tomado corpo. E é reponsable de que determinadas autoridades determinasen quen tiñan que morrer a través dos aberrantes protocolos de non derivación aos hospitais, que é unha vergoña nacional. Non só na Comunidade de Madrid, tamén o vimos en Catalunya, en Castela e León, na área sanitaria de Santiago, á fronte da cal está a curmá de Feijóo [Eloína Sánchez Masid]. Pero a sociedade enteira será responsable dunha conduta criminal se deixa que se pase páxina na investigación do masacre que se viviu nas residencias. Non podemos volver poboar a nosa historia contemporánea de máis cadáveres nas cunetas ou nos armarios. As vítimas e as súas familias necesitan un repouso digno que só pode vir dado pola investigación, as explicacións e a asunción de responsabilidades.

Non mellorou a información, a transparencia? Nestes dous anos minguaron a información e a transparencia e creceu a opacidade. Nós necesitamos saber que está a suceder realmente, a fotografía real, e a Xunta só nos informa unha vez á semana, os mércores, das usuarias infectadas. Retiraron a información das traballadoras contaxiadas, que tamén é moi importante, para nós e para a sociedade en xeral. Ademais, os servizos de inspección son absolutamente mínimos. A Xunta ten traballado en investigación real a 3,5 persoas para 276 residencias. Son sete inspectores, pero en tempo de traballo, só a metade. As outras 3,5 persoas dedícanse a tarefas administrativas.

Vostedes falan dunha trama corrupta no sector dos coidados. Hai unha trama corrupta á fronte deste modelo, ou destes modelos, porque non hai un único modelo español de residencias. É unha trama que conformaron nestas dúas últimas décadas as admninistracións e as operadoras privadas, que secuestraron e subtraeron a vontade e a vida das persoas maiores e fixeron diso un negocio nauseabundo. Nalgúns pobos de España os negocios máis importantes, sostibles no tempo en canto á súa perspectiva e os seus beneficios, son as residencias. Non hai outros negocios neses pobos que permitan ter entre cincuenta e cen traballadoras salvo as residencias. A anterior conselleira delegada de DomusVi teceu unha rede clientelar extraordinaria en todas as comunidades autónomas, porque é a única operadora que ten residencias en todas elas. Todas as forzas vivas gardáronlle pleitesía e débenlle favores porque deu emprego a moitas amizades en plena crise económica. Son máis de 20.000 persoas as que traballan en España directamente para DomusVi. España achega o 61% da forza laboral da multinacional e é vista neste momento como o maior laboratorio mundial no negocio das persoas maiores. E esta rede clientelar vai ser defendida con uñas e dentes polos lobbies, que xa mostraron a súa forza no 2018, convén lembralo, cando impediron que se tramitase a primeira lei de residencias que chegou a un Parlamento, neste caso o da comunidade de Madrid. Cando se deron conta de que o negocio podía rachar, presionaron os seus aliados políticos naturais, naquel momento o Partido Popular e Ciudadanos, e lograron que se botase abaixo esa lei, que pretendía reformular a asistencia e os coidados ás persoas maiores desde a dignidade. Nesa trama inmunda priman a corrupción moral, a usura, o abuso e os malos tratos nos servizos que se prestan ás persoas maiores e con discapacidade. As administracións baleiraron os servizos públicos, o público ausentouse, entregárono ás empresas privadas e de iniciativa social, a maior parte de filiación católica, case o 90% da xestión das residencias en España. Se a trama que domina o sistema residencial español decidise devolver á administración pública as prazas que lle alugou ou concertou, a atención nas residencias colapsaría. A trama ten a tixola polo mango.

Os lobbies xa mostraron a súa forza no 2018 cando impediron que se tramitase a primeira lei de residencias que chegou a un Parlamento, o da Comunidade de Madrid. Cando se deron conta de que o negocio podía rachar, presionaron os seus aliados políticos naturais, naquel momento o Partido Popular e Ciudadanos, e lograron que botala abaixo

Foto: Harry cao en Unsplash.

Como senten as familias diante desa situación? Temos perdido o control sobre os nosos parentes na residencias. É inconcibible nun Estado de Dereito. Na maior parte do Estado non se accede con nornalidade ás residencias, e falo da situación que vivimos agora mesmo. Máis aló de que coxunturalmente esteamos no pico da sexta onda, xa sucedía nos meses anteriores. As visitas nas habitacións están prohibidas, o que remarca a situación de desamparo na que viven cotidianamente as familias e a situación de soidade pola que transitan as usuarias. Todo iso devén do escandaloso e criminal xogo que practican con impunidade estas operadoras e estas administracións.

Outro dos problemas que vostedes denuncian é que, aínda de que as vacinas reduciron o número de mortes, as ratios de persoal son tan baixas que cando hai un brote que afecta as traballadoras, as residencias quedan desasistidas. O continxente laboral está máis chuchado ca nunca, non aprendemos, non existen aínda plans de continxencia, que xa estaban contemplados no verán do 2020 como esixencia ás empresas. A Xunta de Galicia ten residencias onde aínda non subscribiu eses plans que a propia administración se esíxe a si mesma. Non existen as traballadoras necesarias en número e formación apropiada. Igual sucede nos departamentos de inspección das administracións, como dixen antes. E as direccións da residencias seguen sentindo unha especie de inmunidade e impunidade coa que conviviron graciosamente durante dúas décadas, e todo porque segue a haber unha deficiente labor de vixilancia da administración selada pola inacción da xustiza. Por iso é polo que non é estraño que asistamos, consternados, a sucesos lamentables como o incendio dunha residencia en Moncada e á morte dunha residente con alzhéimer aforcada polas suxeccións que sufría, así como as coaccións e ameazas ás familias que ousan expor reclamacións obxectivas e razoadas sobre vulneración de normativas. Eu mesmo sufrín como unha directora me desexou a morte nunha conversa telefónica recente. Ou expulsións de residentes, discriminacións intolerables a persoas con discapacidade, ou o que Luzes-Público describiu que pasa na Raiola, onde hai xente que pasa fame.

Se a trama que domina o sistema residencial español decidise devolver á administración pública as prazas que lle alugou ou concertou, a atención nas residencias colapsaría. A trama ten a tixola polo mango

 Son casos illados? Isto sucede nas 5.500 residencias que hai en España, con 400.000 maiores. Evidentemente haberá excepcións. Pero non se pensa no factor humano, prima o resultado económico. Esa é a radiografía destes dous anos. Prima o resultado económico dunhas instalacións onde son aparcadas indecorosamente miles de persoas que sofren deshidratación e desnutrición, padecen humillacións… Os malos tratos institucionalizáronse, desposuíronos dos seus dereitos, non teñen voz. Iso significa que a nosa sociedade está enferma.

Foto: Bruce Tang en Unsplash.

 

Que lle diría vostede á sociedade en xeral? Cando alguén nos di frívolamente nas redes que por que seguimos levando os nosos familiares ás residencias cando coñecemos esa realidade, respondo que espero que nunca na vida teñan a necesidade de levar a unha residencia a persoas con terribles enfermidades crónicas, como a que tiña a miña nai, que padecía demencia por corpos de Levy. A ela tocoulle un dos brotes máis salvaxes que se lembran na miña cidade. Entre oito enfermeiras e auxiliares non foron capaces de suxeitala. Non me quedou outro remedio, lamentablemente, que levala a unha residencia. E do primeiro do que me decatei é de que lle desaparecían cousas do seu armario. Iso non pasa en ningún cárcere. Unha vez a miña nai estivo tirada no chan tres horas. Caeu da cama e e estivo tres horas tentando levantarse. Ninguén se deu conta, porque non facían recontos, ata que chegou unha amiga que viña visitala. Nas residencias suceden cousas inaceptables, impensables, que nunca aceptariamos pero que nelas convertéronse en costume. Por iso falamos de malos tratos institucionalizados, malas prácticas, neglixencias que se producen constantemente e que se converteron no día a día, como que estean con cueiros empapados durante cinco horas. Iso tamén a sucedeu á miña nai.

Unha vez a miña nai caeu da cama e e estivo tres horas tentando levantarse. Ninguén se deu conta, porque non facían recontos, ata que chegou unha amiga que viña visitala. Nas residencias suceden cousas inaceptables, impensables, que nunca aceptariamos pero que nelas convertéronse en costume. Malos tratos institucionalizados, malas prácticas e neglixencias

Cre que a sociedade se ten insensibilizado diante desa situación? Ollo, que non toda a sociedade vai virar a cabeza. Aquí estamos nós, familiares e usuarias, a quen xa nin a morte nos altera porque convivimos con ela. En DomusVi Barreiro, onde morreron 47 persoas e que foi a primeira residencia intervida en España, había un señor na primeira planta que me ía contando as mortes que se producían. El sabíao porque a súa habitación daba á saída do garaxe por onde saían os coches mortuorios cos féretros, que el ía contando. Saían pola noite para non alarmar, porque esas 47 persoas morreron en apenas 15 días. El ía contando os feretros e dábanos a información, que nós non tiñamos porque o mesmo día 30 no que Feijóo accedeu á intervención, a Xunta deixou de informar do número de falecidos.

Foto: Ante Samarzija en Unsplash

Crearon vostedes La Plataforma, a nivel estatal. Que esperan conseguir? Da Plataforma empezamos a falar no ano 2019, non é resultado da pandemia, xa vén de atrás. Empezamos as federacións de Galicia, Madrid, Cataluña e Valencia, somos os catro fundadores. O primeiro obxectivo foi que a nosa voz fose máis potente, porque imaxínese se con 30.000 falecidos aínda nos custa trasladar as cuestións e que se entenda o mal que o estamos facendo como sociedade, antes da pandemia era algo titánico. Unímonos a finais do 2020, somo vinte organizacións de doce comunidades autónomas, a maior plataforma de Europa. Logramos un feito histórico, que por fin un Goberno chame as familias para que nos sentemos nos foros onde se discute cal é o futuro do sistema residencial. Estamos nunha mesa de diálogo civil co Goberno e con outros organismos e asociacións da dependencia analizando un borrador para establecer un marco mínimo para as operadoras de residencias, que terían que cumprir unhas normas básicas apontoadas sobre a dignidade e o benestar dos maiores. E buscar outro modelo, outro sistema con residencias máis pequenas. O Goberno entendeu que o número máximo de prazas serían cincuenta, nós apoiámolo, pero téñeno que aprobar as comunidades autónomas. É unha tarefa moi complicada, porque son elas as que teñen as competencias, pero non imposible. Tamén hai unha mesa de diálogo social onde están a patronal e dous sindicatos, UGT e CCOO, que están a estudar ese mesmo documento. E hai sintonía entre todos salvo na patronal, que non quere ese límite porque pode acabar cun dos principais núcleos do negocio desas empresas que é a economía de escala. Cantas máis prazas, máis ganancia.

Estamos [La Plataforma] nunha mesa de diálogo civil co Goberno e con outros organismos e asociacións da dependencia analizando un borrador para establecer un marco mínimo para as operadoras de residencias, sobre a dignidade e o benestar dos maiores

Limitar o número de prazas acabará cos problemas? Poñer ese límite humaniza o contexto, aínda que non garante que nas residencias de cincuenta prazas non se produzan violacións dos dereitos fundamentais. Hai que vixialas, pero é importante tamén que estean preto, que se procure que estean ben situadas nos barrios, que haxa unha vida comunitaria. Ten que haber unha implicación da sociedade.. Temos que procurar que as persoas maiores vivan coas súas familias, e cando iso non se poida producir, como me pasou a min coa miña nai, que vaian a centros que estean preto. Agora estamos a sufrir casos nos que a Xunta está desenraizando ás familias enviando a persoas octoxenarias e nonaxenarias a douscentos quilómetros da súa contorna familiar. Están a esnaquizar esas familias, a iso chámaselle desterro. Din que o último desterro en Galicia foi o de Castelao. Non, están a darse agora mesmo, a Xunta está a desterrar a persoas maiores dunha forma insensible por centos de quilómetros, con familias que percorren ata tres horas, Galicia de punta a punta, para poder velas tan só 45 minutos.

Din que o último desterro en Galicia foi o de Castelao. Non, están a darse agora mesmo, a Xunta está a desterrar a persoas maiores dunha forma insensible por centos de quilómetros

Como ve o percorrido xudicial das querelas que se presentaron polas neglixencias nas residencias? En vista da actitude nefasta e mesmo groseira da xustiza española, ao final terá que acabar nos tribunais europeos e nunha actitude unida das familias e cidadáns da UE, porque este é un problema xeral, non só é un problema de España aínda que España sexa o laboratorio principal das residencias.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail