Hai moito tempo que custa entender as resolucións xudiciais relacionadas con Cataluña. Aínda máis se analizamos as últimas, as relacionadas coa Covid. Non negamos que as resolucións sexan axustadas a dereito, pero en ocasións algúns xuíces, maxistrados e fiscais parecen esquecer que estamos nun período de pandemia mundial, cunha enfermidade mortal campando ás súas anchas por todo o territorio e cun sistema sanitario ao bordo do colapso.
Pero deamos un paso atrás. A inhabilitación de Quim Torra levou á convocatoria de eleccións o 22 de decembro, fixando a data automaticamente (como estipula a LOREG) para 54 días máis tarde, é dicir, o 14 de febreiro. O decreto de convocatoria xa incluía a posibilidade de aprazalas a causa da Covid. Para evitar que as eleccións coincidisen coa terceira vaga, o vicepresidente Pere Aragonès asinou un decreto «de rectificación» no que se atrasaban ao 30 de maio. Ese decreto é o que a Xustiza paralizou. Unha decisión dificilmente entendible a nivel sanitario, xa que obriga a votantes e participantes nas mesas electorais a expoñerse a un virus mortal –xa sexa na súa cepa británica ou non–, cando se podería facer en datas menos perigosas. Todo iso cun ministro de Sanidade, Salvador Illa, recentemente nomeado como candidato e cun CIS debaixo do brazo que, como analizaron en La Vanguardia, situaría o nacionalismo/independentismo cunha cifra pouco crible do 40% dos votos, mentres o resto de sondaxes os sitúan entre o 46 e o 52%. É un dato tan pouco crible, que non se rexistra desde 1980. É moito máis probable que ERC gañe as eleccións e goberne co PSC como socio, polo tanto a tezanización da sondaxe parece bastante obvia.
Quen debería velar pola saúde de todos os votantes, parece moi interesado en que estas eleccións se celebren canto antes, a pesar de ternos repetido ata a saciedade que ata que non empece a campaña non dimitirá do seu cargo de ministro, e que se dedicará «ao 101%» á saúde dos españois. Incluso o presidente Sánchez está de acordo con xogar á ruleta coa vida dos cataláns para poder pechar «canto antes un ciclo estéril, unha década fracasada e abrir paso a un cambio» que «se chama Salvador Illa».
Supoñemos que con «estériles» e «fracasadas» se refire a todas as campañas do PSC na última década. No resto do bloque unionista, Ciudadanos prevé unha caída estrepitosa en escanos tras unha lexislatura de decepcións (lembramos que gañaron os últimos comicios e nin presentaron candidata á investidura), na que se produciu a dimisión do gran líder Albert Rivera, a marcha de Arrimadas a Madrid, a celebración das primarias catalás e a decapitación da candidata gañadora das mesmas, Lorena Roldán, para que Carrizosa se puxese á fronte dos laranxas. Unha xogada mestra que acabou coa fichaxe de Roldán polo PP a poucos días das eleccións.
Prevese, ademais, que VOX entre por primeira vez no Parlament, precisamente á conta de votos de PP e Cs, co que facer prognósticos sobre como acabarán as porcentaxes entre os tres partidos aínda é un misterio digno dun catalán ilustre como Sandro Rey.
Mentres tanto, no bloque independentista –se é que ERC aínda o é–, as augas están igual de alteradas que noutro bloque. A antiga Convergència, outrora «a casa grande» do nacionalismo catalán, tense convertido nun «edificio de apartamentos» ao estilo de La que se avecina, con todos os veciños ás rifas. Junts acolle os puigdemontistas, PDCat os nacionalistas e independentistas máis moderados e PNC (Partit Nacionalista Catalá, unha sorte de PNV catalán), reúne os restantes nacionalistas non independentistas (léase Marta Pascal, Carles Campuzano & Co). Todo isto, meus fillos, anteriormente era un só partido.
Pola súa banda, tamén quedan a eterna aspirante ao título, ERC, que nos últimos dous anos se vestiu de Convergència para tentar, por fin, volver gañar unha Generalitat que non lideran desde tempos da II República. Este xiro peixalcovista (é dicir, decidido a pactar co PSC en caso de ser necesario para volver gobernar) podería funcionar nun determinado tipo de votantes, pero definitivamente afastaríannos do votante independentista máis arrauixat (ou arroutado, agora con Puigdemont). Os que gañen por unha banda, quizais perdan pola outra. A CUP segue viva, que xa é moito dado o perfil baixo deste partido nas últimas lexislaturas, e é probable que repita resultados a pesar diso.
Con máis tempo, mesmo poderiamos analizar o aprazamento das eleccións do Barça. Pero iso, como din os clásicos, xa é outra historia.