Bruxelas desmonta as mentiras sobre Angrois

Cinco anos e medio de mentiras. Quince anos de incumprimentos das normas europeas sobre seguridade ferroviaria. Bruxelas vén de arruinar a estratexia do Goberno para tapar o accidente de 2013 na curva da Grandeira, en Angrois, a tres quilómetros da estación de tren de Compostela. 81 persoas mortas e 130 feridos merecían xustiza e non culpabilizar só ao maquinista, cabeza de turco para limpar as trapalladas dunha alta velocidade que non era tal.

A Comisión Europea abre un procedemento de infracción formal para que «aplique correctamente as normas en materia de seguridade ferroviaria», a Directiva de seguridade do ano 2004. Se hoxe –comezos de 2019– segue sen estar aplicada, como o ía estar naquel verán tráxico que viu descarrilar un Alvia?

Estaban sen aplicar, tamén, os mecanismos do ano 2012 sobre controis de riscos. E aínda hoxe en España, segundo a Comisión Europea, segue habendo «deficiencias nas técnicas de supervisión por parte da autoridade nacional responsable da seguridade». O que significa que cando Adif, o xestor ferroviario público, analiza a seguridade das liñas de alta velocidade que se constrúen, non aplica «correctamente» as normativas europeas. Bruxelas cuestiona os métodos de supervisión españois dun xeito rotundo.

Aínda hoxe en España, segundo a Comisión Europea, segue habendo «deficiencias nas técnicas de supervisión por parte da autoridade nacional responsable da seguridade»

As mentiras sobre o acontecido en Angrois van máis aló. Baixo a presión das vítimas e grazas á labor da eurodiputada do BNG, Ana Miranda, a Comisión Europea encomendara en 2015 á Axencia Ferroviaria Europea (ERA) un informe sobre o accidente de Angrois. Dous anos despois, a ERA concluía que a investigación independente do Ministerio de Fomento non fora tal e que só se analizara unha causa do accidente, a excesiva velocidade do maquinista, mentres obviaba outras como a comprobación de riscos previa, o estado da vía ou do tren. Fomento tentou primeiro paralizar ese informe en Bruxelas, logo menosprezalo. A Comisión denuncia agora as «deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación analiza e investiga os accidentes e incidentes» ferroviarios. Segundo golpe ás mentiras do Goberno e segunda causa para abrir o proceso de infracción contra España.

O informe encargado pola Comisión Europea á Axencia Ferroviaria Europea concluía que a investigación independente de Fomento non fora tal e que só se analizara unha causa do accidente, a excesiva velocidade

En declaracións a Luzes, nas portas da Comisión Europea, logo de escoitar aos portavoces do executivo comunitario evitando pronunciar o nome de Angrois, a eurodeputada Ana Miranda destacaba que «non estamos ante un exercicio normal, estamos ante o resultado dun exercicio de presión política».

España ten agora dous meses para amosar a Bruxelas que aplica correctamente, como se lle esixe, a Directiva de Seguridade Ferroviaria que pide un control integral cando se cambia unha liña ferroviaria. Algo que non acontecera nos nove quilómetros antes da estación de tren de Compostela, no tramo onde estaba a curva de Angrois. «Hai unha incompetencia e unha irresponsabilidade, hai unha auténtica traxedia de mortos por non cumprir», denuncia Miranda, quen pide «responsabilidades políticas e que o xuíz reabra o caso para esixirllas ao Estado».

A Comisión Europea pasou un mal trago este xoves. Non é sinxelo abrir un proceso de infracción contra un socio comunitario, España, por non aplicar correctamente as normas europeas na seguridade ferroviaria nin investigar os accidentes que se derivan desa omisión e non mencionar que se orixina polo acontecido en Angrois en 2013. Mais é como funcionan as normas europeas, «non se mencionan casos concretos, e sobre todo cando é sobre a lexislación actual», explica a eurodeputada do BNG para Luzes.

Magdalena Álvarez, José Blanco, Ana Pastor, Rafael Catalá e Íñigo de la Serna foron todos os ministros de Fomento que non cumpriron as normas europeas de seguridade ferroviaria

O proceso para sancionar a España «analiza a situación actual e deficiencias específicas», declarou Enrico Brivio, portavoz da Comisión, a preguntas deste xornalista. «A investigación do accidente é outra cuestión e foi levada a cabo polas autoridades nacionais». Porén, «agardamos que estas deficiencias sexan arranxadas no marco das discusións construtivas que temos coas autoridades españolas», matizou Brivio.

A advertencia ao Goberno español é clara. «A comisaria de Transportes Bulc recibiu ás vítimas e a eurodeputada Miranda, hai un coñecemento pleno da situación e estamos tomando accións», esixen dende a Comisión. Magdalena Álvarez, José Blanco, Ana Pastor, Rafael Catalá e Íñigo de la Serna foron todos os ministros de Fomento que non cumpriron as normas europeas de seguridade ferroviaria. Ao titular actual, José Luis Ábalos, correspóndelle facelo para evitar novos Angrois. Porque os maquinistas poden ter erros e toda a culpa non é súa.

*Foto de apertura de Contando Estrelas (CC BY-SA 2.0) Flickr.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail