O buque ruso de propulsión nuclear navegou a madrugada do martes polas costas galegas cunha avaría nas hélices sen incidencias notificadas. Algúns partidos galegos pediron que esquivase Galicia por un posible accidente, pero os expertos apuntan a que o navío e a súa situación está baixo control.
O historial de catástrofes marítimas en Galicia é extenso e a súa poboación non quere nin un máis. O caso do vello buque nuclear ruso, Sevmorput, puxo en alerta ás autoridades marítimas e aos partidos políticos e foi comparado, de producirse un accidente, co Prestige. O temor viña dado pola propulsión nuclear do buque de carga – o único operativo no mundo- e que finalmente pasou polas costas galegas cos problemas mecánicos que notificara e sen incidencias.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Cando empezaron os problemas no buque ruso?
A última semana de novembro produciuse unha avaría nas hélices do temón que provocaron unha navegación en zigzag. O equipo de mergulladores procurou liquidalo quitando outra pa, de maneira que diminuíu a velocidade do buque. O barco xa tiña que chegar á Antártida hai unhas semanas. Os portos denegáronlle a reparación dos problemas mecánicos e os seus membros non puideron arranxalos en alta mar. A isto sumóuselle que o mércores día 16 o seu capitán tivo que ser evacuado por unha infección de meninxite, sen afectar aos 97 tripulantes restantes.
O Sevmorput é un portacontedores e rompexeos, que protexe ao reactor nuclear. O temor a outro caso Prestige preocupou ás autoridades marítimas españolas e lusas debido aos fortes ventos que se esperaban. Sobre as 7:25 da mañá do martes o navío xa pasara Fisterra (A Coruña) cunha situación meteorolóxica tranquila e baixo un control exhaustivo do Centro de Coordinación Nacional de Salvamento Marítimo en colaboración co Consello de Seguridade Nuclear. A Dirección Xeral da Mariña Mercante (DGMM) e Salvamento Marítimo estudan a evolución da traxectoria do buque que pasou a unhas 50 millas das costas galegas, de camiño a San Petersburgo, cunha navegación estable.
Un posible accidente do Sevmorput pode equivaler a un Prestige?
Os expertos consultados por Público coinciden nun rotundo «non». A catedrática de Enxeñería Naval da Universidade da Coruña (UDC), María Mercedes Coro, sinala que nada ten que ver a propulsión nuclear cos combustibles fósiles que movían o Prestige. O temporal marítimo do 2001 xogou un papel fundamental para que o petroleiro rompese no medio do mar, e os ventos esa madrugada mantivéronse estables. O mesmo para as comparacións con outros graves episodios nas costas galegas como o Urquiola(1976).
Outro profesor, Vicente Díaz, sinala que o risco «normal e principal» é que o barco se afunda e quede no fondo do mar, pero recalca que o reactor nuclear está o suficientemente illado como para que produza un suceso tráxico nas costas galegas.
Por que se desataron as alarmas ante unha catástrofe marítima?
Vicente Díaz sinala o descoñecemento deste tipo de tecnoloxía como un factor crave para espertar o medo na poboación. «O descoñecemento leva a damnificar os riscos. Hai moi poucos accidentes, e o problema non se atopa no reactor nuclear, porque as cantidades son mínimas e están contidas. Son buques que teñen rompexeos», asegura o profesor de Enxeñería Naval.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) esgrime que nos últimos meses viñéronse sucedendo accidentes nas costas galegas que resentiron a saúde do mar. «Alértannos de que nos últimos meses están a aparecer casos de barcos avariados que hai que manter vixiados ou que hai que trasladar a terra para reparar, o que quere dicir que as costas galegas seguen estando en perigo. Sinala exemplos como co quimiquero Blue Star que tivo que encallar en Ares (A Coruña) poñendo en marcha barreiras anticomunicación; en novembro un navío que contiña etanol tivo que ser trasladado ao porto coruñés e este mes, produciuse un incendio nun buque pesqueiro no porto de Vigo que finalmente se afundiu. Por iso, vanse acumulando casos continuos de contaminación mariña, que demostran a necesidade dun protocolo para facer fronte a este tipo de situacións.
Hai antecedentes de accidentes nucleares nas costas galegas ou no mundo?
Segundo explica o profesor de Enxeñería Naval da Universidade da Coruña (UDC), Vicente Díaz, as catástrofes ambientais no ámbito nuclear son mínimas e cunha incidencia moi baixa. O problema, para el, é que se relacionan estes casos coas bombas nucleares, pero o buque, por exemplo, leva unhas cantidades moi pequenas de combustible. Por tanto, o risco real do Sevmorput «é moi baixo» comparado con outro tipo de accións. O buque ruso non forma parte da órbita europea de xestión e Europa non quere ter preto a este tipo de barcos ao arriscarse a problemas maiores. Por iso, os portos denegaron a entrada do Sevmorput, os partidos políticos pediron que esquivase a costa galega e a Xunta de Galicia, consultada por Público, evitou pronunciarse sobre os procedementos a seguir, recalcando as competencias do Estado.
O enxeñeiro insiste en que cada día navegan barcos máis perigosos pola Coruña, como quimiqueros e petroleiros, pero desde o Prestige reforzáronse as medidas de medición de control e de prevención para evitar catástrofes nos mares de Galicia.
Están os gobernos preparados para atender un accidente nuclear?
«Non existe unha folla de ruta clara no caso de que se producise unha contaminación de carácter radioactivo», continúa ADEGA. O profesor Díaz, explica que non hai un plan de continxencia e que o mundo non estaría o suficientemente preparado para unha catástrofe marítima nuclear. De feito, existen un ou dous buques rusos máis de propulsión nuclear, que de momento non operan. Segundo conta, conforman casos específicos e illados, e que sería equivalente a preguntar se existe un plan contra unha bomba nuclear. Non hai accidentes rexistrados deste tipo de buques.