Sete partidos impulsan unha lei para obrigar os xuíces a coñecer o catalán, o éuscaro e o galego

A Coruña.- Deputados e deputadas de sete partidos nacionalistas con representación no Congreso –BNG, Compromís, Comuns, EH Bildu, ERC, Més per Mallorca e PNV– presentaron unha proposta lexislativa na Cámara Baixa destinada a garantir os dereitos lingüísticos, que pretende obrigar a xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza a demostrar o seu dominio do catalán, o eúscaro e o galego. Se sae adiante, será un requisito imprescindible para que poidan exercer os seus cargos naquelas comunidades autónomas con varias linguas cooficiais e/ou con dereito civil propio.

A iniciativa, rexistrada o pasado mércores e que adoptaría a forma de lei orgánica –a ferramenta normativa de maior rango no ordenamento xurídico tras a Constitución– pretende reformar a tamén órganica lei do poder xudicial, así como outra media ducia longa de normas estatais que regulan materias como o procedemento administrativo común, o estatuto básico do empregado, a contratación pública, a educación ou a defensa de consumidores e usuarios, ademais do funcionamento de institucións como o Goberno e as forzas e corpos de seguridade do Estado.

«Trátase dunha reforma ambiciosa que busca corrixir o desequilibrio histórico que situou o castelán nunha situación de privilexio», aseguran os partidos asinantes da proposta, da que Junts preferiu non participar. Segundo a exposición de motivos, a norma quere garantir «que todas as persoas poidan relacionarse na lingua oficial da súa elección […] coa organización central do Estado e o seu sector público […], incluído o sector xudicial».

Certificado do dominio das linguas cooficiais

A proposta prevé especificamente que se esixa a xuíces e maxistrados un nivel de dominio das linguas oficiais «equivalente ao esixido ao persoal funcionario do grupo A e subgrupo A1 da comunidade autónoma correspondente», que deberán acreditar «mediante certificado» oficial. Esa regra rexerá para o nomeamento de suplentes, para outorgar destinos en comisión de servizos, para a provisión de vacantes e mesmo para a cobertura de prazas de presidente de Tribunal Superior de Xustiza e de Audiencia Provincial. O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), que será garante do «libre exercicio dos dereitos lingüísticos dos cidadáns diante dos órganos xurisdicionais», reza a iniciativa, tamén lles deberá esixir aos candidatos para presidir os TSX e as audiencias «especialización» no dereito civil autonómico e que acrediten «un nivel de coñecemento adecuado e suficiente da lingua ou linguas propias oficiais».

«Non é unha proposta de grandes principios, senón de aplicación práctica en cuestións concretas», sostén o deputado de ERC Francesc-Marc Álvaro, quen lembra que a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, ratificada polos estados membros do Consello de Europa en 1992, establece o compromiso de asegurar o dereito dos usuarios desas linguas para empregalas na vida pública, e no caso do catalán, o eúscaro e o galego, en igualdade de condicións fronte aos falantes de castelán.

Vicenç Vidal (MÉS per Mallorca): «Ninguén en ningún lugar de España entendería que vaias a unha institución da túa comunidade autónoma cun documento en castelán e que non cho acepten»

O Consello de Europa, unha organización supranacional independente da UE e da que forman parte 46 países, fiscaliza periodicamente a situación das linguas minorizadas. Os seus informes adoitan advertir con carácter recorrente a España das lagoas de protección no sector público que padecen as súas linguas minorizadas, e en particular as cooficiais no sector da Administración de Xustiza, pola escaseza de xuíces e fiscais que dominen e empreguen eses idiomas, e pola discriminación que sofren quen pretende utilizalos nas súas comunicacións cos xulgados, incluídas os interrogatorios durante a instrución e as declaracións testificaos durante as vistas orais.

Impermeable

«Ninguén en ningún lugar de España entendería que vaias a unha institución da túa comunidade autónoma cun documento en castelán e que non cho acepten. Resultaría impensable, pero iso é algo que sucede habitualmente coas outras linguas cooficiais», subliña Vicenç Vidal, portavoz de MÉS per Mallorca no Congreso. Asegura que en Balears, a Administración de Xustiza é o sector máis impermeable aos dereitos lingüísticos de quen desexa empregar a lingua catalá, que ten carácter oficial na súa comunidade autónoma. Vidal cre que algunhas institucións do Estado teñen «vontade política» de manter o castelán nunha situación de prevalencia.

A norma que expoñen agora os partidos nacionalistas e soberanistas non só prevé que xuíces e maxistrados deban coñecer e acreditar o dominio dos idiomas cooficiais das comunidades onde exerzan. Tamén deberán facelo os e as fiscais –modificaríase o estatuto orgánico do Ministerio Fiscal–; os e as letradas da Administración de Xustiza e, en xeral, o persoal adscrito a ela. Incluso os xurados das vistas orais con tribunal do xurado deberán acreditar a súa competencia lingüística neses idiomas. Ademais, establécese que, aínda que a lingua oficial dos procedementos xudiciais sexa xenericamente o castelán, as partes teñen dereito a recibir as notificacións na lingua cooficial que elixan, e que non poderán alegar indefensión por descoñecemento da lingua nin os afectados, se non acreditan residencia habitual fóra da comunidade autónoma, nin os seus representantes legais, é dicir avogados e procuradores.

Mertxe Aizpurua (EH Bildu): «Levamos moito tempo dando oportunidades para a aprendizaxe das outras linguas oficiais do Estado. Quen non aprendeu foi porque non quixo»

«Levamos moito tempo dando oportunidades para a aprendizaxe das outras linguas oficiais do Estado. Quen non aprendeu foi porque non quixo», defende Mertxe Aizpurua, deputada de EH Bildu, quen asegura que os escollos do sistema xudicial son, ao seu xuízo, «o principal problema» para a protección do eúscaro e o maior perigo para o mantemento da actual situación de diglosia en Euskadi en favor do castelán. Aizpurua pon como exemplo unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco que confirma a nulidade dunha oferta pública de emprego de cen prazas da Deputación de Gizpuzkoa para as que se esixía o coñecemento do eúscaro.

Asimetría

«Non existe o dereito para ser funcionario ou xuíz, senón o dereito para optar a selo en condicións de igualdade se cumpres uns requisitos determinados, entre os que debe figurar o coñecemento das linguas oficiais en cada territorio», di a deputada. «O asunto é se cremos ou non cremos que son idiomas oficiais, porque o que hai agora é unha asimetría evidente que afecta a dereitos cidadáns esenciais», engade. A portavoz de EH Bildu lembra que a lei que propoñen eses sete partidos nacionalistas de cinco comunidades autónomas –Balears, Catalunya, Euskadi, Galicia e València– tamén prevé cláusulas de protección e promoción efectiva do plurilingüismo noutros sectores da Administración.

Así, por exemplo, garantiríase que calquera persoa puidese iniciar e manter ante a Administración central procedementos en calquera das linguas cooficiais; que estas sexan esixibles tamén para o nomeamento de persoal de libre designación; que a contratación pública incorpore, ademais de consideracións sociais e ambientais, criterios lingüísticos como representativos de solvencia; que o Goberno realice avaliacións sobre o impacto que poden ter as normas que impulse e tramite sobre a diversidade lingüística; e que se inclúan garantías de non discriminación lingüística nas normas que regulan a actuación das forzas de seguridade do Estado.

Néstor Rego (BNG): «A Administración Xeral do Estado ten que asumir a súa cota de responsabilidade na normalización do uso das linguas cooficiais e na garantía dos dereitos lingüísticos»

Ademais, a proposición insta a fomentar e garantir a etiquetaxe nas linguas cooficiais, que poderán ser esixibles nas relacións comerciais e contractuais dentro de cada comunidade autónoma; a dobre sinalización en materia de tráfico e seguridade viaria; o fomento da promoción de contidos neses idiomas nas plataformas audiovisuais e nos medios públicos estatais; e a súa condición vehicular nos currículos do sistema educativo dos seus correspondentes territorios, entre outras novidades.

«É o momento, e non chega cedo, desde logo, de pasar das declaracións aos feitos», apunta o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. «A Administración Xeral do Estado ten que asumir a súa cota de responsabilidade na normalización do uso das linguas cooficiais e na garantía dos dereitos lingüísticos dos cidadáns, porque falamos de dereitos civís fundamentais, de dereitos democráticos básicos», conclúe.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail