«Os Baltar», o ensaio xornalístico que desvela a podremia do PP en Ourense

A Coruña.- A rede clientar e corrupta que o Partido Popular teceu e mantén en Ourense ao redor da Deputación Provincial é como un buraco negro. Nada escapa a ela, nin sequera, en ocasións, a luz. Traballadores, banqueiros, empresarios, editores de xornais, sindicalistas, políticos gobernando e na oposición, alcaldes, concelleiros, deputados provinciais, congresistas, senadores, xuíces, fiscais… O buraco leva case catro décadas tragándoo todo.

Cóntano os xornalistas Cristina Huete e Primitivo Carbajo en Os Baltar, a senda do caciquismo na democracia plena, (Morgante Edicións, 2024) un ensaio apaixonante, crítico e brillantemente contextualizado que narra, desde as súas orixes no franquismo, como se foi armando ese armazón de nepotismo e corrupción ao redor da saga dos Baltar: José Luis, o mestre de pobo e logo alcalde de Nogueira de Ramuín que ocupou a Deputación e o partido nos anos 90 e na primeira década dos 2000, e o seu fillo Manuel, que herdou e modernizou a trama ata o ano pasado.

«Houbo un colosal saqueo de recursos económicos en detrimento da provincia, dos cidadáns de Ourense, sen que a Deputación sacase adiante un só proxecto nin ningún investimento de relevancia en case catro décadas. Todo se destinaba a pagar os soldos dos amigos, familiares e afíns enchufados en empregos, moitos deles ficticios», relata Huete, quen durante anos explicou desde as páxinas de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El País a podremia do PP dos Baltar e a conivencia con eles das sucesivas cúpulas do partido en Galicia e en Madrid: Fraga, Aznar, Rajoy, Casado, Feijóo, Rueda… Tamén de moitos medios de comunicación, incluídos algún dos anteriores e especialmente de La Región, o diario local propiedade da familia Outeiriño que compartía negocios coa trama.

De esquerda a dereita, Rajoy, Feijóo, Casado e ao fondo, Baltar e Tellado, nun ‘selfie’ dun simpatizante do PP

Ourense é unha das provincias máis pobres de España e a décima con menos poboación, pouco máis de 300.000 habitantes. Ten 91 municipios, pero só a capital supera os 15.000, e só catro, os 10.000. Unha vintena de concellos non chegan aos mil poboadores. Iso converte á Deputación no organismo de referencia no financiamento dos seus servizos esenciais e na vida cotiá dos seus cidadáns, e nunha ferramenta poderosísima como eixo do funcionamento caciquil da Administración Pública para a obtención de maiorías electorais.

Segundo narran Huete e Carbajo, aos dez anos da chegada dos Baltar á Deputación, a institución xa era o segundo maior empregador da provincia, só por detrás da empresa de alimentación Coren. Contaba cun persoal de máis de mil persoas, máis do dobre que a Deputación da Coruña, que atende a unha poboación case catro veces maior. Dos 16 millóns do seu orzamento destinado a obras nos departamentos que as executaban, máis de 12 destinábanse ao pago de nóminas do «pelotón de enchufados» que o «cacique bo», como José Luis Baltar gustaba autodenominarse, colocara na multitude de chiringuitos que creou.

A inmensa maioría eran alcaldes, concelleiros e deputados provinciais do PP, moitos deles duplicando os seus salarios como empregados públicos e cargos de representación, ou militantes ou simpatizantes ou os seus familiares e amigos: pais, fillos, fillas, irmáns, irmás, maridos, esposas, parellas, parentes destas… As oposicións á Deputación de Ourense estaban tan amañadas, ou mellor dito vendidas, que durante anos as academias locais que preparaban aos aspirantes a funcionario noutras administracións nin sequera as ofertaban para esa institución.

A lectura do libro é apaixonante e ata humorística, porque nas súas 200 páxinas é difícil pasar máis de dúas sen atoparse cunha horrible corruptela digna dun titular propio. Son tantas que nin sequera se fai espoiler se se citan soamente sete –e o de que sexan sete, xustamente sete, só o entenderán quen lea o ensaio–: máis de 300 celadores nun pequeno hospital comarcal. Un teatro reconvertido en centro cultural con 33 porteiros para atender dúas portas. Catro construtoras facéndose coa maioría das licitacións de obras mediante contratos fragmentados para que puidesen ser adxudicados a dedo. Unha caixa forte no despacho de Baltar repleta de diñeiro en billetes grandes, e outra no maleteiro do seu coche oficial para ir repartindo dádivas nas visitas aos lugares. Case medio millón de euros da Deputación facturados nun ano pola gasolineira propiedade dun alcalde do PP. Outro rexedor cobrando un salario de máis de 75.000 euros, máis do que gañaba entón o presidente do Goberno, por gobernar un concello de mil habitantes. Alcaldías e concellerías que, como a presidencia da Deputación e do partido, hérdanse de pais a fillos e de esposas a maridos.

«Xerouse unha educación política tóxica orixinada no franquismo e totalmente afastada dos valores democráticos. E o PP mantén vivo ese sistema caciquil e clientelar porque é a base do seu corpo electoral. Teme que se prescinde desa maquinaria se lle escapen miles de votos dos que depende o seu poder na Xunta», explica Carbajo.

O buraco negro ao redor dos Baltar e o poder de atracción que exercían sobre o resto do partido en Galicia e no Estado foi crecendo en torno ao exemplo que eles mesmo daban ao resto dos habitantes da provincia, sobre como utilizar no seu propio beneficio o seu poder na Administración e no partido. O primoxénito, Manuel, gañaba unha oposición na Xunta e un escano no Parlamento de Galicia. O segundo, José Luis, obtivo un ben retribuído posto en Caixa Ourense, onde o seu pai fora secretario do consello de administración. A primeira muller de Manuel, Olga Mojón, foi nomeada directora do centro cultural dos 33 porteiros. A segunda, María José Caldelas, empresaria condenada por falsidade, tamén tiña acta de de deputada autonómica. A primeira esposa de José Luis, Begoña Cádiz, foi colocada no Instituto Ourensán de Desenvolvemento. A irmá do cacique, Carmen Baltar, na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

De esquerda a dereita, Alberto Núñez Feijóo, María José Caldelas e Manuel Baltar, nun mitin do PP na campaña das eleccións autonómicas galegas de 2012 / Foto: PP

Paralelamente ían aumentando as evidencias de que o patrimonio familiar crecía inusitadamente. Manuel construíu un exclusivo palacete en Esgos, onde era concelleiro a 20 quilómetros da capital, recalificando as leiras coas que ía facéndose preto dos chalés doutros dos seus familiares e do casarón do seu pai, anexa á nave onde persoal da Deputación custodiaba e mantiña a punto o centenar de vehículos clásicos, de luxo e de alta gama da súa colección persoal: Jaguar, Maserati, Porsche, Mercedes… A Xunta de Alfonso Rueda acaba de gastarse 1,1 millóns de euros en acondicionar e peonalizar con fondos europeos a estrada que bordea a nave e as vivendas dos Baltar.

Na colección de coches debería de haber polo menos un Rolls Royce, como o que lle regalou ao patriarca un empresario a cambio dunha praza na Deputación para a súa filla, tal e como recollen as gravacións que Luzes-Público desvelou en maio pasado. Un ano antes, este medio tamén publicou os audios e mensaxes nos que José Luis, o segundo fillo do cacique, recoñecía as mordidas que tanto el como o seu irmán Manuel, xa como presidente do organismo, cobraban aos empresarios aos que adxudicaban obras da institución.

Os Baltar contaron tamén co amparo do sistema xudicial. O fiscal que abriu dilixencias polos audios de José Luis mantén aberto o caso, pero sen avanzar nel, transcorrido máis dun ano e medio desde que se publicaron. O que foi o seu superior na provincia durante 15 anos, Florentino Delgado Ayuso, sancionado en 2019 por gozar ilegalmente durante ese tempo e sen pagar alugueiro dunha vivenda propiedade da Xunta gobernada por Feijóo, foi arquivando todas as denuncias que lle chegaron. Ata que en 2013 procesou a Baltar pai por contratar na Deputación a máis de 100 compromisarios do PP –en realidade foron ao redor de 400 os simpatizantes do partido que obtiveron un emprego–, e que votaron logo ao seu fillo no congreso do partido no que este herdou a presidencia.

Premio para o fiscal

O fiscal denunciouno tres anos despois do congreso e imputoulle só un delito de prevaricación, o que permitiu que non tivese máis condena que nove anos de inhabilitación cando xa deixara a política. Acaba de cumprilos. A pesar da sanción que pesaba sobre el polo asunto do piso, ratificada pola Audiencia Nacional, o fiscal Delgado foi premiado posteriormente cun posto na Fiscalía de Madrid.

A pesar do cúmulo de denuncias contra os Baltar, ningún xuíz avanzou tampouco en ningunha investigación sobre eles. Ao contrario. A quen pediu unha fianza de 20.000 euros foi a Cristina Huete, contra quen se querellou un empregado da Deputación tras a reportaxe que publicou en El País sobre a colección de coches do cacique. Foi absolta. «Non foron anos agradables. Esta é unha cidade pequena e había moitas presións. Unha vez escoiteille dicir a Vázquez [Xosé Andrés Vázquez Hermida, delegado de El País en Galicia e logo o seu xefe de Política]: Cristina está a denunciar á mafia e vive en Sicilia».

Feijóo e Jácome, nunha foto de arquivo / Foto: Xunta

Na capital desa Sicilia galega manda hoxe Gonzalo Pérez Jácome, a quen o sistema de Xustiza tamén parece amparar a pesar das múltiples evidencias documentais e testificais de que contrataba falsos asesores aos que cobraba mordidas en diñeiro negro; de que, como Manuel Baltar, tamén falseaba as multas do coche oficial que conduce; e de que se xactaba en privado de saber manexarse como ninguén entre as tramas de corrupción institucional.

Jácome, produto do baltarismo

«Jácome é un produto do baltarismo», afirma Carbajo. O alcalde de Ourense éo polo apoio irredento de Feijóo, pero tamén pola mediación do PSOE, cuxo exsecretario de Organización, José Manuel Lage Tuñas, impediu tras as últimas eleccións locais que o seu partido chegase a acordo algún para apartar ao PP da presidencia da Deputación. De feito, Lage emprendeu desde o seu cargo unha dura purga contra os socialistas ourensáns que máis se significaron contra o baltarismo. Sucede que é amigo persoal de Manuel Baltar, e que cando perdeu o seu escano no Parlamento de Galicia en 2013, este contratou á súa empresa de consultoría para asesoralo na Deputación.

O buraco negro que crearon os Baltar e cuxa atracción gravitatoria devorou a traballadores, banqueiros, empresarios, editores de xornais, sindicalistas, políticos da oposición, alcaldes, concelleiros, deputados provinciais, congresistas, senadores, xuíces e fiscais, segue engordando. O actual presidente provincial, Luis Menor, home de confianza de Feijóo e de Rueda, aceptou seguir pagando con diñeiro público as sancións de tráfico por exceso de velocidade nos coches oficiais para non admitir que os conducía o seu antecesor. Mantén e usa o mesmo luxoso parque móbil, e presupostou gratificacións para o persoal de confianza que aquel deixou. Entre os beneficiarios figura o seu chofer persoal, ao que Menor tamén tentou entregar unha xefatura do organismo modificando ilegalmente a relación de postos de traballo da institución.

Rueda, Feijoo Baltar padre, nun mitin do Pp en Ourense en 2010 / Foto: PP

O exchófer de Baltar e hoxe de Menor non sería o único premiado, porque o PP segue galardoando con ascensos e promocións a todos os que contribuíron a tecer, desenvolver e manter a rede corrupta, clientelar e caciquil de Ourense. Alfonso Rueda é presidente da Xunta. Feijóo, líder da oposición. Manuel Baltar, senador por designación autonómica. Miguel Tellado, muñidor dos acordos con Jácome como secretario xeral do PPdeG, é portavoz do Grupo Popular no Congreso. Ana Belén Vázquez, exalcaldesa de Bande –deixou o posto en 2007 en mans do seu entón esposo, José Antonio Armada, noutro ilustrativo exemplo de como o PP entende a propiedade familiar dos cargos públicos–, tamén é deputada no Congreso e secretaria de Interior do partido. Vázquez é un deses afiados arietes do relato partidista cos que Feijóo permítese seguir dando leccións de honestidade contra a corrupción, a pesar de saberse rodeado dela.

«Cowboys» do lonxano Ourense

A exalcaldesa e deputada intervén con frecuencia semanal no faladoiro político dun exitoso programa de televisión, Todo é mentira, cuxo presentador e colaboradores adoitan disfrazarse con vestimenta de cowboys cando chancean sobre as recorrentes noticias que falan das corruptelas de Jácome e os Baltar, que teñen sección propia no programa baixo o título de O lonxano Ourense. A moitos ourensáns a ironía resúltalles ofensiva, pero o certo é que resume ben a súa situación: boa parte do resto do país os mira como a un pobo illado do Oeste, un lugar anacrónico no que a única lei que rexe é a que ditan á súa antollo un puñado de caciques doutro século.

Pero non, non todo é mentira. Nada do que contan Huete e Carbajo no seu libro o é. Como non é verdade que Ourense sexa unha provincia corrupta por atrasada, senón precisamente ao revés. Pero sucede que o Estado, as súas institucións constitucionais –os gobernos central e da Xunta, o poder lexislativo, a Xustiza, os partidos e ata os sindicatos–, e quen as xestionan, parecen absorbidos tamén polo oneroso buraco negro de corrupción construído polos Baltar e o PP. Traizoáronos, na medida en que parecen desistir da súa obrigación de protexer e defender a unha inmensa maioría de cidadáns honestos da minoritaria pero poderosa e inmoral cuadrilla de foraxidos que dominan as súas vidas. Deixáronos sós.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail