O xurado declara probado que a morte de Samuel foi un asasinato homófobo grupal

A Coruña.- O vento zoa mentres o portavoz do xurado vai lendo o veredicto, e o ruído xordo dálle á escena unha sensación máis tétrica aínda. É un domingo ventoso e desapracible na Coruña, con refachos de ata 80 quilómetros por hora que levan batendo na cidade desde a madrugada. O aire cóase ao mediodía por unha abertura que quedou na porta corrediza pola que os acusados de matar a Samuel entran e saen da sala de vistas da Audiencia Provincial. Levan facéndoo máis dun mes, e hoxe é o último día.

O zunido do vento acompaña o relato do portavoz, que durante preto dunha hora vai debullando cada feito probado ou non probado, as probas e testemuños que motivan a decisión de declaralos culpables ou inocentes, e a maioría alcanzada en cada un deses feitos: por unanimidade ou por maioría de sete votos a dous, se é que os prexudican, ou de cinco a catro, se é que os benefician.

Tras seis días de deliberacións, o xurado do caso Samuel Luiz considerou responsables de asasinato con aleivosía a tres dos imputados: Diego Montaña, en quen ademais aprecia a agravante de homofobia; Kaio Amaral Silva, culpable tamén de roubo con violencia por apropiarse do móbil da vítima, e Alejandro Freire. Tamén declara cómplice de asasinato con aleivosía a Alejandro Míguez, quen estaba en liberdade baixo medidas cautelares. Pola contra, declara inocente a Katherine Silva, á que a xuíza declarou inmediatamente absolta.

A morte de Samuel na madrugada do 3 de xullo de 2021 xa ten así un relato con categoría de verdade xudicial: linchárono salvaxamente en manda sen darlle opción de defensa porque Diego Montaña, que o asaltou ao berro de «maricón de merda!», apreciou nel unha condición sexual que desprezaba. Secundárono Alejandro Freire, Kaio Amaral Silva e os dous menores xa condenados polo crime. Alejandro Míguez tería impedido o auxilio da vítima enfrontándose aos dous cidadáns que trataron de axudalo, e formando en todo momento parte da sanguinaria manda.

A probabilidade de acabar coa súa vida

O xurado estima que todos os que a compoñían sabían que era probable que as patadas, puñadas e golpes que lle propinaron a Samuel, durante tres minutos seguidos ao longo de douscentos metros no paseo marítimo de Riazor, podían acabar coa súa vida. E asumírono. Logo reuníronse nun parque, onde Diego Montaña volveu referirse a el como «un puto maricón».

En canto a Katherine, non considerou probado que incitase a Diego, o seu noivo por aquel entón, nin que impedise que Lina, a amiga de Samuel, o socorrese. Porén, conclúe que si que tratou de frear a súa exparella e que lle reprochou logo en varias ocasións o sucedido.

A cámara de Tráfico que gravou o linchamento de Samuel, pintada coa bandeira do arco da vella, fronte ao lugar dos feitos. — J. O.

O grupo atopouse unhas horas antes nun bar de copas para celebrar a apertura do lecer nocturno tras o confinamento, e durante as máis de catro semanas de vista os seus avogados destacaron que estiveran bebendo e drogándose. O xurado, con todo, non considerou que existan probas nin testemuños fidedignos que o confirmen, nin que os asasinos tivesen mermadas as súas facultades cognitivas e volitivas ata o punto de que puidesen representar atenuante algunha á súa acción. Tampouco os presuntos trastornos de comportamento e personalidade que di padecer Alejandro Freire, que lle diagnosticou un psiquiatra contratado pola súa familia.

O xurado si apreciou aleivosía; é dicir, que a manda aproveitou a situación de desamparo de Samuel para levar a cabo o linchamento; pero non saña: non aumentaron deliberada e inhumanamente a súa dor. Custa pensar que iso sexa así tendo en cuenta como o mataron. Pero esa é a verdade xudicial.

Saloucos e mirada impasible

Mentres o vento asubía entre as paredes da sala de vistas e o portavoz le o veredicto, os acusados vano recibindo con diferente xestualidade. Diego Montaña, impasible, cos cóbados sobre a mesa e coa fazula dereita repousando sobre as súas mans cruzadas, na mesma postura que mantivo durante toda a vista. Katherine Silva, con bágoas de alivio. Kaio Amaral Silva, entre saloucos e enterrando a cabeza entre as súas mans. Alejandro Míguez, con mirada atónita e ausente. Alejandro Freire, coa cabeza baixa, imperturbable e case apático.

A fiscal e as acusacións mantiveron as peticións de penas para os acusados considerados culpables: 27 anos de cárcere para Kaio, 25 para Montaña, 22 para Freire e 13 para Míguez. Os seus avogados rebáixanas a 17, 20, 15 e sete anos e medio, respectivamente. Os tres primeiros xa levan tres anos en prisión, e a Fiscalía tamén pediu que sigan nela ata que a xuíza dite sentenza.

A avogada da familia de Samuel tamén enumerou as indemnizacións de ao redor de 350.000 euros pola súa morte e polas graves secuelas psíquicas que padecen os seus pais. Uns minutos antes, a maxistrada disolvera o xurado, agradecendo aos seus membros o traballo que prestaron en favor da xustiza. Cando levantou a vista, os axentes da Policía Nacional abriron de novo a porta pola que levan os acusados ao cárcere, para trasladalos de novo a ela. Só entón o vento deixou de zoar.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail