O Potlatch mileista

As retóricas do «inframundo» social e político —rifadas coa lóxica argumentativa axeitada a unha racionalidade política democrática— lograron envolver ás subxectividades contemporáneas, embargando o porvir da nosa democracia. É preciso, aínda no medio da desesperanza, evitar o xuízo moral e orientar a razón para buscar explicalo. De que experiencias intramundanas se nutre o desexo de destrución e morte que hoxe se achega?

I.

Botemos man dun concepto ao que xa aludimos: a subxectividade autoritaria. Podemos entender por ela unha síndrome composta da vontade de excluír, culpar e condenar en virtude de certos prexuízos a quen non comungan cunha adhesión férrea e acrítica a principios afíns cos propios do grupo agresor. Esa subxectividade funciona grazas ao combustible da ideoloxía neoliberal.

Máis aló da súa periodización posible, entendemos por neoliberalismo unha forma da ideoloxía que acompaña a consolidación do capitalismo tardío (ou capitalismo neoliberal instaurado con terror e violencia a partir das ditaduras cívico-militares da década do 70 en América Latina) e que se traduce nunha serie de prácticas de xustificación das inxustizas e sufrimentos causados polo sistema, imprescindibles para manter a adhesión e motivación dos suxeitos a esa orde de dominación e padecimientos.

En termos máis concretos (e esquemáticos): políticas como o financiamento/a débeda como patrón de acumulación; a privatización de bens e servizos públicos; a desregulación de mercados; a diminución do «gasto público» foron posibles, primeiro, polo terror, pero tamén por unha batería ideolóxica que establecía como criterio de xuízo a eficiencia do privado a través de sistemas de métricas (controladas por tecnócratas e organismos multilaterais); a confianza na autorregulación dos mercados; a crenza na liberdade de mercado como sinónimo de liberdade política (de alí que calquera intervención política no mercado puidese ser lida como «autoritaria»); a construción de suxeitos (individuais e colectivos) como emprendedores ou capitais humanos e a institucionalización do principio de competencia como norma para a regulación económica, pero tamén moral de todos os intercambios sociais.

II.

A subxectividade neoliberal (e as institucións, entre elas, o estado) enténdese a si mesma como como unidade económica na que cada quen inviste para volverse rendible (e atraer investimentos); oriéntase polo principio da competencia que non só xustifica a desigualdade senón que a celebra ao considerala o resultado «xusto» dun xogo de destrezas. Baixo a xerga meritocrática de mercado vánse filtrando as linguaxes político-democráticas: pois alí onde hai competidores négase aos cidadáns, onde hai clientes desaparecen os cidadáns, onde hai usuarios esvaecen os cidadáns. Nesa circunstancias prodúcese un borrado das historias de loitas xunto ás memorias das conquistas civís e sociais dos dereitos. O demos desfaise ao ritmo do desmaio da comunidade política; alí son imperceptibles a mala redistribución da riqueza, as historias de dominación, de espoliación, de extractivismo. As causalidades múltiples das inxustizas asociadas a sedimentos de desigualdade cultural, económica, de segregación, de discriminación e subordinación aparecen como escusas baleiras ou caprichos duns poucos resentidos. 

A subxectividade neoliberal quérese autosuficiente, arriscada, flexible, ilimitada, libre, independente, potente. Aínda cando o principio de realidade (capitalista neoliberal) desminta a cada paso, un por un, estes mandatos. É tal o custo subxectivo que supón a produción desa imaxe de si que o seu apego afectivo resulta case indestructible, e o neoliberalismo está decidido a sostela aínda contra toda evidencia da súa falsidade, aínda á conta da propia supervivencia. A medida que os sinais dados polo principio de realidade aumentan a flexibilidade festexada pola subxectividade neoliberal confronta coa rixidez coa que se aferra á súa imaxe. O festexo da liberdade, desancorada da trama social e colectiva, devén descoñecemento da liberdade (e dignidade) do outro e desprezo cara quen agora aparece como obstáculo na procura da satisfacción individual dun desexo. En nome da autosuficiencia fantaseada, pero sempre eivada esta subxectividade detesta ao dependente (en termos laborais e/o estatais, o mesmo dá). Na súa apoloxía do risco (resultado de verse obrigado a abrazar individualmente os custos derivados da privatización do mercado) culpa a quen non coinciden con el de conformistas, folgazáns, burócratas. Para esa subxectividade onde aniña o neoautoritarismo, quen non comungan cos seus principios ou transgreden as súas normas deben ser castigados. Desta sorte, resurxen a través do goce do punitivsmo e da crueldade, das súas perdas e frustracións, ofrecéndolles unha comunidade imaxinaria.

 

III.

Cando o principio de realidade —marcado pola crise global do modelo capitalista neoliberal— se torna implacable como sucedeu na poscrise de 2008 e, sobre todo, pospandemia: cando quedou ao descuberto a precarización laboral asociada aos valores de risco e flexibilidade (emprendedora); a necesidade de outros para a realización da autosuficiencia; os lazos de (inter)dependencia sobre os que se sostén a abstracta independencia; a vulnerabilidade e a imposición do límite onde se fixo crer no ilimitado. Cando se saíu fraxilizado, pauperizado e con perdas (aínda por pasar o seu loito) desa experiencia, o que podería ser ocasión dunha reflexión crítica, ao verse desasistida de instancia colectivas ou ben de narrativas públicas capaces de interpretalas, converteuse na vivencia do maior dos sen sentidos. 

Un modo de significar ese sen sentido lacerante é o da racionalización: atribuír as razóns, as culpas do malestar a quen adoita estar máis á man no discurso público: os políticos, os migrantes, os planeros, as mulleres (en especial as feministas). Todos os cales se volven obxectos privilexiados de discursos de odio, xerando un clima de intolerancia cultural e política capaz de conducir á lexitimación de modalidades de violencia social inéditas. Isto debilita a conversación pública no preciso momento en que máis necesitados estamos de chaves para interpretar e volver intelixible aquilo que aparece como «sen sentido». As voces dos políticos tradicionais impúgnanse e as daqueles que, arraigando en estruturas vetustas, se presentan como novos e outsiders soben e soben saturando o rexistro do son. Baixo os berros parece non poder escoitarse o que en efecto din: imos privatizar a saúde e a educación pública; imos liberar a contaminación dos ríos; imos permitir a libre portación de armas; imos habilitar o mercado libre de compra/venda de órganos (e de nenos); imos privatizar a ciencia; imos incendiar o banco central; imos adoptar a moeda dos EEUU; imos dar marcha atrás coa lei de interrupción voluntaria do embarazo; imos premiar os policías que castiguen «os chorros» antes de todo xuízo e proba; imos terminar coa «aberración da xustiza social»; imos eliminar os subsidios; imos premiar os empresarios; imos a indultar aos terroristas de Estado; imos volver a instaurar o servizo militar obrigatorio.

Nesa saturación que provoca o berro daquilo que din, parecería só persistir o xesto que, na súa estetización, ofrecería as condicións de posibilidade para dar o «salto ao baleiro» definitivo: ao teu sentimento de impotencia, compensalo coa miña prepotencia; ao teu medo, apartalo porque «eu non temo»; á incerteza que sentides calala coa certeza que che traio: comigo «isto» remata. Se o «isto» quere conxurar o «sen sentido» da experiencia da crise, o que escamotea é, paradoxalmente, o que non cala: o fin da lexitimidade das demandas de xustiza social, do dereito á educación e a saúde pública que aínda que deficientes, necesarias, da protección dos recursos e riquezas naturais, da defensa dos dereitos humanos máis elementais, da división de poderes, da cousa pública, da república.

 

IV.

Existe a tentación de traficar no «isto» o fin —tantas veces anunciado— dunha identidade política, pero se algo dela está en risco é o que historicamente pretendeu afirmar: o igualitarismo radical, a dignidade dos traballadores, a importancia da xustiza social, a loita pola vixencia e ampliación dos dereitos. 

Para quen se viron tentados por este canto de sereas e elixiron desouvir o que escoitaron apelando á fortaleza das institucións que soubemos construír ou á potencia movilizadora do suposto (e magoado) pobo; quen votou para que o candidato non faga o que promete. A eses e a quen queira escoitar pregúntolles: e se fan o que prometen? Se destrúen o que aseguraron destruír? Se todo arde? Cando todo «isto» arda que? Onde estaremos cando «isto» termine e todo arda? Que lle segue ao Potlatch mileista?

Hoxe festexa Macri —ese no que se conxugan á perfección casta empresarial e política—, xunto a el a ultradereita radical global; hoxe fai público o seu xúbilo Elon Musk (que desde X colaborou na campaña do outsider), celebran as finanzas e os sectores especulativos, alégrase a corporación militar. Hoxe pensamos na loita irrenunciable das nais e avoas de praza de maio, na memoria das conquistas populares e a ampliación de dereitos, polas promesas dunha democracia confinada pola lóxica do capital. Nunca sentín tan triste a celebración dos 40 anos de democracia. Hoxe tócame chorar. Mañá resistir.

Micaela Cuesta

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail