Non lle tes que falar á túa nai de min

Advertencia de contido: homofobia

How’s your mom? («Como está túa nai?»).

Ela mírame cun aceno que quere comunicar confusión e unha emoción que reserva para reaccionar a practicamente todas as preguntas que lle fago, que pode ser descrita como «non teño nin idea de a que cona vén isto agora, pero creo que cando mo contes vou rir».

She’s… okay…? («Está… ben…?»), responde, tentativamente. 

No, like… I mean how she is… as a person. Like her personality and stuff («Non, quero dicir… Refírome a como é… como persoa. A súa personalidade, e así»), clarifico. 

Oh, ela para en seco de camiñar, aínda máis confundida que antes, e mírame. Why? («Por que?»)

Explícolle o meu tren de pensamento. Ela sábeo todo sobre a miña nai. Eu falo sobre a miña nai seguido. Vexo como me mira nas escaleiras da biblioteca cando pasa e estou falando con ela por teléfono. Ela ri, ri e pregunta que de que poderiamos estar falando hoxe do que non falaramos onte. Your life is not that exciting, Malva («A túa vida non é fan interesante, Malva»). Si, pero ti ben que perdes o tempo comigo todos os días na biblioteca, dígolle eu. Falo máis contigo que con ela, dígolle eu. Ela dime, That’s because I’m flirting with you, dumbass («Iso é porque estou flirteando contigo, parva»). Gústoche?, pregúntolle. That’s so embarrassing («Isto é moi incómodo»). E non che dá vergonza?, engado. Xa o sei, di ela.

Eu sorrío. Ela sabe que a miña nai é virgo, sabe cantos irmáns ten, sabe de Fisteus e sabe que lle gusta pelar castañas pero non comelas. Dime, Your mom is so much cooler than you («A túa nai é moito máis guai ca ti»). Xa o sei, digo eu. 

Bo, igual non o sabe todo, pero sabe bastante. Sabe abondo. Eu non sei nada sobre a súa nai. Só sei que a súa nai nunca vai saber sobre min. 

She’s… a complicated woman («É… unha muller complicada»). 

Ela sabe que a miña nai é virgo, sabe cantos irmáns ten, sabe de Fisteus e sabe que lle gusta pelar castañas pero non comelas. Eu non sei nada sobre a súa nai. Só sei que a súa nai nunca vai saber sobre min

Eu levo o seu guante esquerdo, ela leva o dereito. Perdín os meus o outro día, debéronme caer do peto da cazadora. Ela deume o guante esquerdo e colleume a man núa cando nos afastamos abondo do centro. O Staadspark está iluminado regular a estas horas escuras de inverno, pero ás dúas nos gustan os paseos pola noite e non temos medo se estamos xuntas porque a estas horas por aquí non pasa ninguén.

She’s kind and warm, but in a superficial way. She’s extremely cold when she’s angry («É agradable e cálida, pero de forma superficial. É extremadamente fría cando está enfadada»). O seu aceno mudou. Está pensativa. Un pouco triste, quizais. I don’t feel like I know her very well («Non sinto que a coñeza moito»).

Cambiamos de tema. 

Unha vez ela fixo unha broma que me fai eco na cabeza constantemente. If when I was younger I’d dedicated my time to reading instead of praying to be straight I would be a genius («Se cando era nova lle tivese dedicado o meu tempo a ler en vez de rezar para ser hetero sería un xenio). Só a vin chorar unha vez. Estabamos no seu cuarto, vendo videoclips co proxector cutre do seu compañeiro de piso. Estaban os vídeos de Troye Sivan en autoplay cando saíu Heaven. Este vídeo dáme gana de chorar, dígolle. Míroa cando remata o primeiro retrouso. 

Sen perder unha parte de min, 

Como chego ao ceo? 

Sen cambiar unha parte de min,

Como chego ao ceo? 

Todo o meu tempo é desperdiciado

Sentindo que o meu corazón está equivocado

Así que, se teño que perder unha parte de min,

Igual non quero o ceo

Non digo nada cando vexo o regueiro de bágoas nas súas meixelas. Só lle collo a man. É estraño vela chorar. Quero quitarlle toda a dor e levala nas miñas costas, pero iso é unha tontería; non podo sentir a súa dor por ela. Iso di sempre a miña nai: «Ai, Malva, non podes cargar co sufrimento dos demais». Só podo apertar a súa man coa esperanza de que iso lle diga todo o que quero que saiba; que a Igrexa á que lle dedicou todos os domingos ata que marchou daquela vila asfixiante non ten razón. Que non estamos facendo nada malo. Que ela é perfecta tal e como é, que non lle ten que falar a súa nai de min, xa lle falarei á miña dela. 

Só podo apertar a súa man coa esperanza de que iso lle diga todo o que quero que saiba; que a Igrexa á que lle dedicou todos os domingos ata que marchou daquela vila asfixiante non ten razón. Que non estamos facendo nada malo. Que ela é perfecta tal e como é, que non lle ten que falar a súa nai de min, xa lle falarei á miña dela 

Ela non é a primeira persoa co peso da Biblia nas costas á que lle dou a man detrás de portas pechadas. A miña mellor amiga bromea con que teño «un tipo». Eu río por non chorar. Ao vir dunha familia agnóstica, o trauma relixioso non é algo que comprenda directamente; o meu é de segunda man. Como unha fumadora pasiva, inhalo os comentarios da primeira rapaza á que quixen como algo distinto a unha amiga: «Es que los maricones, es que qué asco, tú no sabes lo que hacen». Eu non lle digo que penso que está intentando redirixir a vergonza e a culpa que sente polo que ela é, polo que fai comigo. Os meus pulmóns apodrecen, non podo respirar e teño que escapar.

No seu tema Star tripping, Kevin Atwater canta: «Ti pensas que El che fixo mal / Eu penso que lle dás moito crédito». Cando escoito «máis tarde podes bicarme / E culpar o que tomaches para esquecelo», choro como unha nena pequena. 

Porque iso é o que eramos. Moi nenas. Espero que estea mellor consigo mesma.

Your mom, de Corook, faime pensar nela e no paseo de Staadspark. Decátome que choro bágoas menos amargas das que chorei con Star tripping. «Non tes que falarlle a túa nai de min / Pero creo que iso sería unha mágoa», canta. «Terás alguén aí para facelo todo máis fácil / E ela terá a quen culpar / Non a coñezo / Pero quererate / E odiarame / Pero son paciente». 

You’re such a baby («Es un bebé»), díxome ela tantas veces. You make everyone think you’re so mean but you cry literally all the time («Fas pensar a todo o mundo que es moi borde, pero choras literalmente todo o tempo»). Ei!, dígolle. Non son borde! Ela di, You are mean to me! («Es borde comigo!»). É porque estou flirteando, respondo. 

Anos máis tarde, o Mundial e nun lugar onde as persoas coma nós van ao cárcere. Os campamentos de reconversión para mocidade LGBTI son legais en virtualmente todo o mundo. Mátannos nos nosos espazos seguros a tiros e a golpes. Persoas que se fan chamar feministas queren controlar o que es miñes amigues fan con seu corpo, adolescentes que naceron despois de que se legalizara o matrimonio gai no Estado español soltan insultos homófobos a compañeiras de clase. 

Eu penso na única vez que a vin chorar a ela, na súa habitación. Non fixemos nada malo. Non facemos nada malo. Aínda que nos intenten facer sentir o contrario.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail