A Ética de Poñer a Parir os Teus Ex (Taylor’s Version)

Con 12 anos, vin por primeira vez o videoclip de «You Belong With Me» de Taylor Swift nunha pantalla do único kebab que había na vila á que ía ao instituto en 2009, sen son, e parecéuseme tanto á unha película desas que me gustaban (e gustan) a min en segredo (de adolescentes, ñoñas e para chicas) que apuntei o seu nome no meu móbil e esperei ata chegar a casa para velo en YouTube. A canción pareceume revolucionaria, e vin tantas veces o vídeo que podería describilo fotograma por fotograma cos ollos pechados. Ese mesmo mes, seguín os MTV Video Music Awards moi de cerca; a miña nova cantante favorita estaba nominada ao mellor videoclip feminino e eu sabía que tiña que gañar. E gañou. E cando foi recoller o seu premio e dar o seu discurso, un Kanye West de 32 anos decide subir ao escenario, arrebatarlle o micro das mans e reclamar que ese premio debería ter sido para o vídeo de «Single Ladies» de Beyoncé.

Máis de unha ducia de anos máis tarde, si que penso que o vídeo de «Single Ladies» merecía ter gañado, e tamén penso que Beyoncé foi privada de moitos premios moi merecidos polo feito de sufrir unha combinación fatal de misoxinia e racismo (nunca me esquecerei de que Lemonade, o álbum máis importante e influínte de 2016, non gañou o Grammy). Pero a carreira de Taylor Swift conta un conto de misoxinia no que a moral é que as mulleres nunca poden gañar. Sen ser eu Kanye West nin entender moi ben o que se lle pasa pola cabeza, estou moi segura de que el nunca tería subido a ese escenario se non fora porque o ocupaba unha rapaza adolescente.

Taylor Swift é unha muller extremadamente privilexiada: é branca, delgada, moi convencionalmente atractiva e vén dunha familia con cartos que se puido permitir financiar os inicios da súa carreira, e nin sequera iso foi capaz de salvala do omnipresente e insidioso odio cara ás mulleres que cubre absolutamente todas as conversacións sociais habidas e por haber. Ninguén a creía cando dicía que escribía ou coescribía todos os seus temas, así que con 20 anos escribiu un álbum sen ningún colaborador para non ter que firmar as cancións máis que co seu nome. Acusárona de explotar as súas relacións para vender álbumes e non tivo unha relación pública en case dous anos. Acusárona de só saber escribir cancións de ruptura e escribiu dous álbumes seguidos cheos case exclusivamente de cancións de amor. Acusóuselle de serpe e falsa por non aceptar silenciosamente que un home dixera nunha das súa cancións sobre ela (e cito textualmente) «fixen a esa zorra famosa». Na súa discográfica non lle permitiron comprar os masters da súa propia música e no seu lugar vendéronlla a Scooter Braun, un home que levaba anos ridiculizándoa públicamente, así que decidiu regravar todos os seus álbumes.

Jake Gyllenhaal e Taylor Swift saíron entre 2010 e 2011.

A esas alturas da película, Taylor Swift é unha muller de case 32 anos que parece moi consciente da súa imaxe e do seu impacto cultural, non pode haber un mellor momento para revisitar a súa obra. O día 12 deste mes de novembro, sacou a regravación do seu cuarto álbum de estudo, Red, famoso por estar cheo de cancións sobre a súa ruptura co actor Jake Gyllenhaal (Brokeback Mountain, Nightcrawler). O álbum ten chicha porque a relación tivo tela; un home de 30 aos cunha rapaza de 20, ambes famosísimes, cuxa dinámica parecía basearse nel facéndolle sentir a ela que a súa música era lixo comercial e que os seus chistes non tiñan gracia ningunha. Neste álbum podemos atopar o que é considerado o magnum opus de todos os temas de Taylor, «All Too Well», no que describe as sensacións da relación e da ruptura, e dá detalles que parecen case ata demasiado íntimos: como se lle esqueceu a bufanda na casa da irmá del, como el lle devolveu as cousas por correo, como bailaban canda a luz da neveira. Todos sabemos que esta canción vai sobre Gyllenhaal porque todos sabemos quen é Taylor Swift, da mesma forma que en 2014 todos soubemos que «Don’t», de Ed Sheeran, ía sobre Ellie Goulding.

A cantante británica Ellie Goldie e o líder de la banda Dj Locksmith, Ed Sheeran.

Don’t é unha canción aínda máis explícita, dá datos máis concretos: cando se coñeceron, canto tempo pasaron xuntes, quen foi detrás de quen, como ela se liou con outro pavo (que ata sabemos que era Niall Horan de One Direction) mentres estaban no mesmo hotel e como se sentiu el de traizoado e doído aínda que non estiveran saíndo oficialmente en ningún momento. E podo prometer que nin en 2014 ni a día de hoxe, vin eu a ninguén que non fosemos eu e mais as miñas amigas falando das implicacións éticas desta canción.

Ed Sheeran escribe unha canción á que só lle falta deletrear o nome da persoa sobre quen canta, na que dá detalles de datas, momentos íntimos e conversacións cunha rapaza coa que nin sequera chegou a ter unha relación oficial e ninguén pensa nada sobre o tema. Taylor Swift escribe un tema sobre unha ruptura devastadora cun home 10 anos maior dando a entender que el é tóxico e condescendente e de repente temos un debate público sobre a ética de poñer a parir aos teus ex na túa arte.

Na regravación de Red, Taylor sacou unha versión de «All Too Well» de 10 minutos que rapidamente se converteu no número 1 máis longo da historia. Nel dá máis detalles: o feminismo performativo del, a excusa que deu para cortar con ela (parece ser que era demasiado nova) e a ironía de que a día de hoxe el estea saíndo cunha rapaza á que lle saca 15 anos. A canción describe unha situación tan específica e tan familiar que todas as miñas amigas atopan algo das súas propias relacións con homes un pouco maiores nela.

Certo sector de persoas (homes) nas redes empezaron a chorar: «Parece que non pode superar unha relación de tres meses 10 anos máis tarde! É enfermizo!». E non sei eu. Harry Styles puxo unha gravación da voz da súa exmoza no seu tema «Cherry». Big Sean chamou á súa ex Naia Rivera «lil stupid ass bitch» (zorrita estúpida de merda) no seu hit «I Don’t Fuck With You». Justin Bieber tivo o descaro de publicar «Love Yourself» sobre Selena Gomez (na que di «non lle caes ben á miña nai, e a ela cáelle ben todo o mundo») para máis tarde admitir que a maltratara psicoloxicamente. E Justin Timberlake pasou unha década facendo música sobre Britney Spears, ridiculizándoa e ríndose dela en entrevistas, e ata facendo repetidas bromas sobre como a primeira vez dela foi con el.

Non vos molesta que a xente faga arte sobre as súas relacións. Moléstavos que unha muller describa a súa relación tóxica nun hit mundial. Como di un dos meus tiktokeiros favoritos, Kyle Prue: «Aos homes non lles gusta ser obxecto de discusión, porque así é como son descubertos». Pois iso. A descubrir.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail