Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
O obxectivo das campañas publicitarias é a sedución. O engaiolar a quen mira ou escoita. Apreixar a xente polos sentidos. Mais hai unha excepción. A campaña «Ruralízate», impulsada pola Xunta de Galicia. O mellor búmerang. A intención semella ser a de provocar unha grande escapada.
A quen aínda fique no campo, o «Ruralízate» vaino convencer de que está no lugar equivocado, no centro absoluto do abandono, e de que ten liscar canto antes. E a quen pensara cambiar a vida cun retorno á terra, o «Ruralízate» pode situalo nun estado de schock como o que fixo dicir a Alphonse Daudet en A terra da dor: «Eses camiños non suxiren outra idea que a fuxida».
Non é un problema de deseño, senón de quen argallou, aprobou e lanzou a campaña. O responsábel político que tomou estas decisións, en que estaba a pensar? Dende logo, non en «ruralizarse» el. O «rural» é, na práctica, unha palabra de cheiro tecnócrata e cunha distancia dentaria na semántica urbana. En Galicia, ninguén, absolutamente ninguén, no campo ou na cidade, pronuncia con sentimento o termo «rural». A xente vive no campo, no agro ou na terra. Ninguén dixo nunca: «Voume ruralizar!». Non se entendería como un proxecto de vida, senón como un proxecto de chiste. É como quen di: «Vou levar a pacer herba a bicicleta».
A imaxe que ilustra a campaña sitúanos nesa dúbida de se detrás da campaña hai simple ignorancia ou a trasnada humorística dun infiltrado do Grupo Surrealista Galego. O utópico espazo rural preséntase como un lugar libre de autómobiles. Esa tópica confusión entre campo e paisaxe bucólica non a merca hoxe nin o escolar máis despistado dunha Galiña Azul. Se nalgún sitio fai falta un coche é no campo, chámalle rueiro, lugar, vilar ou aldea. Que digo un coche? Un parque móbil! E se é un Audi, pois mellor. Agarra ben nas curvas. Para escapar.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán