Os menores condenados pola morte de Samuel protexen os acusados alegando que non lembran nada do crime

A Coruña.- O dereito está composto de normas que se expresan con palabras, así que a xustiza, moitas veces, depende da linguaxe e dos termos que lle dan forma. Sen palabras que describan detalladamente como e cando un acusado puido cometer un delito, non hai ferramenta probatoria que permita afirmar que o fixo sen xénero algún de dúbida.

Os dous menores implicados no asasinato de Samuel Luiz que recoñeceron a súa participación nos feitos hai dous anos aseguran que xa non lembran prácticamente nada da malleira que acabou coa súa vida. E que non poden describir con palabras, por tanto, o papel que desempeñaron os seus outros cinco amigos, con quen compartiron parranda nocturna —beberon Whisky con Red Bull, diso si se acordan— na madrugada do 3 de xullo de 2021 no pub Plataforma da praia de Riazor, pouco antes de que Samuel morrese pola malleira.

Así o declararon este xoves por videoconferencia na Audiencia Provincial da Coruña, conectados á sala de vistas desde os centros de menores onde se atopan recluídos. A cambio de admitir a súa autoría, ambos apalabraran coa Fiscalía de Menores en 2022 un internamento de tres anos e medio, do que xa cumpriran varios meses en reclusión provisional. O resto dos seus amigos, que si eran adultos cando sucederon os feitos, expóñense a penas de prisión de entre 22 e 27 anos. Eles, en cambio, sairán en liberdade en xaneiro.

Contestaron con evasivas

Os dous mozos contestaron con evasivas, case sempre rápidas e secas, ás preguntas da fiscal e ás acusacións popular e particular. Algunhas tan certeiras e exactas que resulta difícil presumilas espontáneas. Varias das defensas mesmo renunciaron a interrogalos, incluída a de Diego Montaña, o principal procesado, e quen por vez primeira no que vai de vista obtivo certo alivio no silencio dos seus amigos, que o día dos feitos tiñan 16 e 17 anos. A Diego beneficiouno máis do que o faría calquera resposta a unha pregunta de parte.

Como resultado, o xurado apenas puido extraer das súas declaracións unha narrativa minimamente concordante sobre as sucesivas agresións en masa que recibiu Samuel e que lle causaron a morte mentres lle proferían insultos homófobos. «Non o sei», «non me lembro», «non o vin», «non o oín», «non podería dicirlle»…

Dous cámaras gravan imaxes dos acusados de asasinar a Samuel Luiz, este mércores na sala de vistas da Audiencia Provincial da Coruña

Os dous mozos poden permitirse a desmemoria porque, tal e como advertiu a xuíza antes do seu interrogatorio, aínda que comparecían como testemuñas xa foran xulgados por eses feitos, e podían negarse a responder calquera pregunta cuxa resposta puidese incriminalos. Tamén advertiu aos letrados das defensas que non ía permitir ningunha cuestión que se referise á súa propia participación, e non á dos seus amigos adultos.

De feito, tivo que parar de novo ao avogado de Alejandro Freire, Yumba, quen tentou que un deles admitise que á saída do pub se lle caera unha botella algo que outras testemuñas aseguran impactou contra a vítima empuñada por un dos seus agresores.

Xogada dialéctica

Para defender os seus clientes durante as testificais da vista oral, aos avogados como o de Freire non lles queda outra cousa que a palabra. A linguaxe. Ou sexa que ás veces volven goma flexible en xogadas dialécticas que a xuíza case sempre detecta e frea. «Di que non o lembra se o viu, pero se o vise, lembraríao, verdade?», pregunta o avogado de Catherine Silva a un dos menores. «Letrado, sabe que non pode condicionar a súa reposta. Testemuña, non conteste», reprende a maxistrada.

Pero o avogado xa o fixo. E é difícil calibrar ata que punto é posible borrar esas palabras improcedentes da mente dos membros do xurado. As defensas sábeno. E dá a impresión de que moitas das súas cuestións non pretenden tanto interpelar ás testemuñas como ir sementando lentamente argumentos fronte ao tribunal, aínda á conta de que a xuíza os aperciba, esperando que sexa o seu relato o que logo floreza no veredito.

Se todas as versións dos acusados fosen certas, ningún deles tería que estar no banco porque querería dicir que entón Samuel estaría vivo.

Acompañado do silencio dos dous menores, iso beneficiou especialmente a Catherine e ás defensas de Alejandro Míguez e de Kaio Amaral Silva. Os únicos momentos en que dixeron lembrar algo foi para situalos en accións e lugares que conviñan ás súas respectivas versións. Claro que se todas fosen certas, ningún deles tería que estar no banco, nin os seus amigos testificando por videoconferencia desde un centro de internamento. Porque entón Samuel estaría vivo.

Quizá foi inconsciente, pero os dous mozos tamén retorceron a linguaxe á súa maneira nesa dirección e cualificaron como «tumulto», «pelexa» e «barullo» o que en realidade foi un sanguinario linchamento, un ataque feroz, covarde e desalmado contra un inocente desvalido.

Tres testemuñas que se cruzaron cos acusados

As outras tres testemuñas que compareceron na vista do xoves non viron eses feitos nin puideron identificar a cada un dos seus presuntos autores, pero non se lles chamou por iso senón porque se cruzaron minutos despois con parte do grupl mentres este se dirixía a un parque a unha media hora andando de onde deixaran a Samuel agonizando.

Primeiro viron discutir a Catherine e a Diego, ambos exaltados e a berros. Decidiron seguilos porque el estaba manchado de sangue e pensaron que a estaba agredindo. Mesmo se dirixiron a ela e preguntaron se necesitaba axuda.

Logo seguíronos ata o parque, onde viron que chegaba máis xente. Catherine e Diego seguían discutindo, e, segundo narraron, escoitárona dicir algo así como «Pero como o deixaches!» ou «Pero como o deixastes!», referíndose ao estado de Samuel.

David Freire, abogado de Alejandro Freire, ‘Yumba’, acusado do asasinato de Samuel Luiz, á saída da Audiencia Provincial da Coruña / J. O

A diferenza é relevante porque se a palabra que define ao suxeito desa frase se expresase en plural, iso significaría que Catherine non estaría a delatar só a Diego, senón tamén o resto dos acusados. As testemuñas non puideron asegurar cal foi exactamente o número gramatical que empregou. O que si escoitaron dous deles foron máis insultos homófobos: «Merecíao, era un puto maricón de merda!», «quen lle mandaba meterse a ese maricón de merda?».

Outra vez a linguaxe como ferramenta de e para a xustiza. Porque se o xurado considera probado que os acusados pronunciaron esas frases e outras similares, e xa son varios as testemuñas que o afirmaron, deducirase que a Samuel o mataron pola condición sexual que lle atribuíron. Sen coñecelo de nada, sen que os provocara, sen piedade. Sen mediar palabra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail