Vulnerábeis

Xa hai ben tempo que me chama poderosamente a atención a facilidade con que se adoptan, en prosa galega, expresións ou frases que supoñen translación directa do español e/ou do inglés. No que atinxe ao vocabulario actual, é ben coñecida a presión constante sobre o galego da lingua oficial do Estado, coloquialismos incluídos. Por citar un, causa fartádego a utilización de «igual» como adverbio de dúbida. «Igual», en galego, é e só é o adxectivo; para o uso adverbial sobran locucións como «se cadra», «se callar», «quizá», «quizabes», «talvez», «por acaso»…

Alguén cualificará esta miña teima de manía profesoral ou correctora. Non hai tal. É simplesmente a aversión a ter que nos submeter a un vocabulario á moda noutra lingua, cando teremos o dereito a «sacar a pasear» con normalidade o caudal do galego xenuíno e a non sermos subsidiarios permanentemente de interferencias alleas. Xa abonda co galego –tanto oral como escrito– a cada paso máis castelanizado que empregamos… Tamén confeso que me provocan ronchas expresións adoito utilizadas (traducidas do español e, en moitas ocasións, tomadas neste idioma do inglés) tipo «ventana de oportunidad», «convertir un problema en un reto», «nicho laboral», «agentes sociales»… e tantas máis.

Alguén cualificará esta miña teima de manía profesoral ou correctora. Non hai tal. É simplesmente a aversión a ter que nos submeter a un vocabulario á moda noutra lingua, cando teremos o dereito a «sacar a pasear» con normalidade o caudal do galego xenuíno e a non sermos subsidiarios permanentemente de interferencias alleas.

Ora ben, ao que me vou referir non é a este tipo de «contaxio», senón a unha pegada máis fonda, pois é de carácter conceptual: o que a psicoloxía denomina memoria semántica, a que atinxe a mesma conceptualización. Así, por exemplo, o problema nacional do e no Estado español –o recoñecemento ou non das nacións que o compoñen– defínese como o problema «territorial». Moi ben! Agora resulta que somos un problema xeográfico ou xeolóxico, problema de «territorios». As políticas fanse para as «familias». Outro achado! Digo eu que nunha «familia» haberá suxeitos contribuíntes fiscais, por ingresos, por rendas, e outros que non o son en absoluto, por menores de idade ou por ausencia daqueles.

Neste tempo de debate orzamentario –tanto no Estado canto na Galiza– non hai día nen crónica en que non fale de familias vulnerábeis, colectivos idem, situacións de especial vulnerabilidade, etcétera. Vexamos: unha persoa cunha coxeira severa é vulnerábel, como transeúnte, se os semáforos non están debidamente regulados ou se os demais peóns non ceden educadamente o paso, máxime se esa persoa porta caxato ou muletas. Unha persoa con certas doenzas tamén o será para empregos varios ou noutras situacións da vida. Cualificar de «vulnerábel» quen é directamente pobre, ou se acha nunha situación de miseria ou, simplesmente, non ten traballo remunerado porque non o hai, ou foi despedida, ou está infrapagada ou debe combinar varias dedicacións laborais para sobreviver… é eufemismo inadmisíbel.

Cualificar de «vulnerábel» quen é directamente pobre, ou se acha nunha situación de miseria ou, simplesmente, non ten traballo remunerado porque non o hai, ou foi despedida, ou está infrapagada ou debe combinar varias dedicacións laborais para sobreviver… é eufemismo inadmisíbel.

Hai cen ou noventa anos, polo menos nalgúns textos da nosa historia, o encobrimento semántico-léxico era menor ou non existía. Sirva este exemplo. En 1933, Ricardo Carvalho Calero redixe o Manifesto titulado «Aos Escolares, aos Universitarios, aos Galegos», que advoga claramente pola galeguización da universidade e pola igualdade de dereitos para o galego, así como polo estabelecemento de cátedras permanentes de cultura galega. Unha das súas propostas reza: «Facilitación aos probes do acceso á Universidade» (transcrebo tal cal). Ou sexa: hai clases sociais, hai pobres, e eles merecen poder estudar. Hoxe falaríase tamén dos «máis desfavorecidos». Elas e eles, os «máis desfavorecidos», por que o son? Por designio divino? Por casualidade? Por lacazáns? Por que así lles tocou na roda da fortuna?

Fragmento do Manifesto «Aos Escolares, aos Universitarios, aos Galegos» | Galiciana

En fin. Vou ver de transformar os problemas sociais que detecto en retos, unha vez vista a xanela de oportunidade aberta aos ventos do meu territorio, confiando sempre en que os desfavorecidos do mesmo se poidan acoller a un plan de transformación e de resiliencia, empatía mediante, para non teren que emigrar (perdón, integrárense na economía global). E viva o reino do eufemismo!

Esquecíame. O pasado día 17 a ONU seica celebrou o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Os 364 restantes deben de ser da Apoteose da Riqueza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail