Maricarmen e o Supremo

Non queda alma neste país sen coñecer a historia do inxusto desafiuzamento de Maricarmen. Agás os fondos voitres, o círculo de Ayuso e a empresa que a botou da súa casa, Urbagestión, que di ser unha PEME e está rexida por Ricardo Alonso Fernández e Fernando Alonso Fuentes.

Para eles o desafiuzamento foi a implementación dunha sentenza xusta. Nesta falcatruada épica, a xustiza fixo tantas cousas mal que non cabe pensar que fose cousa de ineptos, senón dun despropósito colectivo do Tribunal Supremo. Foron os membros desta corte os que, ao final, despois de catro instancias, lle deron a razón á MALDADE, con maiúsculas. Porque o que lle fixeron a Maricarmen en Madrid é a representación do que pode facer a dereita neoliberal, capitalista e cruel apoiada por un sistema de xustiza que segue respectando as leis fascistas.

Como argumentaron os Alonsos, o seu contrato era unha segunda subrogación e, como tal, só pode estenderse por quince anos. E aquí está a trampa. Seu pai asinou o contrato baixo unha lei que prohibía que as mulleres tivesen un piso en propiedade

Segundo os señores de Urbagestión, Maricarmen tiña que deixar o piso hai anos. Como argumentaron os Alonsos, o seu contrato era unha segunda subrogación e, como tal, só pode estenderse por quince anos. E aquí está a trampa. Maricarmen tiña que ter a primeira subrogación, á que dá dereito a vivir na casa ata morrer.

O contrato asinouno o pai de Maricarmen no ano 1956, cando España estaba rexida por un ditador fascista que tomou o poder a través dun golpe de estado e unha guerra. É dicir, o país estaba nas mans dun goberno ilexítimo. Aquel poder ilegal non permitía que unha muller tivese propiedades ao seu nome. O pai de Maricarmen non puido poñer o nome da súa esposa no contrato de arrendamento. Como consecuencia daquela lei promulgada por un goberno golpista, cando o pai morreu, a súa muller tivo que pedir unha subrogación. Esta é a subrogación que o Tribunal Supremo e os Alonsos contan como primeira, a que lle dá dereito ao inquilino a quedar no piso para sempre.

Se o Tribunal Supremo fixera xustiza en vez de facerlle a cama aos fondos voitres e á extrema dereita, Maricarmen estaría agora na súa casa. Non entendo como se permite que se usen as consecuencias dunha lei fascista e sexista, que discriminaba brutalmente as mulleres, como trampolín para seguir facendo o MAL.

É unha aberración que a xustiza do Supremo basee as súas sentenzas «democráticas» en leis discriminatorias que lles quitaron TODOS os dereitos ás mulleres.

Hai unhas semanas, o Tribunal Supremo tamén ditou a suspensión do dereito a votar para os netos dos exiliados por causa do fascismo. Se suspender o dereito a voto dun cidadán non é unha medida ditatorial, entón imos ter que definir de novo o concepto de ditadura. Porén, os netos dos fascistas si que poden votar. E non só só votar.  Tamén poden usar as leis ilexítimas, que promulgaron seus avós, para poñer na rúa as mulleres que, por culpa do franquismo, non teñen dereito a morrer na casa onde viviron.

O caso de Maricarmen tiña que ir ao Tribunal Constitucional, porque o feito de que súa nai non puidera asinar o primeiro contrato de arrendamento (un dereito de igualdade contido na Constitución de 1978) provocou que ela perdera o piso. O Supremo debía considerar o contrato de Maricarmen como a primeira subrogación. Obviamente, o fascismo non deu a opción de que asinaran o pai e a nai. Os dereitos constitucionais de Maricarmen foron violados pola sentenza dun tribunal que respecta as leis franquistas coma se fosen lexítimas. É unha aberración que a xustiza do Supremo basee as súas sentenzas «democráticas» en leis discriminatorias que lles quitaron TODOS os dereitos ás mulleres. O que lle fixeron a Maricarmen é un crimen «legal».

[*Fonte da foto da cabeceira: Sindicato de Inquilinas e Inquilinos de Madrid]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail