O presidente do Parlamento de Galicia evita ler a moción dun minuto de silencio por Gaza para non pronunciar a palabra xenocidio

A Coruña.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, do Partido Popular, negouse este mércores para ler unha moción do PSOE aprobada por todos os grupos que pedía gardar un minuto de silencio polas vítimas de Israel en Gaza. Desa forma, Santalices evitou pronunciar a palabra xenocidio que contiña o texto da iniciativa e que os portavoces da súa formación levan semanas evitando.

Con todo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, si a empregou minutos despois, pese a que o voceiro do PP na Cámara dixera pouco antes que o seu grupo non compartía coa opsición o significado xurídico da expresión. O Goberno de Benjamin Netanyahu identificou o uso do vocábulo con supostas posicións antisemitas e de apoio ao terrorismo islamita.

O martes pasado, o PP rexeitara a proposta formulada polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que pedía un minuto de silencio en condena expresa polo xenocidio en Gaza, que Santalices non quixo debater ao comezo do pleno na sesión da mañá, o que impediu que se producise a homenaxe. Pola tarde, o grupo popular rexistrou outro texto alternativo que instaba a repudiar no mesmo acto os asasinatos de Hamás.

O mércores pola mañá, ao comezo do novo pleno, Santalices asegurou que xa había un acordo de todos os grupos sobre a proposta do PSOE e chamou a gardar o minuto de silencio. Cando os deputados e deputadas da oposición pedíronlle que lese a iniciativa para explicar o motivo desa acción, Santalices negouse: «A moción coñécena todos os grupos, imos ao fundamental», dixo, antes de apagar o son de todos os micrófonos do hemiciclo e de levantarse nunha actitude solemne que seguiu o resto da Cámara.

Posicións próximas á ultradereita

Tras o minuto de homenaxe, Santalices deu a palabra a Gómez Besteiro, que nunha pregunta oral ao presidente da Xunta alertou ao xefe do Executivo autonómico contra as posicións próximas á ultradereita que, ao seu xuízo, está a asumir o PP. Na súa resposta, Rueda acusou ao PSOE e ao BNG de «politizar» as masacres de Israel, sen pronunciar tampouco entón a palabra xenocidio pero falando expresamente de acabar coa «guerra en Gaza».

Nunha intervención posterior, a portavoz nacional do BNG e xefa da oposición, Ana Pontón, acusou a Rueda de «traizoar o sentir maioritario» da cidadanía ao negarse a que o Parlamento autonómico condenase expresamente o xenocidio. «Están no lado equivocado da historia ao equiparar vítimas e verdugos», dixo Pontón. Na súa segunda réplica á portavoz nacionalista, Rueda si falou entón de xenocidio e asegurou que os seus deputados aceptaran a condena expresa do mesmo de maneira «consciente».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail