O PP evita condenar o xenocidio no Parlamento de Galicia e fala da «inxustificada acción militar» de Israel

A Coruña.- O Partido Popular eludiu condenar o xenocidio de Israel en Gaza cun minuto de silencio do pleno do Parlamento de Galicia, e propuxo a cambio, evitando esa palabra, unha acción similar en sinal de solidariedade «cara aos inocentes civís palestinos vítimas da masiva e inxustificada acción militar ordenada polo Goberno de Israel». O PP, que poucas horas antes mantivera unha posición idéntica no Congreso dos Deputados, pretende que o acto de condena se dirixa tamén a expresar o respecto da Cámara cara «aos inocentes civís israelís vítimas do terrorismo de Hamás».

O portavoz do PSOE galego, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo o pasado luns que no pleno do día seguinte se gardas e un minuto de silencio polas matanzas de Israel en Gaza, mediante un escrito dirixido á Mesa da Cámara autonómica que falaba expresamente de xenocidio na franxa e en Cisxordania e da «reiterada vulneración» dos dereitos humanos básicos do pobo palestino. Ao comezo da sesión deste martes, Gómez Besteiro lembrou a súa reclamación ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, do Partido Popular, e pediu ao resto de grupos que se posicionase.

O BNG e o deputado de Democracia Ourensá (DO) anunciaron que apoiaban a iniciativa, pero o PP, que o pasado 9 de setembro xa se negou a apoiar unha declaración institucional de condena do xenocidio elaborada polos nacionalistas, asegurou descoñecer o contido da proposta. De feito, o seu portavoz, Alberto Pazos, tomou a palabra para denunciar que o PSOE propuxese «un minuto de silencio por escrito e sen falar, polo menos ata o de agora, co portavoz da maioría», é dicir, con el.

O presidente do Parlamento instou entón os grupos a negociala e a levar o asunto á mesa de portavoces, prevista para as tres da tarde, onde o PP chegou con outro texto alternativo que rexistrara trinta minutos antes propoñendo un minuto de silencio «ante o masivo asasinato de civís producido pola invasión de Gaza en resposta aos atentados perpetrados en territorio israelí pola organización terrorista Hamás».

Camiño das 70.000 vítimas mortais

O PSOE denunciou a actitude do PP e lembrou que o xenocidio se eleva xa a preto de 70.000 vítimas, a inmensa maioría civís inocentes e entre eles miles de nenos e nenas, e que millóns de persoas en Gaza viron «os seus fogares destruídos e as súas condicións de vida básicas arruinadas».

«Non hai nada que negociar. O que ten que clarificar [o PP] é se están de acordo en manter un minuto de silencio polo xenocidio en Gaza: si ou non», sinalaron fontes do grupo parlamentario socialista, que insisten en que o Parlamento autonómico, «como institución representativa do pobo galego, debería mostrar a súa solidariedade co sufrimento de miles de persoas, condenar esta violencia sen distinción e apoiar decididamente os esforzos internacionais para alcanzar unha paz xusta e duradeira na rexión».

Pola súa banda, a deputada e viceportavoz do BNG Olalla Rodil, que asistiu ao pleno cunha kufiya, reiterou que a súa formación apoiaba «con claridade e rotundidade» a proposta do PSOE e considerou «bochornoso que cando estamos diante dun masacre, dunha limpeza étnica, dun xenocidio como denunciou Nacións Unidas, se trate [o tema] con esta frivolidade».

O pasado 9 de setembro, en pleno auxe das protestas cidadás contra a participación dun equipo israelí na Volta ciclista a España, o Partido Popular tamén impediu que o Parlamento de Galicia aprobase unha declaración institucional de condena que esixía ademais a ruptura de relacións diplomáticas, financeiras e comerciais con Israel. A formación de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda nin sequera deu resposta á iniciativa.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail