O xenocidio de Gaza quebra a Unión Europea

A recente Asemblea de Nacións Unidas fixo moi visible a crecente división política que se vive entre os gobernos e as autoridades da Unión Europea sobre a súa diferente posición política ante o xenocidio palestino infrinxido por Israel en Gaza. Dende que hai un ano España e Irlanda apostaron por recoñecer ao Estado de Palestina, nunha gran parte dos Estados Membros aumentan as posturas críticas co Goberno de Benjamin Netanyahu.

Madrid e Dublín non provocaron un gran tremor entón, pero a cidadanía europea revólvese contra as graves vulneracións dos dereitos humanos mentres se polarizan as opinións públicas, e o barco dos silentes vaise baleirando aínda que nel queden importantes figuras. En España, este verán a Vuelta ciclista foi paralizada polas protestas en favor de Palestina. En Bruxelas, máis de 100.000 persoas xa saíron dúas veces ás rúas para protestar contra o xenocidio e Italia acaba de vivir uha xornada de folga nacional con interrupcións de portos, transportes ou escolas.

Quince socios comunitarios xa recoñecen a Palestina como Estado logo do movemento liderado por Emmanuel Macron en Nova York. Francia, Bélxica, Portugal, Luxemburgo e Malta decidiron seguir o camiño aberto por España e Irlanda, cando hai un ano se enfrontaron ao Goberno de Netanyahu co obxectivo de sentar as bases europeas cara a unhas futuras negociacións de paz en Oriente Medio, ao tempo que forzar a toma de posición do resto de gobernos europeos.

O chanceler Friedrich Merz vive aínda baixo a condena do Holocausto e verte bágoas nunha sinagoga, sen repudiar a actuación de Netanyahu e dos seus ministros ou amosar unha tristura semellante cara aos palestinos. E a dramática situación dos palestinos provoca tamén fortes divisións na política interna dos socios comunitarios. Nos Países Baixos a situación é máis fráxil porque o seu goberno se está a sumar ás medidas de presión na UE contra Israel, pero a fráxil coalición de partidos no poder non é quen de adoptar o paso de España ou Francia polo sometemento que nela exerce o partido ultra e xenófobo de Geert Wilders.

No mesmo barco que a ultra italiana Giorgia Meloni navega Alberto Núñez Feijóo, preso desa concepción entre os líderes da dereita europea pola cal consideran Israel como un faro en Oriente que libra en favor das democracias occidentais a guerra fronteiriza contra réximes musulmáns vistos, igual que as súas poboacións, como bárbaros.

Así acontencía hai xa oitenta anos. En 1944, a filósofa alemá Hanna Arendt criticaba a descolonización británica en Oriente Medio no seu pequeno ensaio A política exterior estadounidense e Palestina, denunciando de Winston Churchill a «tradicional desconfianza cara ao nacionalista árabe antieuropeo e a súa tradicional confianza no sionismo como movemento nacional dun pobo europeo e proinglés». Hoxe, dirixentes da dereita española como José María Aznar e Isabel Díaz Ayuso, da europea como o húngaro Viktor Orbán ou o conxunto da Administración Trump manteñen estas teses, ofrecendo a Israel o paraugas de impunidade para vulnerar de seguido os dereitos humanos e someter a súa poboación árabe nun réxime interior de apartheid.

A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, é outro exemplo desta visión da dereita europea, acrecentada coma Merz polo pecado contemporáneo alemán. Hai dúas semanas falou de atrocidades cometidas sobre a poboación palestina, pero logo o seu executivo presentou en Bruxelas unha tímida proposta de sancións contra Israel por 230 millóns de euros en novas tarifas aduaneiras, ademais de cortarlle a billa de fondos europeos dedicados á investigación e proxectos conxuntos por outros 20 millóns. En inglés diríanlle peanuts, cacahuetes para unha relación comercial superior aos 40.000 millóns.

Von der Leyen estivo, como Antonio Costa, presidente do Consello Europeo, na sede das Nacións Unidas en Nova York. O luso condenou as ofensivas militares sobre Gaza, causantes dunha «catástrofe humanitaria que desafía calquera descrición», de «cidades destruídas», «familias esnaquizadas» e «a fame empregada como arma de guerra». A política alemá situouse moi lonxe do discurso de Costa e falou de guerra como se na Franxa de Gaza houbese dous exércitos combatendo, ao tempo que evitaba calquera crítica a Israel mentres cualifica os atentados de Hamas como «un dos capítulos más escuros da historia». O risco de elevar así a retórica hiperbólica é situar o xenocidio nun chanzo infinito que certos políticos non están dispostos a subir.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail