Alemaña necroliberal

Por segunda vez en tres semanas, os resultados electorais na Alemaña oriental confirman a tendencia que nun ano acabará derrotando o goberno federal se nada muda. Cunha participación do 72,9%, só catro partidos superaron o límite do 5% para acadar representación: o SPD do chanceler Scholz (30,9%, 32 escanos), a extrema dereita da AfD (29,2%, 30 escanos), o BSW, partido de esquerda xenófobo liderado por Sara Wagenknecht (13,5%, 14 escanos) e os democristiáns da CDU (12,1%, 12 escanos).

Con estes datos na man está por ver como fai agora a socialdemocracia para formar goberno e tirar a lexislatura para adiante. A maioría absoluta sitúase nos 45 escanos; co que só SPD e BSW poderían sumar. Unha grande coalición dos Volksparteien –os dous grandes partidos transversais e moderados no ideolóxico– quedaría xusto por baixo da maioría absoluta: SPD e CDU suman 44 escanos. Na propia dinámica posterior do fluxo de voto, a grande coalición ben podería significar un estreitamento do espazo que ocupan senllos partidos a prol dos outros dous localizados nos extremos respectivos.

Por máis que estes resultados respondan ás particularidades rexionais, os resultados non se poden desligar do que acontece a nivel federal: a tendencia ascendente e sostida da AfD desde a primavera. Desde o sorpasso nas enquisas ao SPD, hai pouco máis dun ano, a extrema dereita disputa agora aos democristiáns un liderado bipartidista. No entanto, hai máis de dous anos que os tres partidos do goberno perden apoios. E se para o partido verde é un problema, para os liberais é cousa de pura supervivencia no límite do 5%.

Por se todo isto non debuxase un horizonte pesimista para a «coalición semáforo» en Berlín, o voto por idade este domingo reafirma tendencias anteriores e apunta unha situación aínda máis polarizada na mocidade. Nas enquisas en Brandemburgo, a AfD melloraría tres puntos porcentuais e gañaría con rotundidade o voto máis novo. De feito, por idade o SPD caería ata doce puntos entre a mocidade (uns trece puntos menos que AfD, á que venceu por pouco no conxunto do electorado). Dato interesante, neste senso, sería que de só votar a xente máis nova, a esquerda de Die Linke e os verdes entrarían no Landtag, no entanto o voto de Wagenknecht baixaría dous puntos. Os liberais quedarían fora.

Qué está a acontecer, pois, e que proxeccións saen logo desta serie electoral recente? Para entender estes datos dos Länder orientais e o ascenso de AfD cómpre ter moi en conta, por unha banda, o que foi a división de Alemaña e, pola outra, as mutacións experimentadas polo liberalismo desde a II Guerra Mundial. Vexamos.

No que fai á primeira, o grande feito diferencial oriental foi coñecer dous réximes autocráticos consecutivos: o III Reich, primeiro, e a RDA a continuación. Para boa parte do leste, incorporado á República Federal no momento álxido do colapso soviético, o neoliberalismo de Thatcher foi unha utopía fronte ao «socialismo realmente existente» (Rudolf Bahro). A idea dunha posición privilexiada polo feito de ser de etnia xermana (nacionalidade polo artigo 113 e unificación polo 23 da Lei Fundamental) combinada coa ideoloxía dunha liberalización ilimitada (o ideario da privatización do sector público mediante a Treuhandanstalt) sentou as bases culturais da actual Alemaña oriental.

No que fai ás mutacións do liberalismo, esta parte de Alemaña non coñeceu o benestar da posguerra que fixo posíbel o ordoliberalismo; como tampouco o cambio cultural que xerou aos verdes. Para cando caeu o Muro de Berlín, o tránsito do ordoliberalismo á hexemonía neoliberal estaba practicamente acabado. O xeito en que se unificaron a RDA e a RFA, nun contexto de auténtica euforia neoliberal e rexeitamento visceral do Socialismo coma un todo, fixo que se consolidara o marco mental que hoxe impulsa AfD.

O certo é que AfD non é un partido neonazi como se adoita caricaturizar. Trátase, pola contra, dunha forza radicalizada nun sustrato etnicista a partir do colapso neoliberal. AfD é un produto da II Unificación de Alemaña, combinado coa crise da globalización neoliberal. Como acontece con outras forzas de ultradereita, é a declinación localizada dunha mesma mutación neoliberal en curso: o necroliberalismo; un desprazamento para alén do paradigma neoliberal que se orienta a un horizonte ecofascista.

Á vista dos erros dos partidos do goberno nestes tres primeiros anos, non semella que no que queda de lexislatura vaian ser capaces de dar a volta aos pronósticos. O goberno de Scholz perdeu unha oportunidade única de refundar un proxecto que reforzase o poder público logo da pandemia. Agora, nun contexto bélico, xenófobo cos migrantes e de forte precarización da mocidade, a mutación necroliberal ten moito recorrido. Nada fácil de conter con só un ano de goberno por diante.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail