Vontade, fondos e persoal formado contra a violencia machista

Moito se falou durante as negociacións do Pacto de Estado de que os concellos deberan recuperar parte das competencias na abordaxe das violencias machistas, tras moito debate e moita declaración de intencións decretouse una reparto inicial de fondos para 2018, do que logo opinarei.

Que os concellos deben asumir competencias na loita contra as violencias machistas é obvio por dous motivos: porque son a administración máis próxima á cidadanía e porque xa o fan. Outra cousa é de que clase de competencias falamos. 

Desde un punto de vista feminista, as políticas públicas en torno á abordaxe das violencias machistas deben enfocarse desde o empoderamento e a autonomía das mulleres e outras persoas vítimas das violencias machistas, e desde o enfoque amplo do que son, quen as exerce, por que e cara quen. Neste sentido as políticas públicas feministas deben producirse desde a transversalidade e baixo os principio da interseccionalidade e dirixidas a atacar a orixe do problema, mediante medidas educativas, sensibilizadoras e de cambio de paradigma cultural. Estas medidas polo tanto deben ser transversais a calquera política pública que se deseñe, por iso é importante dispoñer de áreas propias, pero dotadas de recursos e, sobre todo, de capacidade para incidir no resto. Esta é unha das primeiras dificultades que nos atopamos nas administracións locais, a necesaria vontade de poñer en valor unha área que, ao fin, precisa case «auditar» o traballo do resto e implantar medidas de transversalidade coas suspicacias que isto levanta a nivel político e a nivel técnico.

Cando falamos da falta de recursos, sen entrar aínda no tema do Pacto de Estado, que require unha análise á parte, falamos de recursos humanos e materiais. As administracións locais, están afogadas pola lei Montoro, crear novas áreas e dotalas de persoal é unha aposta política por parte do goberno municipal que queira ir máis aló de facer políticas feministas figurativas. Ademais, o persoal debería de estar formado e debería tamén de poder ter acceso a formación específica, polo que hai que abrir procesos selectivos incorporando novos perfís e simultaneamente formar o funcionariado. De novo atopamos que fai falta vontade política, cartos e implicación tamén técnica das áreas de persoal e RR. HH. e do propio funcionariado. 

Fai falta vontade política, cartos e implicación tamén técnica das áreas de persoal e RR. HH. e do propio funcionariado

A respecto das políticas concretas de atención ás persoas afectadas pola violencia de xénero, xa no marco mais normativo, é importante poñer o foco na situación, no caso galego, da rede de CIMs que temos no territorio. Os CIM son recursos imprescindibles a día de hoxe, pero atópanse absolutamente desbordados.

Contamos en Galicia con 82 CIMs, regulados pola Xunta de Galicia, actualmente por un decreto aprobado no ano 2016 ao que se fixeron múltiples alegacións totalmente desatendidas nas demandas mais importantes. A xestión dos CIM é municipal, e recibe axudas mediante subvención por parte da Xunta de Galicia que non abondan para a actividade que actualmente realizan. Os CIM foron concebidos como recursos de atención a mulleres en xeral. A día de hoxe, o incremento de necesidades de atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero ocupa unha porcentaxe elevadísima dos casos que se atenden, coas consecuentes circunstancias de emerxencia e seguridade que isto supón. O persoal básico que, segundo a Xunta, precisa un CIM é unha asesora xurídica, unha psicóloga e unha directora, podendo facer as funcións de dirección algunha das outras traballadoras e deixando a decisión do concello as xornadas asignadas a cada unha delas. Isto, a todas luces, é claramente insuficiente, non só por sentido común, senón que as propias esixencias da Xunta para apoiar economicamente o seu sostemento sobrepasan o que un CIM coa dotación mínima pode realizar, como é incluir indicadores na xustificación da subvención da mellora da empregabilidade das mulleres ou xestionar a prestación dunha asistencia social integral, ou cando menos a  xestión de recursos como ATEMPRO ou o Salario Da Liberdade. É lóxico e preciso, pero non se contempla nos recursos asignados que teñan que dispoñer dunha traballadora social, dunha orientadora laboral ou, o que aínda é mais irracional, unha axente de igualdade. Convido á lectura do decreto de regulación dos CIM para que reflexionemos sobre se é coherente esixir cumprimento das necesidades e obrigas coa estrutura básica que propón a Xunta e na que basea o seu compromiso económico. Unha vez mais é a vontade política dos gobernos muncipais, as súas capacidades orzamentarias e, desgrazadamente, a vontade das traballadoras que, nalgúns casos e nalgúns momentos, son o verdadeiro sostén do sistema.

A día de hoxe, o incremento de necesidades de atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero ocupa unha porcentaxe elevadísima dos casos que se atenden, coas consecuentes circunstancias de emerxencia e seguridade que isto supón

Para rematar é necesaria a reflexión sobre os fondos aos concellos derivados do Real decreto lei 9/2018, do 3 de agosto, de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

En primeiro lugar é necesario destacar a importancia da estabilización dos fondos, en 2018 e 2019 saen puntualmente as resolucións, en 2018 tiveron medio ano para executar o gasto coa tramitación que iso conleva, para 2019 está previsto un ano entre xullo deste ano e xuño de 2020. Agardemos que vaian estabilizando o sistema de transferencia de maneira que se poida prever a inversión deses fondos, tal e como se desprende da resolución publicada.

O que si precisa unha reforma son os criterios de reparto, baseados únicamente en criterios poboacionais máis unha contía fixa por concello de 689€ á que se lle suman 0’18€ por habitante. Pódese observar no reparto como hai concellos que non chegan aos 1000€, o cal, no mellor dos casos, pode chegar para o deseño dun cartaz dunha campaña e pouco mais.

As 7 cidades obteñen para este período as seguintes cantidades: A Coruña: 44.626,82€, Ferrol: 12.851,42€, Compostela: 18.051,08, Lugo: 18.328,10€, Ourense: 35.059,55€, Pontevedra: 30.925,85€ e Vigo: 68.782,55€. Falamos das cidades de maior poboación que, en moitos casos teñen tacitamente «comarcalizados» servizos de atención como o CIM. 

Precisan unha reforma os criterios de reparto, baseados unicamente en criterios poboacionais máis unha contía fixa por concello de 689€ á que se lle suman 0’18€ por habitante

Os criterios deberían ter en conta outras cuestións que teñan que ver con indicadores de políticas públicas de igualdade que se levan a cabo, atención nos recursos específicos, etc., mais a tendencia que se barallaba como futura incorporación ía máis na liña, por exemplo, de negar fondos aos concellos que non teñan incorporado ao sistema VIOGEN á súa policía local. Este criterio aseméllase máis a unha chantaxe para que se produza esa incorporación, esquecendo que actualmente as policías locais están sufrindo un descenso de efectivos froito do recén aprobado decreto de xubilación anticipada, que ademais precisan modificar a súa organización, especializar persoal e asumir funcións que son propias do CNP, xa que non se trata só do acceso ao sistema senón de asumir seguementos de casos de mulleres vítimas. Parece froito dun xeito desesperado de tentar paliar as carencias que teñen actualmente nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a base de transferir funcións a outros corpos de xestión municipal e que xa asumen máis competencias que as exclusivas, tamén en violencia de xénero, por vontade dos seus gobernos e por desleixo do Estado.

Se algo teño que destacar en positivo desta primeira aportación que se fixo dos fondos asignados polo Pacto de Estado aos concellos, non é desde logo a cantidade, claramente insuficiente, senón que poida dedicarse a gastos de persoal ademais de a outras partidas e capítulos orzamentarios.

Como conclusión podo dicir que as dificultades que se atopan as administracións locais para abordar as violencias machistas en xeral, e a de xénero en particular, teñen que ver con vontades políticas reais no marco das tres administracións (xeral do estado, autonómica e local) porque grazas a moitos anos de loita feminista agora é imprescindible posicionarse na defensa da igualdade, pero hai moita figuración e menos compromiso realmente feminista que, coa que esta a caer, é xa o paso que, por responsabilidade, deben dar as organizacións que aspiran a gobernar en calquera delas, e que pretenden facernos crer no seu compromiso. A día de hoxe, o compromiso real aínda está por chegar na maioría dos casos, pero iso xa… sería froito doutro artigo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail