«Con independencia do que pidan os grupos na Cámara, eu vou pedir a miña comparecencia na comisión porque creo que o presidente da Xunta ten que defender os profesionais que traballan na sanidade pública galega e para min será unha honra defender como traballan, con que vocación traballan e con que recursos contan os profesionais da sanidade pública galega nesa comisión de investigación».
Alberto Núñez Feijóo (20 de setembro do 2018).
Defender.- Facer que [algo ou alguén] non sufra prexuízo ou dano. Loitar contra os que atacan [algo ou a alguén]. Dar argumentos en favor de [unha idea, teoría etc.].
Diccionario da Real Academia da Lingua Galega.
Alfonso María de Ligorio, ascendido a santo en 1839, é o patrón dos avogados católicos –de todo o colectivo, non só dos fans de Willy Toledo– e unha das figuras místicas que aseguraron ter experimentado a bilocación. «En 1774, estando en Arienzo, caeu nunha especie de esvaecemento. Cando espertou, afirmou ter atendido o papa Clemente XIV en Roma no seu falecemento. Multitude de testemuñas sinalaron telo visto nun sitio ou noutro á vez». Santa María, San Francisco de Asís ou Santo Antón de Padua son outros dos integrantes desa longa lista á que a Igrexa lles recoñece oficialmente ter estado en dous lugares ao mesmo tempo. Entre eles, que eu saiba, non hai ningún médico do Sergas.
Cando o presidente da Xunta pide comparecer na comisión de investigación sobre os recortes na Sanidade –a primeira iniciativa de calado na que toda a oposición se pon de acordo no que vai de lexislatura–, non só cambia de opinión sobre a creación deste órgano, senón que dá o paso empregando unha das súas estratexias favoritas: esconderse tras dos profesionais, aínda que pareza poñerse á súa fronte.
Escoitando a Núñez Feijóo, calquera diría que En Marea, o PSdeG e o BNG dirixen a súa acción conxunta contra «os profesionais que traballan na Sanidade pública galega» xa que o xefe do executivo se ofrece a comparacer para «defendelos». Porén, a iniciativa presentada no Parlamento pon o foco nas decisións políticas –e económicas– que, ao seu entender, puideron provocar a morte dun paciente no PAC de A Estrada cando non había ninguén para atendelo ou o falecemento de oito enfermos de hepatite C que agardaban por un medicamento, moi caro, que non chegou a tempo: dous altos cargos da Consellería de Sanidade están imputados por un suposto delito de homicidio imprudente.
A capacidade e a formación do persoal sanitario galego está fóra de toda dúbida e diso dan fe o solicitados que están estes profesionais máis aló do Telón de Grelos. Mentres os que quedan aquí sobreviven case como soldados de fortuna cos contratos por horas do Sergas, noutras comunidades do Estado ou noutros países de Europa convértense en escuros obxectos de desexo. Enfermeiras que, na fronteira dos trinta anos, acadan en hospitais do centro de Londres postos que aquí lles custarían toda unha vida. Ou o caso, que chegou a facerse viral, de Diana Antón, pontevedresa que exerce como médica de familia en Suecia cun salario de 6.500 euros mensuais e media hora para atender cada un dos seus pacientes. «Non volvo nin tola», asegurou no seu día ao Faro de Vigo.
Pero, aínda así, nin ela nin ningún dos nosos facultativos sobradamente preparados podería compararse con San Alfonso María. Por iso, a única médica de garda do PAC da Estrada non puido facer nada por salvar a José Manuel Brey aquel sábado de agosto. Mentres el agoniaba na sala de espera, ela estaba fóra, atendendo unha urxencia. A bilocación non se aprende nin na carreira nin no MIR.
A oposición sábeo e –nin neste caso nin no da hepatite C– acusa os profesionais, senón os políticos responsables deses recortes que a Xunta segue a negar. Por iso, se de verdade o presidente galego quere «defendelos», hai mellores xeitos de facelo que darse golpes no peito. Proporcionarlles unhas condicións dignas nas que faceren o seu traballo –que consiste, basicamente, en manternos con vida– pode ser só un deles.
Cando a Feijóo se lle preguntou na Cadena SER polas acusacións de manipulación nos medios públicos, deixou unha resposta que xa pasou aos anais do escapismo: «Eu non vexo a TVG». Agardemos que na comisión de investigación non empregue un argumento similar; se o fai, que polo menos desta vez non diga que a decisión de ir á privada tomouna a súa parella.