Advertencia de contido: suicidio, saúde mental, pensamentos intrusivos
Sáeme un Tiktok dunha rapaza que formula unha cuestión: e se os pensamentos intrusivos foran, realmente… a túa intuición falando contigo?
Ao principio só poño os ollos en branco, pero ao longo do día non podo deixar de pensar na barbaridade que dixo esa rapaza. Para que nos entendamos, «pensamento intrusivo» é un termo clínico para definir o fenómeno de pensamentos, imaxes, impulsos non desexados, que ocorren espontaneamente e poden ser provocados por estímulos internos ou internos. e tenden a ser considerablemente angustosios ou preocupantes (de aí o de intrusivo) e repetitivos. Estos pensamentos son, por definición, involuntarios, desagradables e estresantes, poden converterse nunha obsesión. Están asociados a enfermidades mentais como o trastorno obsesivo-compulsivo ou á depresión, e a neurodiverxencias como o trastorno de déficit de atención. Eu teño a miña historia persoal con pensamentos intrusivos, que controlaron moitos aspectos da miña vida durante anos. Cando vivín en Galway, alguén me dixo que o río que dividía a cidade en dous era extremadamente perigoso e moitas persoas se tiraban a el para cometer suicidio e pasei meses evitando por activa e por pasiva cruzar ese río polas súas pontes a pé. O motivo era que os pensamentos intrusivos asociados con saltar e as consecuentes imaxes das autoridades atopando o meu corpo consumíanme ata o punto de que tiña un medo real de acabar por tirarme. Durante unha época intentei librarme de levar a ninguén no coche porque comecei a sentir auténtico terror dos pensamentos que me dicían que dera un volantazo, especialmente cando un coche viña de frente. Non podía ter nada afiado nas mans demasiado tempo (coitelos, lápices, garfos) porque as imaxes mentais das mil formas nas que podía empregar ese obxecto para inflictir dano no meu corpo eran debilitantes e esgotadoras.
Agora, o internet ten un moi mal vicio de coller palabras que teñen un significado concreto, que nomean unha realidade para a que é importante ter unha linguaxe técnica e precisa, e banalizalo ata o punto do absurdo, dificultando que ditos termos se usen de forma apropiada. A rapaza que tivo a idea de bombeiro de soltar por Tiktok a súa revolucionaria teoría de que os pensamentos intrusivos poden ser a túa intuición comunicándose contigo seguramente non o dixo sendo consciente do significado orixinal do termo. Para o internet, un pensamento intrusivo é un pensamento un pouco raro que che aparece así sen moito contexto. Ou un impulso. Ter moitas ganas repentinas de cortar o pelo é un pensamento intrusivo. Comprar un capricho por internet é un pensamento intrusivo. Darlle un bico a túa parella é un pensamento intrusivo. Todo é un pensamento intrusivo. Nada é un pensamento intrusivo.
Este fenómeno repítese seguido. Un dos casos máis soados pode ser o do trastorno obsesivo-compulsivo, ou TOC. Levo anos vendo a xente dicir «yo es que tengo mazo TOC» ou a súa variante gramaticalmente incorrecta yo soy muy TOC, que quere dicir que unha persoa é moi organizada, ordenada ou particular sobre como lle gustan as cousas. Na realidade, o TOC caracterízase por un patrón de pensamentos e medos non desexados (obsesións) que provocan comportamentos repetitivos (compulsións). O TOC é unha enfermidade que pode chegar a ser extremadamente debilitante, xa que as obsesións e compulsións interfiren co día o día da persoa que o sofre ata o punto de causar un grande sufrimento emocional e, en ocasións, ata físico. Unha amiga miña ten pensamentos intrusivos que lle din que se non fai as cousas dunha forma determinada, algo horrible lle vai pasar á súa nai e á súa irmá. As compulsións asociadas tocan un pouco de todo: desde a man que ten que usar para facer as cousas, o número de veces que ten que dicir unha palabra ou a hora exacta á que ten que saír da casa. A ansiedade e os pensamentos que pragan a súa cabeza cando non segue os ditados das súas compulsións son algo que francamente non desexo nin para o meu peor inimigo, e paralízana. E ela di que se sinte con sorte, sabe de casos moito peores que o seu.
O outro día estaba nun grupo de persoas que non coñecía moi ben e unha delas mencionou casualmente que tiña TOC. Eu, co contexto que teño das persoas que coñezo que o sofren, reaccionei consecuentemente: «Oh! Que putada! Como o levas?». Miroume un pouco extrañada. «Pois non sei, é un coñazo estar agora de volta na casa dos meus pais porque o meu irmán é moi porco», dixo. «Tes movidas relacionadas co orden e tal?», preguntei. «Si, necesito que as cousas estean ordenadas, o desorden ponme moi dos nervios». A conversa xa tocara temas de saúde mental e xa compartiramos detalles moi íntimos, así que dixen: «Teño unha amiga que co Zoloft mellorou un montón». Ela, xa mirándome como se estivera eu coma un cencerro, respondeu: «Zoloft?». «Si, un antidepresivo? Sertralina? Non sei se se vende en España con ese nome», dixen eu, xa ca mosca detrás da orella. Ela ríu. «Non, non! Non digo TOC de enfermidade, digo TOC de que me gusta que as cousas estean limpas».
O caso é que non existe o TOC enfermidade e o TOC cuqui de que che gusta a cama ben feita e as bragas dobradas dunha forma concreta. Ter TOC é unha cousa e ser repunante, outra. E banalizar desta forma o nome dunha enfermidade mental tal paralizante e debilitante como esta só leva a que a xente que precisa acomodacións pola súa condición mental non sexa tomada en serio. A mesma amiga miña vive atormentada por pensamentos de que a súa nai vai morrer nun accidente de tráfico terrible se non di unha palabra o número correcto de veces di que cando explica o que lle pasa xa nin usa o termo TOC porque demasiadas persoas lle responderon hahaha eu igual tía non soporto o desorden como para que usar o termo clínico correcto para nomear a súa condición sexa contraproducente.
E isto agora estase extendendo ao linguaxe de terapia. Unha colega mandounos nun grupo de WhatsApp un audio de 7 minutos contándonos, cabreada como unha mona, unha conversa que tivera co seu irmán pequeno. O rapaz ten 20 anos e está nunha nova relación, e hai pouco tivo unha bronca titánica coa rapaza por un outfit que se puxo ela para saír de festa. Ela mandoulle unha foto, e el díxolle que para el era un boundary (límite) que ela non se puxera un top tan escotado. Discutiron, e ela ao final dixo, «whatever» («o que sexa»), o que el interpretou, por algunha razón, como whatever you want («o que ti queiras»). Despois veu as fotos da súa historia na que levaba o outfit orixinal, e el acusouna de mentir. Ela dixo: pero a ver, meu, eu na puta vida che dei a razón, non sei de que cona me falas. El, como resposta, acusouna de fascerlle gaslighting (luz de gas), que, para quen non o saiba, é unha lexítima táctica de abuso na que unha persoa intenta que outra dubide do seu propio xuízo a través dun prolongado descrédito dos seus recordos. Un malentendido cando non fuches capaz de manipular a túa moza mediante linguaxe de psicólogo para que non puxera no seu propio corpo a roupa que a ela lle pete, sorprendentemente, non é gaslighting.
E así con máis cousas. O outro día unha amiga acusou a un rapaz que lle falara moi intensamente por Tinder unha tarde e comezou a pasar dela ao día seguinte de love bombing (bombardeo de amor), outra lexítíma táctica de abuso que consiste en abrumar a unha persoa con atención e afecto na etapa inicial dunha relación para despois volverse distante e cruel. Busca atrapar á vítima nun ciclo de abuso. Que un pavo de Tinder co que falaches unha tarde sexa un imbécil desconsiderado non o convirte nun abusador, e é importante chamar as cousas polo seu nome. Gaslighting e love bombing son tácticas de abuso graves, e banalizalas a través de nomear todos os comportamentos que non nos gustan a través desta linguaxe que busca describir unha realidade concreta non axuda. Vólvenos máis cínicos e pinta de branco e negro todo o espectro de gris no que se move unha grande parte do comportamento humano. Penso que o rapaz que pasou da miña amiga é unha belísima persoa? Non creo, porque si que é certo que mostrou un interés por ela de primeiras que non se debía corresponder coa realidade, e despois non tivo o detalle de aclarar as súas razóns para cortar a comunicación abruptamente. Pero non todo é love bombing. Non todo é gaslighting. Non todo é TOC. Non todo son pensamentos intrusivos.
E eu non estou absolutamente en contra de aceptar que as linguas evolucionan e os significados das palabras cambian, pero é que isto é simultaneamente absolutamente innecesario e materialmente perxudicial. É bo que as tácticas de abuso teñan un nome. É bo que os síntomas de enfermidades mentais teñan nome. Non é bo que ese nome se use para todo.
Non, os pensamentos intrusivos non son a túa intuición falando contigo. E menos mal.