Como fun xuntando a Biblioteca Atlántica

Eu crieime nunha casa case sen libros. Había se cadra (nunca os contei) unha ducia deles, de cociña, relixión, de política, e mais algún outro de difícil catalogación. De todos eles só vin á nai de tanto en tanto entrar nas páxinas do Picadillo, que tiña coma un tesouro, para revisar a receita do coello á cazadora, como facer a salsa verde ou como preparar a lamprea á moda de Arbo. Pai lía o xornal todos os días e nai folleaba varias revistas cada semana. Pai e nai tiñan outras coidas e outras ocupacións afastadas da lectura, sen dúbida, mais estimularon que nós leramos e, cando se deron de conta que a algún dos irmáns nos gorentaba a lectura, non dubidaron en agasallar libros e revistas de banda deseñada.

Na casa da aldea, que visitabamos tres meses cada ano, había un par de andeis de libros, entre os que un día descubrín unha edición de El origen de las especies, de Charles Darwin, e varias novelas que no seu día deberon ser famosas como Vinieron las lluvias, do escritor estadounidense Louis Bromfield, Los cuentos de la Alhambra, de Washington Irving, algunhas das chamadas do Oeste, do dentista de Ohio Zane Grey e un exemplar de Nós de Castelao, que agochaba no fondo do caixón superior dun armario, ao que tardei anos en acceder, xa cando finara o avó. Trouxéraos da súa estadía no Uruguai, onde debeu desenvolver unha actividade galeguista discreta, pois de aí lle viña a súa amizade con José Trapero Pardo e coa súa dona Delia Caetano.

Xa na pre-adolescencia, fun enchendo varios andeis dun moble que tiñamos no corredor da casa do Preguntoiro, en Compostela, que pasou a se denominar, «o moble dos libros». Contiña os libros da escola dos varios irmáns, por descontado, mais tamén as incipientes coleccións de libros chamados «xuvenís», moitos deles adaptacións simplificadas de grandes clásicos da literatura de aventuras (Jules Verne, Emilio Salgari, Daniel Defoe, Robert Louis Stevenson), mais tamén outros de literatura inglesa para adolescentes, como As aventuras de Guillermo, de Richmal Crompton, un bo feixe de libros de Enid Blyton. Todos eles desenvolveron, primeiro de xeito pre-consciente, mais despois de xeito consciente, a miña preocupación xuvenil polo estudo e goce da natureza.

Tardei en ter libros en galego, pois non foi senón a mediados dos anos setenta, cando pai me agasallou coas Poesías de Rosalía de Castro e coa novela de Carlos Casares Xoguetes para un tempo prohibido, en edicións especiais dunha caixa de aforros.

Despois, aínda novo, xa entrado na universidade, comecei coa lectura dos elementos máis sonados da literatura suramericana, que serían alimento das miñas tardes de verán e noites de inverno. A lista é longa, xa imaxinan: Cortázar, Borges, García Marquez, Onetti, por descontado… Mais quero referir aquí un par de autores que, sen formar parte explícita do famoso «boom», formaron parte das miñas lecturas favoritas, como Manuel Puig ou Severo Sarduy. Comecei tamén a ler textos clásicos de marxismo, algúns deles, diría, aínda hoxe de interese e actualidade, como Los conceptos elementales del materialismo histórico, de Marta Harnecker.

De xeito tímido, nas primeiras migracións, fun entrando en contacto con outras linguas, como o portugués, o catalán e o inglés, e devagar fun quen de ler orixinais nesas linguas. Levou tempo, mais aínda hoxe aqueles exercicios na miña mesa de traballo, coa axuda dos dicionarios, non deixa de reportar satisfaccións, pois permite a lectura na lingua orixinal do autor, o que sempre resulta interesante.

Xa en futuras migracións, entrei en contacto con variadas linguas de traballo e comunicación (francés, italiano), familiarizándome co seu uso e goce, e así pasei a ler textos orixinais nas sete linguas da miña biblioteca, unha para cada día da semana.

Na seguinte entrega comezarei coa descrición e análise das obras que teño en mente legar ao meu neto. Para comezar pensei en facelo cunha novela de aventuras, Moby Dick, mais non só de aventuras, como co tempo se verá.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail