Os escándalos de Schrödinger

Dende a morte en prisión do infame Jeffrey Epstein, condenado por abusos sexuais a menores e por procurar nenos para a prostitución, moito se especulou e escribiu sobre os posibles visitantes á sua casa en Nova York e á famosa illa de Little Saint James, onde, segundo a denuncia presentada polas Illas Virxes e por varias mulleres agora adultas, manexaba un negocio de tráfico de menores.

O caso de Epstein leva sendo polémico desde 2019, cando o seu aparente suicidio fora obxecto de especulación e teorías de conspiración, que acusaban a unha figura nebulosa e todopoderosa de asasinalo para evitar que falara. Se ben a morte foi declarada un suicidio polo forense, varias voces coñecidas no círculo das teorías de conspiración, como Alex Jones, parecían convencidos do contrario. Entre estas voces debo incluír a Donald Trump, que, manténdose ambiguo coma sempre, declarou que non descartaba a posibilidade do seu asesinato.

Máis recentemente, durante a súa última campaña en 2024, Trump prometeu que faría públicos os documentos do Departamento de Xustiza dos Estados Unidos sobre o caso Epstein, en conxunto cos dos asasinatos do presidente Kennedy (1963) e Martin Luther King Jr. (1968). Desta forma, gañou o apoio do sector da poboación coñecido como QAnon, o movemento de dereita extrema que cre que hai unha elite de caníbales que trafica con nenos para cometer abusos sexuais e despois comelos, e que Donald Trump está liderando a pelexa contra eles.

Agora que xa gañou as eleccións, Trump deu a volta por completo no caso de Epstein. Pasou de dicir que en calquera momento ían facer públicos os documentos, incluída a polémica listaxe de clientes, a mandar unha serie de mensaxes contraditorias. Os documentos non existen. Os documentos tenos Pam Bondi, a Fiscal Xeral dos Estados Unidos. Non imos facelos públicos porque non existen. Escribiunos Biden. Pero non existen. Non, espera, foi Clinton. Pero que vos digo que non existen! Non, non, xúrovos que os escribiu Obama. Pero non son reais. Seguides falando disto?

Ao mesmo tempo, Trump está intentando distraer os seus cidadáns, e os seus votantes, que parecen divididos nesta polémica e non o están apoiando con tanta contundencia coma sempre, a base de facer públicos os documentos do asasinato de Martin Luther King Jr. (cuxa filla esixiu que fixera o mesmo cos de Epstein) ou ameazando con quitarlle a nacionalidade a Rosie O’Donnell, actriz de Harriet a Espía, por pronunciarse na súa contra. O’Donnell respondeu á ameaza publicando unha foto de Trump e Epstein xuntos, lembrándolle a todo quen a vexa que eran amigos nos 80, 90 e principios do 2000.

Pero as cousas non parecen ser tan fáciles coma sempre, e as tácticas de distracción de Trump, como a de chamarlle «Alligator Alcatraz» (alcatraz de caimáns) ao campo de detención en Florida para banalizar as terroríficas condicións nas que se atopan os prisioneiros, non lle están funcionando tan efectivamente coma antes. É o que ten facer campaña de cara ao sector mais paranoico da sociedade: cando prometes destapar unha conspiración e despois intentas facerlles crer que en realidade aí non pasou nada, é pouco probable que che fagan caso.

Así pois, Trump vese atrapado na súa propia rede de mentiras e distraccións. O que fora o seu billete dourado durante a campaña tórnase velenoso ao chegar á presidencia. A medida que rexorden fotos da súa amizade con Epstein, os seus votantes de QAnon e outros grupos conspiranoicos comezan a preguntarse a quen está protexendo o seu presidente, que eles mesmos proclamaran coma un mesías e salvador, o guerreiro santo da cruzada contra o círculo de pedófilos da elite política. O seu cabaleiro alaranxado estaos decepcionando e, agora que é presidente novamente, resulta difícil separalo da elite que parece estar protexendo e a quen os seus votantes tanto detestan.

É moi arriscado, ao meu ver, predicar en contra das maldades dos que están no poder dende un púlpito no alto da pirámide. O máis probable é que a mesma xente que veña destronar os poderosos á súa orde acabe levando por diante tamén ao predicador.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail